Transporte Adaptado

Os Socialistas avisan que o concello pode estar incurrindo nunha prevaricación por omisión polos prexuízos económicos causados

O retraso na axudicación do Servizo suponlle ao concello un sobrecuste de mil euros mensuais

Miñones: “Debe de saír da alcaldía unha explicación clara, concreta e convincente de cales son os motivos do retraso na axudicación”

Fai case dous anos que o goberno de Ames ten paralizada a axudicación do Servizo de Transporte adaptado. A axudicación existente, que caducou durante a pasada lexislatura, estaba a piques de ser resolta xa que só falta elixir a oferta máis beneficiosa entre as presentadas –presentáronse nove empresas-. Lembramos que foi o día 2 de marzo do ano 2011 cando saíu publicado o concurso no BOP e ao día seguinte no DOGA; e que foi o día 6 de xullo cando se realizou a apertura das ofertas económicas presentadas.

Desde o Grupo Socialista consideramos grave esta deixación de funcións do alcalde, posto que dado o tempo transcurrido e o elevado prexuízo económico que lle está a causar ao concello pode estar incurrindo nunha prevaricación por omisión. O portavoz municipal, José Miñones, manifestou o seu asombro pola “falla de responsabilidade e polo nulo respecto deste goberno pola concello de Ames”, e indicou que a situación deste servizo é “totalmente anómala e irregular”.

Lembran os socialistas que, esta situación de deixadez e abandono nas responsabilidades propias do goberno de Ames en xeral, e do seu alcalde en particular van contra a Lei de Procedemento Administrativo, a cal indica que existe a obligación de resolver os expedientes administrativos. Ademais, esta irresponsabilidade pode ocasionarlle ao concello gastos extraordinarios, xa que calquera das empresas que presentaron as súas ofertas a este concurso público poden acabar denunciando ao concello por danos e prexuízos. “Este goberno está a diario camiñando sobre o fío da navalla, e coa súa irresponsabilidade está sumindo ao concello nun caos administrativo e de xestión lesivo para os veciños e veciñas de Ames” di José Miñones amosando a súa preocupación.

1000 EUROS AO MES
Pero ademais, o silencio do concello nesta axudicación estalle a custar ás arcas municipais 1000 € mensuais, posto que a proposta económica do concurso público constaba dese aforro; o que lle da aínda máis tintes de dramatismo a situación provocada por este goberno.

Os Socialistas de Ames levamos desde o ano 2011 preguntando tanto por escrito, como de maneira oral nos plenos e a única resposta que obtivemos polo de agora da alcaldía foi que “xa nos informaría” ou que “estaba a piques de resolverse”; pero ademais negousenos o acceso ao expediente, o cal solicitamos en xullo do ano pasado e contestousenos que “se atopaba en estado de trámite e non se podería ter acceso a el ate que estivera pechado”.

Esta actuación reiterativa só nos xenera unha situación de desconfianza ante o ocultismo e o secretismo amosado, porque “están a privar a representantes electos pola cidadanía de acceder a documentación municipal, que debería de ser pública”, expresa o portavoz municipal.

O Grupo Socialista afirma que o concello, ata o día de hoxe, deixou de aforrar 19.000 € das arcas municipais pola súa falta de xestión. Cremos que esta oferta do a no 2011 neste momento podería ser máis beneficiosa para o concello debido a situación económica a a rebaixa das empresas que se presentaron.

Polo tanto, e xa para rematar, volver a insitir na necesidade de resolver de maneira inmediata o Servizo de Transporte Adaptado, porque de non facelo ademais dos custes económicos que lle está a ocasionar ás arcas municipais, pode estar incurrindo o goberno en actividades punibles “e xa sería o que necesitaba o alcalde e o seu goberno” –segundo Miñones. Pero ademais “debe de saír da alcaldía unha explicación clara, concreta e convincente de cales son os motivos do retraso na axudicación”, conclúe o socialista