Acordan constituír comisións de mobilidade e transporte comarcal, parque de bombeiros, plan de drogodependencias e medio ambiente
Os Grupos Municipais Socialistas de Santiago e Ames mantiveron na noite do pasado martes unha xuntanza a fin de artellar os grupos de traballo nos que conxuntamente se ocuparán de analizar problemáticas que afecten a ámbolos dous municipios.
Así, acordáronse constituír as comisións de mobilidade e transporte comarcal, parque de bombeiros, plan de drogodependencias e medio ambiente; e, ambas comisións comezarán a reunirse a partir da vindeira semana.
Os socialistas, encabezados polos voceiros municipais de Ames e Santiago, José Miñones e Francisco Reyes, respectivamente, comezarán a manter encontros específicos para o seguimento destes temas co obxectivo de acadar propostas comúns para os dous concellos e en beneficio dos veciños e veciñas de ambos municipios.
Esta iniciativa tómase dentro dun marco de colaboración entre ambas agrupacións, pero sobre todo ante a falta de xestión existente nos dous concellos, os cales debido ás disputas internas ou os procesos xudiciais abertos amosan unha parálise preocupante así como unha falla de incitiva para arrancar e atender os problemas dos seus respectivos veciños e veciñas. Tal e como afirmaron os voceiros de ambos concellos en semanas atrás, “dende a oposición vaise a traballar por levar propostas en positivo aos gobernos de Santiago e Ames para evitar a parálise institucional e pola responsabilidade comprometido cos nosos conveciños/as”.