Cualifican a actuación do ex tenente de alcalde de oportunista e irresponsable porque era coñecedor do carácter privado da comisión e dos asuntos alí tratados.
Para os socialistas o goberno amosou a súa incompetencia para levar adiante este proxecto, con irregularidades e actuacións máis que dubidosas e de pouca transparencia
Nos últimos días volvemos a asistir a un bochornoso espectáculo protagonizado polo grupo de goberno que lidera o alcalde Santiago Amor, e o grupo de non adscritos que se excindiu do Partido Popular e que capitanea o ex primeiro tenente de alcalde, Ramón García Argibay. Nesta ocasión, e sen importarlles a ningún dos dous sectores nin a imaxe do concello de Ames, nin as consecuencias dos seus irresponsables actos volveron a enfrascarse noutra liorta que pode traer consecuencias moi negativas para o municipio.
Nesta ocasión o obxecto da liorta foi a concesión da xestión do servizo e abastecemento da auga, a cal remata no vindeiro mes de setembro e pola que se están a facer as pertinentes xuntanzas desde fai uns meses para establecer as bases que conclúan na concesión do servizo.
DENUNCIAS PÚBLICAS DE RAMÓN G. ARGIBAY
O concelleiro non adscrito, Ramón Argibay acudiu aos medios de comunicación para realizar unha serie de denuncias sobre o prego técnico do novo contrato do servizo de xestión e abastecemento de auga, o cal supón un feito gravísimo e unha notable falla de responsabilidade por parte dun cargo público, xa que tanto os asuntos como as deliberacións realizadas dentro da citada comisión non poden facerse públicos ao ser de carácter reservado. Pero o peor é que unha vez realizadas as graves acusacións deste concelleiro o goberno municipal e o propio alcalde en vez de dar explicacións e aclarar as dúbidas que puideran xurdir ante as declaracións, as respostas do Alcalde aínda crean máis dúbidas, xa que en vez de desmentir a denuncia realizada dedicouse a criticar e ao enfrontamento. Para José Miñones este “combate carece de ningún sentido e non leva ao concello a ningunha parte, xa que a rivalidade e as desavinzas entre Amor e Argibay non fan máis que prexudicar aos amienses”, posto que “o único que poden ocasionar este comportamento infantil e intolerable son consecuencias negativas para o noso concello”, segue o portavoz municipal.
CRUCE DE ACUSACIÓN ENTRE AMOR E ARGIBAY
Este cruce de acusacións na prensa entre os antigos compañeiros de goberno durante un ano e medio, son bochornosos e representan un espectáculo indigno. Para Miñones, o acontecido “é un fiel reflexo do que se está a vivir no día a día do Concello, tanto nas comisións plenarias, como nas de traballo, con enfrontamentos directos e persoais por parte de membros do goberno e os non adscritos que pertenceron con anterioridade ao PP”. Prosigue o portavoz municipal socialista manifestando que a “situación resulta incómoda para o resto dos concelleiros e concelleiras da Corporación que temos que facer de árbitros, en moitas ocasións, dos reproches e das ‘vendettas’ entre os os antigos membros da familia Popular”.
PRIVACIDADE DOS ASUNTOS E DEBATE DA COMISIÓN
Para os Socialistas de Ames o ex primeiro tenente de Alcalde, Ramón Argibay, actuou de mala fe, oportunismo e irresponsabilidade unha vez máis. Xa que, sendo coñecedor da privacidade dos asuntos que se debatían na Comisión interna e que polo tanto non podían facerse públicos el preferiu, por segunda vez, denunciar as supostas irregularidades na prensa, e non no seno da Comisión na que está presente xunto con todos os concelleiros e concelleiras e grupos da oposición. A súa insensata acción ten agora consecuencias para o Concello e para a Comisión interna creada, por certo, a petición da oposición para controlar este concurso.
Todo o traballo feito durante estes meses vense prexudicados e nulos de efecto, xa que con esta denuncia faise público o prego técnico do concurso do contrato da auga, ao denunciar o concelleiro Argibay que é un plaxio do existente en Cáceres, o cal está ao alcance de todas as empresas que se poidan e queiran presentar en Ames.
NULIDADE DA COMISIÓN
Polo tanto, e ante esta grave e inconsciente difusión desenvolvida polo concelleiro non adscrito Ramón Argibay sobre o prego técnico, documento que debería ser privado e secreto, é o que leva aos Socialistas de Ames a solicitar a nulidade dos acordos da comisión e do estudio feito desde a mesma, xa que independentemente de que a denuncia sexa verdadeira ou non, xa se deu contada información ao dicir que é practicamente igual ao de Cáceres.
INCOMPETENCIA DO GOBERNO
Por outra banda, para o Grupo Socialista a actuación do goberno neste asunto é outra clara mostra da súa incompetencia para levar adiante este proxecto, con irregularidades e actuacións máis que dubidosas e de pouca transparencia. Por todo isto o Grupo Socialista de man do seu portavoz solicitou formalmente e por escrito a nulidade da Comisión; así como as explicacións públicas e inmediatas sobre a acusación e a depuración de responsabilidades. E polo tanto é a convocatoria urxente da Comisión para retomar este asunto e atopar novas solucións e propostas.