O pasado luns Santiago Amor dou unha nova lección de como ningunear á oposición de Ames, e polo tanto aos veciños e veciñas aos que representamos os 16 concelleiros e concelleiras que formamos parte da Corporación municipal e que para aqueles que saiban sumar apreciarán con nitidez que tamén somos maioría absoluta con claridade.

Durante unha visita do presidente da Xunta ás instalacións do novo IES de O Milladoiro, o alcalde preferiu saltarse o chamado respecto institucional segundo o cal se basea a convivencia nas institucións e entre os distintos membros das mesmas; esquecendo, polo tanto, estas normas básicas de cortesía e menospreciando aos concelleiros e concelleiras electas e polo tanto representantes públicos, co cal só
demostra a súa falta de educación e a súa pouca consideración cara a institución que representa.

Lonxe de escusarse, o alcalde Amor aínda tivo a pouca vergoña de dicir que se trataba dunha visita de traballo. Para os que estamos nisto sabemos que esa saída non é mais que unha escusa barata daquel que sabe que se equivocou, porque ás visitas de traballo non se fan ás agachadas a última hora e convocando a toda a prensa.

Amor coa súa actuación do luns, respaldada tamén polo presidente Núñez Feijóo, amosou que o seu afán de protagonismo supera os límites da cortesía institucional, ademais de poñer de manifesto que carece de calquera tipo de ética política. E todo isto ponse de manifesto diariamente na súa xestión ao fronte do concello, na que aínda non se dou conta da súa precaria situación como alcalde e que necesita do apoio da oposición para poder sacar adiante temas e poder gobernar Ames.

Pero a súa prepotencia non é máis ca un exemplo dun déficit importante de capacidade e competencia para desenvolver a súa labor como alcalde, ademais de poñer de manifesto a súa pouca intelixencia política, que desgraciadamente demostra e demostrou sobradamente durante estes dous anos de goberno nos que dilapidou a confianza dos seus propios votantes ao ser incapaz de xestionar un goberno en maioría absoluta.

Nós, os Socialistas de Ames, ante esta actitude de Santiago Amor só saberemos ser críticos e responderemos con firmeza, porque non nos gusta que ninguén ningunee e menosprecie á Corporación de Ames, sexa quen sexa e dende logo que este novo menoscabo do Alcalde de Ames terá as súas consecuencias políticas, empezando por pedir unha vez mais a dimisión dun Alcalde que consideramos que non está capacitado para levar este bastón.

José Miñones. Portavoz do Grupo Municipal Socialista