Paco Villaverde

Paco Villaverde: “Pedímolle ao PPdeG que tome cartas no asunto e que “arranxe o caos político que tolerou e do que son cómplices Rueda e Feijóo”

O PSdeG-PSOE amosa a súa intranquilidade ante a situación cada vez máis grave que se está a vivir en Ames a causa da neglixencia e a ineptitude dos dous bandos orixinados dentro do partido de goberno, porque vai a orixinar un desgoberno e unha desatención que pode chegar a colapsar o municipio.

Durante a xuntanza mantida onte martes entre a Executiva Local e o Grupo Municipal dos socialistas de Ames, na que se analizou en profundidade a situación dramática na que se atopa o municipio e se debatiron as actuacións a seguir durante os próximos días, acordouse que “o Partido en Ames vai a actuar con responsabilidade e con compromiso cara os veciños e veciñas de Ames”, e non vai a permitir de “ningún xeito que o concello caia nun desgoberno por culpa das loitas internas e as ambicións persoais de Amor e Argibay”, segundo apunta o Secretario Xeral, Paco Villaverde.

O PSdeG de Ames apostilla que se chega a esta situación en Ames por dúas razóns fundamentalmente: por un lado por culpa da política de egos existente dentro dos Populares amienses que desembocou nunha loita fratricida polo poder. E a segunda por culpa da direccións provinciais e nacionais do PP de Galicia que eran coñecedores desde fai tempo da loita existente e non quixeron poñerlle remate, permitindo que fose cada días a máis e desembocando na crítica situación actual.

INTERVENCIÓN DE RUEDA E DE FEIJÓO
Por tal razón é pola que o partido Socialista lle piden á dirección do PPdeG que tome cartas no asunto e que “arranxe o caos político que tolerou e do que son cómplices Rueda e Feijóo”, afirma Paco Villaverde. Os amienses non teñen porque pagar a incompetencia duns dirixentes políticos que miran para outro lado mentres se produce unha guerra civil no partido que teñen a obriga de dirixir.

Por iso “lle esiximos a Rueda e a Feijóo que poñan orde e rematen con esta situación” e que ademais “sexan exemplarizantes coas medidas a tomar porque non é entendible a actitude adoptada polos concelleiros e concelleiras do PP de Ames”, manifesta o Secretario Xeral do PSdeG amiense.

Os socialistas apuntan que ante esta situación estarán máis atentos ca nunca á gobernabilidade do Concello, xa que o Partido Popular non o fai.

SENSATA E COMPROMETIDAMENTE
A Executiva Local, conxuntamente co Grupo Municipal, non serán cómplices do abandono ou a deixadez na que poida caer o municipio, e por coherencia política actuarán sensata e comprometida cara os veciños e veciñas de Ames, aos que lles pedimos “que estén tranquilos ante esta situación”, porque “nos doe poder perder todo aquelo que conseguimos durante os oito anos de goberno socialista” e “porque as persoas de Ames non teñen porque ser as vítimas desta situación”.

MOCIÓN DE CENSURA
Na xuntanza mantida tamén se abordaron as accións a seguir durante os próximos días, e os membros, tanto do Grupo como da Executiva, consideran imprescindible que o alcalde explique como vai a reestruturar o equipo de goberno e como vai a garantir a gobernabilidade.

Tamén se comentou a actuación ante unha moción de censura, deixando claro que o Partido Socialista non formaría parte nin apoiaría de ningunha maneira esa posibilidade.