O xornalista Alfonso Hermida, defendeu a necesidade dun “xornalismo comprometido con causas como a igualdade, os dereitos civís e todas as fatais consecuencias sociais da crise”.
O Grupo LGTB do PSdeG-PSOE de Santiago e os Socialistas de Ames celebraron na mañá do sábado a segunda edición do acto “Visibles na Igualdade”, no marco dos actos do Día Mundial do Orgullo LGTB. Este acto tivo lugar nos xardíns do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e contou coa participación de máis de medio cento de persoas.
O coordinador do Grupo LGTB “7 Cores Compostela”, Gonzalo Diz, destacou ao comezo do acto o interese do grupo en contar este ano con personalidades relevantes de distintos ámbitos profesionais que se impliquen na reivindicación da igualdade e non discriminación do colectivo LGTB así como en celebrar actos en vilas de mediano tamaño como Bertamiráns, en aras da “visibilización”.
Abriu as intervencións José A. Vázquez Martín, arquitecto compostelán, que sinalou que “estamos vivindo momentos difíciles, coa escusa da crise estanse poñendo en risco conquistas logradas en momentos históricos non menos complexos que os actuais” e chamou a “reivindicar o valor da diversidade”.
A ferrolá Paloma Rodríguez, deputada socialista no Congreso e moi ligada aos movementos feministas, puxo en valor os avances dos últimos anos pero sen esquecer que en ámbitos como o rural, ou na terceira idade, a visibilidade faise máis complicada e fixo un chamamento a que todos os movementos sociais que traballan no ámbito da igualdade (feministas, LGTB…) aunen forzas para ser “contrapeso aos retrocesos sociais aos que nos quere levar a dereita”.
Pechou as intervencións o xornalista da TVG Alfonso Hermida, convencido da necesidade dun “xornalismo comprometido con causas como a igualdade, os dereitos civís e todas as fatais consecuencias sociais da crise”. Lamentou que no que afecta ao xornalismo, o peche de medios de comunicación e o despedimento de xornalistas, xera un empobrecemento da democracia coas consecuencias que isto ten nos movementos sociais que loitan pola igualdade, como o movemento LGTB.
A dificultade das mulleres lesbianas nun movemento aparentemente tamén dominado polos homes, a imaxe que os medios dan do colectivo LGTB e a importancia da visibilización para vencer estereotipos, foron temas debatidos cos asistentes no coloquio que pechou o acto.