Besteiro

O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG visitará Ames o vindeiro venres (día 6) ás 18:30 horas

Francisco Villaverde agradece a visita de Besteiro e resalta a importancia do contacto directo e persoal coa militancia

O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitará o vindeiro venres día 6 de setembro a Agrupación Socialista de Ames. Esta visita está englobada dentro da campaña que se está a desenvolver no Partido dos Socialistas de Galicia e que culminará coa consulta á militancia que terá lugar o sábado día 7 e na que sairá elixido o novo Secretario Xeral do PSdeG.

Ás 18:30 horas será o momento no que teña lugar a xuntanza de Gómez Besteiro coa Executiva Local, o Grupo Municipal e a militancia amiense na que o candidato explicará cal é o seu proxecto para dirixir o PSdeG os vindeiros anos. Este encontro terá lugar na sede amiense que está ubicada en Bertamiráns, na rúa Agrelo (nº 10-oficina 13).

O Secretario Xeral dos Socialistas de Ames, Francisco Villaverde, agradece a visita de Gómez Besteiro porque “é importante que os candidatos teñan contacto directo e persoal coa militancia para coñecer de primeira man o que pensan”. “Ames sempre ten as portas abertas para todas aqueles compañeiros e compañeiras que queiran reunirse con nós e coa nosa militancia, e moito máis neste proceso no que seremos os militantes directamente os que elixiremos a quen nos vai a dirixir”, manifesta Villaverde.

CONSULTA Á MILITANCIA
Os Socialistas de Ames lembran que o sábado día 7 e en horario de 12 da mañá a oito da tarde terá lugar a consulta na que os e as militantes votarán o nome da persoa que queren que dirixa o socialismo galego, ademais de elixir aos delegados e delegadas que representarán á agrupación amiense no Congreso Extraordinario do PSdeG que se celebrará o día 29 de setembro e no que se elixirá á Executiva Nacional Galega do PSdeG-PSOE.

Francisco Villaverde fai un chamamento á participación da militancia “xa que é un día importante para o socialismo galego e español, posto que por primeira vez se celebra unha consulta de este tipo na que a militancia vai a ser a protagonista directa na elección dun Secretario Xeral do PSdeG”

A votación realizarase na Sede Local de Ames (Rúa Agrelo, 10 oficina 13 – Bertamiráns) e será en torno ás 21 horas cando se coñezas os resultados acadados entre o socialismo de Ames.