Rosa Gómez Limia, Caridad Gonzalez e María Torres analizarán a participación e a importancia do papel desenvolvido polas mulleres no socialismo
Os socialistas de Ames valoran de maneira moi positiva as xornadas realizadas e anuncian que xa están preparando novas actividades
Os Socialistas de Ames poñen fin este venres ao ciclo de charlas sobre a Historia do Partido Socialista en Galicia. Nesta última analizarase a importancia da participación das mulleres no PSdeG, e a xornada leva por título “O papel das mulleres no socialismo galego”, e para elo contarán coa presenza de tres mulleres moi activas e participativas na vida tanto orgánica como pública do Partido Socialista:
⎯ Rosa Gómez Limia. Foi a primeira muller que ocupou un escano no Parlamento de Galicia (1988)
⎯ Caridad González Cerviño. Alcaldesa de Muros e membro da executiva provincial de A Coruña.
⎯ María Torres Pose. Secretaria Xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia e Secretaria Xeral do PSdeG-PSOE de Carballo
Coa participación destas tres persoas queremos analizar o papel desenvolvido nas distintas etapas do Partido Socialista en Galicia, e como se foi producindo a incorporación femenina ao mesmo, así como descubrir que foron moitas as socialistas que traballaron e loitaron pode defender as súas ideas e que moitas veces ficaron no esquecemento porque sempre se promocionou máis e se destacou a participación masculina. Queremos e aproveitamos para reivindicar ese papel tan importante, o cal afortunadamente nos últimos anos foi collendo unha presencia pública máis acorde e necesaria coa situación real.
O Secretario Xeral dos Socialistas de Ames, Francisco Villaverde, destaca que esta última xornada que pon o colofón ao análise realizado ata o de agora da Historia do Socialismo, non é máis que “unha homenaxe merecida a todas as mulleres que directa ou indirectamente fixeron posible que o Partido Socialista conseguise ser o Partido que loitou e defendeu os dereitos das persoas”. E recalca que “en ocasións o PSOE parecía un partido de homes, pero foron moitas as mulleres que traballaron para que medrase e chegase a gobernar nos concellos e nos gobernos autonómicos e do estado”.
Aproveitan os socialistas amienses para facer unha valoración destas actividades desenvolvidas ata o de agora, as que consideran moi positivas sobre todo pola participación e porque serviron para poñer en valor o traballo realizado polo Partido Socialista ao longo de toda a súa historia. Francisco Villaverde manifesta a intención da executiva local de Ames de continuar con esta labor de formación e participación coa que empezaron o pasado día 1 de febreiro e recalca que “esta non vai a ser a última actividade, porque xa estamos traballando e preparando novas xornadas que serán de interese para os militantes e simpatizantes socialistas”, ademais avanza que están organizando un xantar no que esperan contar coa asistencia de moitos compañeiros e compañeiras.
Rematan os socialistas destacando que estas xornadas serviron para que estivesen en Ames persoeiros tan importantes na historia do socialismo como Emilio Pérez Touriño, José Blanco, Salvador Fernández Moreda ou Antón Louro, e que ademais serviron para que fosen moitos compañeiros e compañeiras e agrupacións socialistas doutras localidades as que nos felicitasen por esta iniciativa e ademais se interesasen pola súa organización para poder celebralas nos seus concellos.