O grupo municipal socialista de Ames presentará na vindeira sesión plenaria a súa proposta de obras para incluír no Plan de Obras e Servizos do ano 2013 e que inclúe melloras no saneamento de varias parroquias, a construción dunha zona de aparcamento en Aldea Nova e o arranxo do acceso ao colexio Alca. Unha solicitude que os socialistas presentarán directamente ao pleno despois de que o alcalde Santiago Amor nin sequera dera resposta á petición socialista de convocar unha Xunta de Voceiros para conformar unha proposta conxunta dos tres grupos municipais.
Para o voceiro do grupo socialista, José Miñones, “o señor Amor volve a demostrar unha vez máis a súa prepotencia e que está pechado a todo o que signifique diálogo e negociación a prol do benestar dos veciños e veciñas de Ames, pois nin sequera se dignou a contestar a unha petición dunha Xunta de Voceiros que presentamos por escrito hai hoxe un mes para ver de acordar a mellor proposta para a veciñanza amiense”. Unha petición que foi rexistrada o pasado 7 de novembro de 2012 e que non recibiu resposta algunha por parte da Alcaldía.
Seguridade viaria en Biduido
A proposta do grupo municipal socialista para o POS 2013 inclúe obras de gran interese para a seguridade viaria dos nenos e nenas que acoden ao colexio ALCA. Así, os socialistas solicitan o arranxo da pista que sae da rotonda de Biduido de Abaixo e remata o colexio ALCA. “O firme está moi deteriorado e, coa choiva e a cantidade de vehículos que pasan por aló a diario, a situación é un completo caos en moitas ocasións”, explica Xosé Miñones.
Ademais, os socialistas solicitan a construción dunha beirarrúa dende o colexio ata a rotonda para impedir que os nenos e nenas teñan que camiñar pola estrada, co perigo que supón para eles pois teñen que circular entre os vehículos particulares e os autobuses por unha pista moi estreita. Unha situación que supón un risco potencial moi importante para os usuarios e usuarias deste centro educativo, como quedou de manifesto hai unhas semanas cando unha ambulancia non puido acceder ao colexio para evacuar a un rapaz ferido leve polos vehículos aparcados nas marxes da pista. Por iso, os socialistas tamén solicitarán ao Concello de Ames
que, noutra partida orzamentaria diferente ao POS 2013, incremente a área de aparcamento na zona negociando co propietario da parcela situada xusto diante do colexio.
Saneamento
A segunda obra proposta para o POS 2013 é a continuación do plan de saneamento nas parroquias de Trasmonte e Agrón. Unhas obras que incluirían o remate da rede de sumidoiros nos núcleos de Sorribas e Suevos (na parroquia de Trasmonte) e en Piñor e Ponte Maceira (parroquia de Agrón).
A terceira e última obra sería a construción dunha zona de aparcamento xunto ao edificio de usos múltiples de Aldea Nova, que en breve comezará a funcionar. “Trátase dunha zona na que case non hai sitio para aparcar e sería intelixente ser previsores e evitarlles o problema aos usuarios deste edificio antes de que se poña en marcha”, sinala José Miñones.