Será durante o pleno do xoves onde tomará constancia a renuncia á acta de concelleira
Os Socialistas queremos agradecer publicamente o esforzo e traballo levado a cabo por Patricia Conde tanto na súa etapa de Goberno como na oposición
Os Socialistas de Ames queren comunicar a renuncia á acta de concelleira de Patricia Conde, antiga concelleira de Facenda na anterior etapa Socialista. Para o Grupo Socialista foi un honor contar durante estes anos coa presenza e o apoio de Patricia Conde á que lle desexamos moita sorte na nova etapa que se abrirá a partires de agora.
Os motivos que levan á presentación desta renuncia son dous principalmente: por un lado a situación persoal, xa que se atopa dende hai un ano e medio preparando intensivamente unhas oposicións non pudendo dedicarlle todo o tempo que quixera ao día a día do Concello; e por outro, a situación actual do Concello de Ames, inmerso nunha parálise administrativa e política, con numerosos procesos pendentes de resolución e unha necesidade imperiosa de dedicación por parte dos Concelleiros da oposición, con numerosas reunións, comisións e xuntanzas para xestionar diferentes asuntos municipais.
O día a día do Concello de Ames, cun goberno en minoría e sen regulamento interno que regule a asistencia ás comisións e a participación nos plenos por parte dos non adscritos, levan en gran medida á toma desta decisión tanto por parte de Patricia Conde, como de moitos dos membros da lista presentada nas últimas eleccións.
Tanto o Secretario Xeral dos Socialistas de Ames (Paco Villaverde), como o voceiro do Grupo Socialista (Jose Miñones), consideramos que “ante a situación creada pola escisión do Goberno do PP e a presenza de 10 de 21 non adscritos na corporación, é momento de arrimar o ombro e adicarse máis profundamente ao Concello, e por iso esiximos unha maior participación e dedicación, tanto no traballo como na asistencia aos plenos e comisións, de cada un dos concelleiros e concelleiras do Grupo Municipal”.
Os tempos que corren obrígannos a unha maior responsabilidade política e por iso os que forman parte do Grupo Municipal deben renovar esa dedicación e esforzo, e de aí que se presente para este pleno a renuncia da Concelleira Patricia Conde ante a falta de dispoñibilidade para cumprir con este fin. Agradecémoslle tanto o traballo levado a cabo ata o día de hoxe, como a sinceridade e responsabilidade que amosa agora presentando a súa renuncia ao non poder dedicarlle o tempo necesario a súa labor de oposición tal e como a ela lle gustaría.