Din que o alcalde é o único responsable da situación de caos posto que non toma decisións e permite que esta situación continúe.
Miñones pide ao resto de concelleiros e concelleiras “seriedade e responsabilidade” para traballar na resolución do problema.
Desde fai case 4 meses que se rompeu o Goberno de Ames e a situación as comisións e nos plenos resulta caótica en ocasións pola participación nas mesmas ao non existir un regulamento que marque as liñas de como se deben ordenar as participacións e asistencias –no caso das comisións-. E desta situación só hai un único responsable , que é o alcalde, Santiago Amor. Para o portavoz socialista, José Miñones, o máximo mandatario do Concello, “é o único responsable desta situación de caos posto que non toma decisións ao respecto e permite que esta situación continúe e se alongue no tempo”. Para os Socialistas de Ames é intolerable que o alcalde se cruce de brazos e mira para outro lado eludindo toda responsabilidade, e non se atreva a poñerlle fin elaborando un regulamento que reflicta e normalice a situación actual do concello, no que lembremos que existen dous grupos municipais –Socialistas e Populares- e dez concelleiros e concelleiras non adscritos.
AS COMISIÓNS INFORMATIVAS
Durante as primeiras comisións informativas o descontrol e escasa operatividade das mesmas foi a nota predominante, xa que coa presenza de ata 16 concelleiros e concelleiras -de 21- nas mesmas. Debido a que todos os concelleiros e concelleiras non adscritos asistiron ás mesmas -10-, ademais dos 4 concelleiros do Grupo Popular, -a pesares de perder a maioría-, e os dous do PSdeG que lle corresponden dende o inicio da lexislatura. A toda vista, a asistencia de 16 de 21 concelleiros nas comisión para o Grupo Socialista non ten xustificación algunha, e a todas luces prexudica o normal desenvolvemento das mesmas, que, lembremos que están deseñadas coma unha pequena representación do pleno, non teñen potestade decisoria e deben acomodarse á proporcionalidade da Corporación municipal.
Os Socialistas de Ames non entramos a valorar si a asistencia de todos os concelleiros e concelleiras non adscritos ás comisión informativas é legal ou ético, senón que criticamos a ineficacia e a inoperatividade das mesmas porque consideramos excesiva a presenza de tantos representantes. “É necesario que todos os concelleiros e concelleiras sexamos serios e responsables no cumprimento da nosa labor municipal e busquemos vías polas que traballemos na resolución de problemas, e non precisamente en todo o contrario, que é a creación de situacións que resultan en ocasións esperpénticas e negativas para o normal funcionamento da institución á que representamos”, explica Miñones Conde.
Para os Socialistas de Ames o que é realmente censurable é o pasotismo e a indiferencia do alcalde que non ten o valor de tomar ningunha decisión e prefire escudarse na espera dun informe técnico que solicitaron fai xa dous meses á Deputación Provincial de A Coruña. “A actitude de brazos cruzados que amosa Santiago Amor é intolerable, xa que el non resolve nada nunca, o cal nos leva a preguntarnos para que está aí”, di o portavoz socialista, por eso lle pedimos outra vez que chame á Deputación para pedir con urxencia o informa, ou “tome unha determinación para arranxar o problema”, recalca José Miñones
RESOLVER ESTE PROBLEMA
Esta é unha cuestión á que se lle debe de buscar unha solución inmediata e que non se pode deixar prolongar moito máis no tempo, xa que ademais de que as celebracións das comisións resultan caóticas e pouco ordenadas, ademais representan un custe económico maior ás arcas do concello, tal e como se xa se manifestou publicamente en ocasións anteriores.
Non nos compete aos Socialistas de Ames ser os que arranxemos este problema de organización municipal, é o goberno e o seu máximo dirixente os que teñen que dar os pasos oportunos para regular e regulamentar a situación, e nós apoiaremos aquelas medidas que redunden unha participación normal e coherente nas comisións informativas e nos plenos, e que signifiquen ademais un aforro económico para o concello.