Recadación

Miñones di que os socialistas esperan que “este capricho do alcalde e o seu goberno non signifique un retroceso na calidade do servizo e vaia en detrimento dos amienses”

Pídenlle a Santiago Amor que explique o que vai pasar o 1 de febreiro cando sexa a Deputación quen asuma o servizo

O pasado 25 de outubro o goberno municipal que preside Santiago Amor tomou a decisión de delegar as competencias tributarias na Deputación Provincial de A Coruña, cancelando así o contrato coa empresa que ata o de agora viña realizando estas xestións. Os socialistas, que xa nese pleno nos opuxemos ao cambio, seguimos amosando a nosa preocupación porque estamos convencidos de que os amienses van a sufrir un retroceso importante no servizo de recadación, ademais de non ter demasiado claro que esta variación no cobro dos impostos municipais aporte os beneficios que defende o alcalde.

Ante a intranquilidade que nos produce todo este asunto o Grupo Socialista efectuou varias preguntas, tanto ao goberno municipal como á propia Deputación Provincial, na que a información facilitada foi máis ben escasa ou nula nalgúns casos, xa que aínda estamos esperando a resposta do ente provincial. (Achegamos copia das preguntas presentadas por escrito). As dúbidas ante as que nos atopamos os socialistas xiran en torno a:

  • Como vai a quedar estruturado o servizo, especialmente no que se refire a atención aos veciños e veciñas: ata o de agora existían dúas oficinas, unha no Milladoiro con horario de mañá e outra en Bertamiráns con horario de mañá e tarde.
  • O beneficio económico real, xa que segundo o alcalde o cambio á Deputación ven dado porque existe un aforro que ronda os 240 mil euros anuais, pero a realidade é outra ben distinta, xa que por exemplo dentro das competencias tributarias da entidade provincial non entra a xestión catastral e a inspección do ICIO deberá realizala o concello de Ames, que carece de persoal para esta tarefa. Ademais, non está claro o beneficio que pode repercutir no concello a xestión das multas ou que vai pasar cos padróns e liquidacións de taxas que está realizando actualmente a empresa privada e que non fará a Deputación.
  • O persoal (9 traballadores/as) que ata o de agora ven traballando na empresa privada e que van a pasar a unha situación de desemprego.

Os Socialistas de Ames só queremos que os nosos veciños e veciñas teñan os mellores servizos e por iso “non entendemos porque Santiago Amor ten tanto interese en modificar a recadación municipal sen explicar de maneira clara e concreta como vai a quedar establecido o servizo que nos preste de agora en diante a Deputación”, apunta José Miñones. Gustaríanos saber porque razón, por exemplo, antes de acordar mudar á Deputación Provincial non falou coa empresa encargada da xestión tributaria e intentou negociar un contrato á baixa como fixeron outros concellos. “Esperamos que este capricho do alcalde e o seu goberno non signifique un retroceso na calidade do servizo e vaia en detrimento dos amienses”, di Miñones, e por eso lle esiximos “que nos diga con cantas oficinas imos a contar e como se vai a atender aos contribuíntes”, recalca o portavoz municipal.

Pero esta preocupación, aínda se agrava máis cando nos enteramos que o Pleno da Deputación Provincial acordou facerse cargo deste servizo o pasado 25 de xaneiro, é dicir, tres meses despois de que se aprobase no pleno de Ames; cando o contrato coa empresa remataba o día 4 de xaneiro, e polo tanto o concello tivo que negociar con ela unha ampliación do servizo ata finais deste mes. “Por eso nos preguntamos que vai pasar mañá?, a situación de desgoberno en Ames lévanos a estas faltas de previsión e a este caos”, segundo José Miñones

POSIBILIDADE DE REDUCIÓN DO SERVIZO

Esperamos que non sexa certo que se reduza o servizo e non se suprima ningunha das oficinas existentes, nin se varíen os horarios de atención ao público, posto que de ser así “non sería entendible que se cambie para peor” e que polo tanto sexan os cidadáns os que “volvan a sufrir a neglixencia e a incompetencia dun goberno que se amosaría prexudicial para os amienses”, segundo manifesta José Miñones.

Rematamos recalcando a necesidade urxente de que explique como se distribuirá o novo servizo de recadación tributaria e que presente as contas de cales son os beneficios que aportan ao concello esta modificación. “O alcalde debe dar a cara e respostar ás preocupacións que lle plantexamos a oposición e os amienses”, porque “non sería entendible un novo recorte para os cidadáns”, conclúe Miñones.

Nós, os Socialistas de Ames, só queremos o mellor para os veciños e veciñas, independintemente de quen realice os servizos.

DATOS DE ATENCIÓN AOS CIDADÁNS DA EMPRESA

⎯ A empresa finalizou 3884 expedientes no 2011.
⎯ 11.164 asistencias a xente.
⎯ Inclusión dun call center cun incremento enorme en chamadas.
⎯ 42 asistencias de media diarias.
⎯ Cerca de 8000 cartas de aviso para IVTM (vehículos) e 8700 para o IBI.
⎯ Oficina virtual tributaria posta en marcha con 713 accesos (4 diarias).