Casa do Concello

Miñones, cualifica ao goberno como “un barco sen norte que corre un serio perigo de afundirse”.

Os socialistas de Ames definen esta etapa como a máis escura da historia de Ames

Están a piques de cumprirse os dous anos da chegada do Partido Popular ao goberno de Ames, e polo tanto os Socialistas de Ames consideramos que é un bo momento para facer unha valoración do que significaron estes dous anos para os e as amienses.

Queremos empezar lembrando que durante anos os líderes do PP de Ames se dedicaron a dar leccións de como había que facer as cousas e de como había que gobernar, criticando e obstaculizando en todo momento calquera acción ou proposta que o anterior goberno socialista pretendía levar adiante, podemos definilos como unha oposición despiadada e desleal. Pero unha vez que aterraron e se puxeron ao fronte do goberno municipal, todas aquelas promesas e solucións desapareceron e se converteron en deixadez, desgoberno, derroche, intentos por silenciar á oposición, falla de xestión, desplantes aos veciños e veciñas, … e enfrontamentos entre os propios compañeiros que conformaban o equipo de goberno.

Este goberno, desde o seus inicios amosou unha total despreocupación e desinterese polos asuntos municipais e centrouse en librar unha batalla interna que fixo que se esquecesen das necesidades máis básicas da nosa localidade. Sen ser capaces, ademais, xestionar o día a día do concello amosando unha total incapacidade e unha neglixencia preocupante. O portavoz do Grupo Municipal Socialista, José Miñones, cualifica ao goberno como “un barco sen norte que corre un serio perigo de afundirse”, xa que Amor e o PP “non fan máis que andar á deriva sen ser capaces de xestionar e levar a bo porto o barco municipal”. Miñones, afirma estar perplexo ante a deixadez amosada, e di que “se non chega a ser polos traballadores e os técnicos municipais o concello tería que botar o peche”.

A TAXA DO LIXO. UNHA PROVOCACIÓN AO RURAL
A realidade é que ao pouco de chegar ao goberno preferiron enfrontarse aos veciños e veciñas do rural impoñéndolle con carácter retroactivo a taxa do lixo o que provocou protestas veciñais como nunca se tiveran levado a cabo en Ames. E foi nese momento cando tanto o alcalde, Santiago Amor, coma o seu segundo, Ramón G. Argibay, amosaron un escaso talante e falla de capacidade para escoitar e atender aos afectados que se uniran nunha plataforma.

E bo non esquecer que miles de persoas se viron prexudicadas por esta decisión unilateral do goberno popular, que aínda a día de hoxe se atopa sen unha resolución definitiva e co cabreo dos veciños e veciñas que tiveron que desembolsar unha cantidade importante de cartos por unha taxa sen sentido e creada de costas á cidadanía.

UNHA XESTIÓN CONTRARIA AOS AMIENSES
Pero, esta xestión contraria aos amienses queda tamén patente no desmesurado incremento da carga tributaria e impositiva, subindo algunhas taxas ata un 50 por cento; no atraso no pago das subvencións e axudas ás asociacións e colectivos locais, co que as están afogando economicamente; a falla de resolución e a tardanza en asuntos coma o do transporte adaptado, a segunda escola infantil de Bertamiráns, as actividades de prevención contra a drogodependencia, o acordo con Brión sobre o servizo de emerxencias; ou o cambio no servizo de recadación do cal se ía a encargar a Deputación Provincial e supoñería un importante aforro, e resulta que actualmente houbo que prorrogarlle o contrato á empresa que o xestionaba anteriormente, co que estamos pagando dobremente polo servizo, sen ter en conta a reducción importante na atención ao público.

Estes que citamos con anterioridade só son un exemplo da nefasta xestión desenvolvida durante este tempo polo goberno que encabezaron durante a maior parte do tempo Santiago Amor e Ramón G. Argibay, co cal ambos son cómplices da situación de abandono que sufre o noso concello, aínda que algún deles, tal e como apunta José Miñones “parece que tomou posesión como concelleiro fai un par de meses e non ten ningunha vinculación con nada do acontecido”, -en referencia clara a Argibay.

