A pasividade que está amosando o goberno de Ames con este tema é alarmante e un digno reflexo da situación real pola que estamos a atravesar
Ante a situación de “impasse” que está a sufrir a construción da segunda escola infantil de Bertamiráns, da que nos últimos tempos carecemos de calquera tipo de información sobre a fase na que se atopa o proxecto, a pesares que se cumpliron todos os trámites necesarios por parte da Corporación para ceder os terreos á Consorcio Galego dos Servizos de Igualdade e do Benestar para o levantamento da mesma, asistimos ao enmudecemento do goberno sobre este tema, a pesares de que o anterior concelleiro de urbanismo, Ramón García Argibay, presumía de ter “cedido os terreos nun tempo record”.
A realidade é que a día de hoxe o inicio da obra atópase parada e, sabemos polos medios de comunicación, que por parte da Consellería de Traballo e Benestar se introduciron suplementos orzamentarios para a construción de novas escolas infantís, sendo unha desos centros afectados a de Bertamiráns; polo tanto consideramos que por parte da alcaldía é obrigatorio que informe como se está desenvolvendo o proceso de construción da escola infantil, e que atrancos ou dificultades puideron xurdir para non ter aínda iniciados os traballos para levantar o edificio educativo, ademais da necesidade de poder contar con datas aproximadas para o comezo e o remate da citada obra. Lembramos que fai xa máis dun ano (26 de xaneiro de 2012) cando o Pleno da Corporación aprobou por unanimidade a cesión gratuíta dos terreos; e que durante o mes de agosto o goberno municipal anunciaba que as obras de urbanización da parcela avanzaban a bo ritmo.
PREGUNTA NO PARLAMENTO
Ante a nula información existente por parte do goberno que preside Santiago Amor, os Socialismtas de Ames tivemos que acudir ao Grupo Parlamentario do PSdeG para que preguntase no Parlamento de Galicia cando tiña previsto o goberno galego licitar e iniciar a construción da escola infantil de Bertamiráns. A esta pregunta realizada o pasado 28 de febreiro aínda non se obtivo ningún tipo de contestación, o que ven a poñer de manifesto o escaso interese e a nula preocupación do goberno galego e da Consellería de Traballo e Benestar por poñer en marcha os traballos para que os amienses poidan contar con outra nova escola infantil tan necesaria, por outra banda. E, nin que dicir ten, que a pasividade que está amosando o goberno de Ames é alarmante, e é o digno reflexo da situación real pola que estamos a atravesar.