Os Socialistas piden que se retiren de inmediato as pedras soltas que existen na rúa Anxeriz, especialmente á altura da rúa Pardiñeiros, posto que supoñen un perigo importante para a cidadanía
O Grupo Municipal dos Socialistas de Ames vimos de presentar un escrito no concello no que amosamos o noso interese e preocupación polo estado no que se atopa a Rúa Anxeriz do Milladoiro. Esta rúa vén amosando un lamentable estado de abandono desde os inicios desta lexislatura pola despreocupación e marxinación á que está sometida pola corporación que preside Santiago Amor.
Ante as innumerables críticas dos veciños e veciñas polo desidia e a desleixo que amosaba a rúa Anxeriz o goberno de Amor anunciou no mes de marzo unha cata na pedra do pavimento para intentar descubrir cales eran as causas polas que se deterioraba o firme da rúa; e, o pasado mes de maio a alcaldía remitiu os resultados das citadas catas á dirección técnica da obra da rúa Anxeriz para que emita un informe coa finalidade de determinar cales foron as causas dos danos que se produciron no pavimento, e a solución a adoptar para o seu arranxo. Pero nestes meses que transcorreron desde a data da toma de mostras ata agora o pavimento continuou a deteriorarse e os veciños e veciñas seguen a amosar o seu anoxo xa que se senten agraviados e desatendidos porque ninguén é capaz de arranxarlle os problemas que sofren diariamente na súa rúa. Somos coñecedores que as cousas no goberno de Santiago Amor camiñan con lentitude e seguen un ritmo parsimonioso, pero os veciños e veciñas que sofren problemas queren solucións rápidas e non se conforman só con anuncios e fotos nos medios de comunicación o una web municipal, que foi o que ata o de agora realizou o goberno. É necesario actuar con celeridade e informar dos pasos que se realizan, dos resultados dos mesmos e dos que se teñen previsto desenvolver no futuro.
SOLICITUDE DE INFORMACIÓN
Dado que os veciños e veciñas da rúa Anxeriz se dirixiron ao noso partido solicitándonos axuda para poder resolver todo este problema, é polo que lle pedimos ao grupo de goberno que nos informe das actuacións que ten previsto desenvolver, así como que nos diga en que fase se atopan os informes previos que realizaron nesta rúa do Milladoiro e cal foi a resposta que recibiron da dirección técnica da obra. Por outra parte, tamén é necesario coñecer que actuacións ten previstas realizar o goberno nesta rúa. De entrada, e á espera da resolución que poida adoptar a dirección da obra sería necesario que se retirasen de inmediato as pedras soltas que existen no solo da rúa, especialmente á altura da rúa Pardiñeiros, posto que supoñen un perigo importante que ocasiona un risco para a cidadanía do lugar.