A ÉPOCA MÁIS ESCURA DA HISTORIA DE AMES
Pero sen dúbida o episodio máis escuro desta etapa foi a guerra civil aberta no seo do Partido Popular de Ames, onde o choque de egos e a loita polo poder no concello rematou coa escisión de seis concelleiros e concelleiras do equipo de goberno tendo que pasar ao grupo de non adscritos. Ese enfrontamento e posterior liorta ocasionou que Ames protagonizara informacións nos xornais e outros medios de comunicación pola bronca e as pelexas. “Foi unha etapa vergoñenta e humillante para os veciños e veciñas de Ames, posto que a ambición e a falla de responsabilidade amosada por ambos bando foi esperpéntica”, matiza José Miñones. Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ames cree que o Partido Popular en xeral e Santiago Amor en particular, demostrou en todo este proceso a súa escasa capacidade para liderar e facerse respectar polos seus, e iso “é algo que a xente percibiu na rúa e que causou preocupación”, ademais de que o alcalde e o PP “dilapidaron en escaso tempo a confianza que lle tiñan depositado os amienses no 2011.

UN GOBERNO EN MINORÍA
Pero o verdadeiro problema é o futuro que temos por diante, xa que agora o goberno municipal está formado por cinco concelleiros e concelleiras que deben de realizar as funcións que antes facían once; e se antes a xestión era pésima o que nos espera de agora en diante é o caos. Os Socialistas en reiteradas ocasións lle pedimos ao alcalde que asumise as súas responsabilidades e comezase a gobernar, pero prefire estar á espetativa e que sexamos os membros da oposicións os que lle traslademos propostas e lle digamos como ten que gobernar. E toda esta falla de operatividade e de actuación municipal está a ocasionar que Ames, que era un concello punteiro en Galicia e pioneiro na aplicación de políticas sociais e de xestión, estea caendo ao vagón de cola. Explica Miñones que “Amor foi capaz en apenas dous anos de derrochar toda a herdanza recibida do anterior goberno socialista, e de frear o progreso e o desenvolvemento de Ames”, e aínda que algúns preténdeno achacar a actual situación económica, a responsabilidade fundamental é a situación política xerada polo Partido Popular de Ames.

NO PARTIDO SOCIALISTA TRABALLAMOS CON RESPONSABILIDADE
Os Socialistas de Ames estamos intentando polo noso sentido de responsabilidade que este “barco non vaia a pique”, -segundo di Miñones- e traballamos a reo para facer propostas e tratar de axudar para que os veciños e veciñas de Ames non teñan que sufrir o desgoberno de Amor, nin se vexan recortadas as súas necesidades, aínda que temos que manifestar que “é moi complicado poder dialogar con este goberno, xa que o seu alcalde non está acostumado a escoitar e vive noutra realidade”, apunta José Miñones. “Non é consciente aínda da situación na que se atopa e hai veces que da impresión que tampouco lle preocupa demasiado”, conclúe o portavoz municipal.

Pola súa banda o secretario xeral dos Socialistas de Ames, explica que ante esta nova etapa e a nova situación “decidimos que temos que dar un paso ao fronte e asumir a nosa responsabilidade como grupo maioritario”, por iso no PSdeG-PSOE se Ames se acordou reestruturar o Grupo Municipal pedíndolle a todos os seus membros un sobreesforzo e unha maior dedicación aínda, xa que “temos que estar permanentemente controlando e fiscalizando ao goberno e atendendo as necesidades dos amienses”, recalca Francisco Villaverde, e tamén dentro da executiva local se reforzará o traballo e o esforzo para recoller e impulsar propostas e políticas que redunden no beneficio da cidadanía. “É a hora da política e é o momento de demostralle á xente que nós estamos aquí polo interese xeral e por axudar e mellora a calidade de vida dos amienses, non para beneficiarnos persoalmente nen para presumir de cargo ou do poder que temos. Nós estamos e estaremos ao lado de quen necesite a nosa axuda”, remata Villaverde.