Para os Socialistas, a presenza do Secretario Xeral do PSdeG é un refrendo ao traballo que leva desenvolvendo a Agrupación Socialista de Ames

Os Socialistas fan unha invitación masiva para que toda a cidadanía sexa partícipe deste acto e poida “non só escoitar, senón tamén propoñer e comentar o que considere oportuno

O PSdeG-PSOE de Ames continua co ciclo de conferencias nas que analizan o presente e o futuro do Partido Socialista. Esta actividade que iniciaron o pasado mes de xaneiro coa presenza do Secretario de Organización do PSOE, Óscar López, na que analizou o futuro do PSOE e debateron sobre as primarias; ten a súa continuidade este venres día 7 e contarán coa presenza do Secretario Xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que analizará a súa victoria nas eleccións primarias dos socialistas galegos e o posterior refrendo como Secretario Xeral polo Congreso do PSdeG. Ademais, trataranse temas como as vindeiras eleccións europeas, as primarias para as alcaldías e para a elección do candidato/a á presidencia do goberno, ou as liñas de traballo da executiva que dirixe.

Para os Socialistas de Ames a presenza do Secretario Xeral do PSdeG é moi importante posto que é unha maneira de refrendar o traballo que se leva desenvolvendo na agrupación pola executiva que dirixe Francisco Villaverde. “En menos de dous anos fomos capaces de levantar ao Partido en Ames, que estaba noqueado desde que se perdera a alcaldía”, manifesta Paco Villaverde; “dedicación, ilusión e traballo en equipo son as claves desta executiva para ser capaces de levantar a cabeza e poñer a maquinaria a funcionar para presentar unha candidatura á altura do que necesita o pobo de Ames”, recalca o Secretario Xeral Local.

Acto aberto e participativo
Esta charla-coloquio de Gómez Besteiro terá lugar na Casa de Cultura do Milladoiro, e será aberta a todos os veciños e veciñas que queiran asistir e participar; de aí que os Socialistas amienses fagan unha invitación masiva para que toda a cidadanía sexa partícipe deste acto e poida “non só escoitar, senón tamén propoñer e comentar o que considere oportuno”, puntualiza Villaverde. “Nós vemos a política como unha actividade na que é fundamental escoitar e debater, onde é fundamental as opinións e suxestións que os veciños e veciñas poidan aportar”, afirma con rotundidade o socialista.

Na charla que comezará ás 20:15 horas tamén intervirán o propio Francisco Villaverde e o portavoz municipal, José Miñones; e o desenvolvemento do acto terá un formato distinto aos tradicionais mítines, para fomentar, precisamente, a participación e o debate.