Historia do Socialismo en Galicia

José Blanco asistirá ao segundo ciclo que leva por título “A Consolidación do Partido (1982-1998)

Francisco Villaverde di que estas xornadas perseguen unha “maior participación e implicación da militancia e achegar máis o Partido á sociedade”

Este venres, día 15 de febreiro, a Executiva Municipal do PSdeG de Ames celebrará a segunda xornada sobre a Historia do Partido Socialista en Galicia. Nesta ocasión a etapa a debatir será a comprendida entre os anos 1982 e o 1998, ou o que é o mesmo, o periodo que abrangue desde as eleccións xerais do ano 82, que levaron ao PSOE de Felipe González e Alfonso Guerra ao goberno de España, e que supuxeron un impulso importante para o Partido Socialista en Galicia; e o congreso de Ourense do ano 98 no que o PSdeG iniciou unha nova e importante etapa con Emilio Pérez Touriño ao fronte do Partido.

Nesta ocasión os protagonistas desta charla, que leva por título, “A consolidación do Partido”, serán tres históticos militantes do PSdeG que foron parte importante da etapa en cuestión:

  • José Blanco López, que ocupou a Secretaría de Xuventude (1982-1985), foi Coordinador de Organización da Executiva Nacional Galega e Senador (1998-1996)
  • José Nogueira Fernández, Secretario de Organización da Executiva Nacional Galega (1985-1994) e Parlamentario autonómico (1985-1993)
  • Antonio Rodríguez Rodríguez, Secretario Xeral do PSdeG (1982-1985), Presidente do PSdeG (1985-1987), Deputado nas Cortes (1982-1989/1993-1996) e Senador (1989-1993)

Os Socialistas de Ames poñen en valor estas actividades que están a desenvolver por ser a primeira vez que dentro do Partido se organiza unhas xornadas nas que os protagonistas contan e analizan como foi o percorrido desenvolvido polo Partido Socialista en Galicia, e eso ponse de manifesto no interese que están despertando tanto entre a militancia amiense como entra a de outras agrupacións limítrofes, xa que nas celebradas o primeiro día contaron coa presenza de socialistas da comarca de Compostela: Santiago, Negreira, Santa Comba, Teo, Oroso ou Boqueixón; pero tamén houbo outros que asistiron desde Porto do Son, Ferrol, Mazaricos ou Vilagarcia. Tamén é de destacar a asistencia do Secretario Xeral Provincial e parlamentario, Francisco Caamaño ou a de representantes da Fundación Luis Tilve, que se está encargando de estudiar a historia do socialismo en Galicia.

Como xa manifestou o Secretario Xeral dos Socialistas de Ames, Francisco Villaverde: “Con estas xornadas pretendemos achegar á militancia e a todo aquel que desexe asistir como foi a historia do PSOE en Galicia”, ademais de recalcar que “esta é unha actividade ambiciosa coa que pretendemos empezar a darlle máis vida á Agrupación de Ames porque as asembleas e os militantes están para algo máis que para facer campañas e pegar carteis; e con esta actividade e outras que temos en proxecto buscamos maior participación e implicación da militancia e achegar máis o Partido á sociedade”.

A Executiva de Ames quere recalcar que estas actividades son abertas a todos e todas as persoas que desexen participar nelas, sexan ou non afiliados ao Partido Socialista, porque ademais o Partido Socialista é un partido aberto e que necesita contar e coñecer a opinión da cidadanía.

Esta xornada terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 20 horas do venres 15 de febreiro.