Os Socialistas de Ames reclaman a “imperiosa necesidade de poder contar coa segunda escola infantil de Bertamiráns”.
Miñones preguntalle ao alcalde “que proposta ten para facilitarlle unha solución ás familias afectadas?”
Fai uns meses que o PSdeG-PSOE de Ames amosamos o noso interese pola parálise que está a sufrir a construción da segunda escola infantil que estaba previsto levar a cabo en Bertamiráns. Este interese amosámolo mediante diversas preguntas por escrito e outras realizadas en sesión plenaria, ademais dunha pregunta realizada no Parlamento de Galicia polo deputado socialista da comarca, Xosé Antonio Sánchez Bugallo. A consecuencia de toda esta actividade e preocupación é máis ben escasa –ou case nula- posto que o comezo das obras da escola infantil é todo unha incógnita.
Pero o triste deste misterio e da falla de concreción e información do goberno é que en Ames hai 163 nenos e nenas que se atopan en lista de espera por non atopar praza nas escolas infantís públicas que existen no noso municipio. Esta lista de espera repártese do seguinte xeito:
⎯ 80 na Escola Infantil O Bosque de Bertamiráns (dispón dun total de 115 prazas).
⎯ 59 na Escola Infantil A Madalena de Milladoiro (dispón de 94 prazas). (*)
⎯ 51 na Escola Infantil A Galiña Azul (dispón de 102 prazas). (*)
(*) Na escolas do Milladoiro coinciden na lista de espera 27 rapaces/zas
Está máis que demostrado que Ames necesita con urxencia máis prazas públicas de educación infantil, e polo tanto a imperiosa necesidade de poder contar coa segunda escola infantil de Bertamiráns. Por eso, vai sendo hora de que o alcalde tome este asunto en serio e acelere os trámites para poder contar con esta infraestrutura tan necesaria. “Se o alcalde se ve incapaz de xestionar este asunto en solitario os socialistas tendémolle a man para acompañalo a realizar as xestións que sexan necesarias”, manifesta José Miñones, o portavoz socialista no concello. Pero –continúa Miñones- “hai que poñerse xa mans á obra e tratar por todos os medios que para o vindeiro curso as familias que o necesiten poidan dispoñer deste servizo”, xa que para este ano está claro que non chega a tempo o goberno non pode durmirse e deixar que pase máis tempo.
Queremos deixar patente o esforzo realizado na anterior etapa socialista ao fronte do goberno de Ames, nos que se puxeron a funcionar dúas escolas infantís de xestión pública no Milladoiro: a da Madalena, que antes a xestionaba unha asociación, e a Galiña Azul.
FALLA DE PLANIFICACIÓN
Que tantos nenos e nenas amienses queden sen praza é un claro síntoma da falla de planificación do goberno do Partido Popular de Ames, e amosa indicios do descoñecemento da realidade municipal así como da situación demográfica xa que Ames é un dos poucos concellos de Galicia que vén incrementando o seu padrón de habitantes. Así mesmo, e ante esta situación “que proposta ten prevista o alcalde e o seu goberno para facilitarlle unha solución ás familias afectadas?”, pregunta Miñones. Porque esperamos e imaxinamos que Amor escoitara falar algunha vez da conciliación da vida laboral e familiar, e máis nestes momentos actuais nos que estamos a vivir e que tan necesario e importante é protexer o posto de traballo.