Ames Radio

O Grupo Municipal Socialista, en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta esta MOCIÓN SOBRE MEDIDAS PARA POTENCIAR E MELLORAR O FUNCIONAMENTO DA RADIO MUNICIPAL DO CONCELLO DE AMES, en base á seguinte

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Desde o ano 2006 no que empezou a emitir en probas, o concello de Ames conta cunha emisora de Radio Municipal que serviu sempre, en maior ou menor medida, como canle de comunicación e información non só para os veciños e veciñas de Ames, senón para outros que se atopaban no contorno. O obxectivo da mesma sempre foi ser a voz libre de todos os Amienses, ademais de servir como marca de identidade do noso concello.

Os anteriores gobernos de Ames sempre intentaron potenciar e consolidar a Radio Municipal dotándoa, en primeiro lugar, dos medios técnicos e humanos necesarios para que puidese desenvolver a súa tarefa da maneira máis digna e profesional posible, e, en segundo lugar, que contara cunha programación que achegase aos veciños e veciñas de Ames á información do noso Concello e se sentiran partícipes dela. A programación da Radio buscou en todo momento darlle cabida e presenza a todos os colectivos, grupos ou asociacións que quixeran intervir e tiveran algo que dicir.

Coa chegada do novo goberno municipal a Radio Municipal veu mermados e recortados os seus recursos e asistimos, por primeira vez, ao veto das formacións políticas con representación municipal, o que impide que a Radio Municipal sexa plural e participativa como o foi sempre e que á súa vez os Amienses poidan escoitar con facilidade e de maneira habitual aos seus lexítimos representantes.

Por outra banda, diversas iniciativas postas en marcha polo anterior Goberno, como foi por exemplo a conexión da radio municipal a RadioFusión, co obxectivo de cubrir unha maior orquilla informativa nas horas baleiras da emisión municipal, foi eliminada da programación aludindo a problemas técnicos e sen que a día de hoxe se solventaran os mesmos, a pesares de que na web segue a anurciarse na súa programación. Ames Radio sempre foi un motivo de preocupación para os Socialistas e por iso é o noso obxectivo que esta Radio Municipal continúe existindo e sobre todo poida seguir medrando e modernizándose para que chegue a todos os Amienses que se atopen no municipio ou fóra del. Non podemos permitir que un proxecto que é catalogado na propia web como un dos proxectos mais novidosos do noso Concello sega a dinámica que o Goberno de goberno actual implantou, sen case explotación da mesma, publicidade ou información, como así se pode ver nas novas que se publican na web dende a entrada do Goberno do PP. Na actualidade existen diversos medios técnicos cun custe non excesivo como a emisión por streaming, a elaboración de podcast, a coñecida como “radio á carta”, ou as aplicacións para teléfonos móbiles que adaptarían a Ames Radio aos novos tempos e achegaría a súa programación a unha audiencia moito maior no cal incluiríamos un público máis mozo que está máis alfabetizado dixitalmente.

E para concluír creemos que o propio Goberno municipal debe encargase de dar a coñecer e publicitar o máis posible a nosa Radio con todos os medios dispostos ao seu alcance, cousa que na actualidade non está a facer.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de AMES somete para a súa aprobación no Pleno a adopción dos seguintes ACORDOS:

1. Elaborar un estudio da cobertura actual de Ames Radio.

2. Para unha maior difusión e incremento da audiencia e modernización da Radio Municipal, que se dote dos medios técnicos e económicos necesarios para a emisión por streaming a través de internet.

3. Que os Grupos políticos con representación municipal teñan unha presenza semanal de 45 minutos na Radio Municipal, como se tiña na anterior lexislatura.

4. Que se convoque unha comisión de traballo con presenza de todos os grupos políticos con representación municipal para facer un regulamento que permita implementar a publicidade co obxectivo de acadar unha auto-xestión da Radio Municipal.

5. Que se traballe na búsqueda de vías de financiamento a través de convenios con outras administracións.

6. Que o Concello, a través dos medios propios dos que dispón (pantallas informativas, páxina web, etc.) se encargue de anunciar e publicitar Ames Radio e o seu canle 107.2.