proba_web

Trasládanlle aos amienses tranquilidade e confianza no futuro, porque saberemos estar á altura das circunstancias e xestionaremos toda esta situación con responsabilidade

Culpan tamén a Feijóo, Rueda, Calvo e Negreira da situación e pídenlle que veñan a Ames a dar a cara ante a cidadanía

Ante os recentes acontecementos acaecidos na corporación municipal de Ames, na que o grupo dos concelleiros e concelleiras críticos do Partido Popular pedirón a súa baixa neste partido e a súa inclusión no grupo de non adscritos, os Socialistas de Ames temos que manifestar que, aínda que esperada esta reacción non deixa de resultar esperpéntica ao amosar un novo capítulo na vergonzosa situación pola que está a atravesar o concello de Ames e polo tanto os seus cidadáns e as súas cidadás.

Con esta nova situación, xa oficializada, o grupo de goberno pasa a ser a terceira forza política da corporación, e dada a capacidade de xestión amosada ata o de agora polo alcalde e o seu equipo antóxasenos difícil e complicada o que resta de lexislatura –máis de dous anos- e “moito nos tememos que este sainete melodramático ao que nos someteu Amor e Argibay e as súas ansias de poder e ambición non van rematar aquí”, manifesta o Secretario Xeral do PSdeG de Ames, Francisco Villaverde.

Pero en todo este proceso hai máis culpables que os responsables do PP de Ames e que os dous actores principais –Amor e Argibay-, xa que os dirixentes provinciais e autonómicos dos Populares tampouco foron capaces de xestionar e arranxar todo o acontecido, e son tamén eles os que son responsables de que os amienses teñamos que sufrir o desgoberno e o caótico futuro que se nos ven enriba. “A dirección do PP amosouse incapaz de reaccionar e de atopar solucións a un problema que xa era un clamor, e polo tanto Feijóo, Rueda, Calvo e Negreira deberían de vir a Ames e dar a cara ante a cidadanía e explicarlles como vai a afectar a súa incompetencia ao futuro e ao progreso dos amienses”, recalca Francisco Villaverde.

MOCIÓN DE CENSURA
Asímesmo, os socialistas afirman que as palabras de Argibay, a estas alturas, carecen de total credibilidade xa que non fai moito negaba que existise unha crise e o tempo veu a demostrar que só eran mentiras e enganos. E agora afirma con bastante descaro que eles non apoiarán unha moción de censura, cando son os responsables de ter forzado toda esta situación coa súa ausencia nun pleno. O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Ames di que a realidade amosa que “os únicos que podemos garantir a tranquilidade e a gobernabilidade municipal somos os Socialistas, xa que agora somos a forza maioritaria e ademais podemos dicir con toda a claridade e a rotundidade que nunca acordaremos unha moción de censura con tránsfugas”.

Tamén se demostra, coa actitude amosada polos concelleiros e concelleiras excindidos do PP que pouco lles preocupan os veciños e as veciñas de Ames, porque de non ser así, terían dimitido e entregadas as súas actas ao Partido Popular para de este modo facilitar a gobernabilidade do concello. Así que, tampouco están capacitados para dar leccións de ética xa que coa súa decisión só amosan unha postura revanchista e de venganza.

A PREPOTENCIA DO ALCALDE
Pero os membros do Partido Socialista tamén queren deixar claro que o alcalde debe de mudar a súa maneira de actuar e de estar ao fronte do goberno, xa que todo ese autoritarismo e prepotencia do que veu presumindo ata o de agora ten que deixalo a un lado e non lle queda outra opción que non sexa a de dialogar e negociar coa oposición para poder sacar cousas adiante. “Rematáronse os tempos nos que os concelleiros e as concelleiras témonos que enterar das cousas pola prensa, agora Amor non pode marxinarnos porque quen decide é a maioría da corporación municipal, e el non a ten”, apunta o portavoz municipal, José Miñones.

Non queremos nin debemos esquecer que Amor é o máximo responsable de chegar a esta situación de desgoberno, porque el foi incapaz de dirixir e arranxar os problemas dentro do seu grupo, chegando a ser minoría e levando a Ames ao caos. Ademais de mentir reiteradamente sobre este asunto e negando que existisen problemas internos.

Así mesmo lémbranlle ao alcalde que agora toca traballar máis que nunca e que debe de tormarse en serio o posto que ten e que representa e goberna para case 30 mil persoas, e eso esixe unha dedicación en exclusiva, máis cando o goberno o compoñen tan só cinco membros. Polo que debe de pensar en abandonar outras actividades políticas complementarias que lle rouban tempo de dedicación aos amienses, e tamén “debe de ser serio e responsable e asumir o papel de alcalde se se sinte capacitado para defendelo, senón, agora é o momento de dar un paso atrás; porque a situación é outra moi distinta e require responsabilidade e madurez”, remarca o portavoz socialista.

O PSdeG de Ames queren trasladarlle aos amienses tranquilidade e confianza no futuro, porque “saberemos estar á altura das circunstancias e xestionaremos toda esta situación con responsabilidade, porque a nós o único que nos preocupa é que Ames continúe progresando”, declara José Miñones.