Nenos colexo Ames

Miñones afirma é imposible que exista alguén con tan pouca capacidade de xestión e tanta torpeza para dirixir un concello

O goberno pon como excusa que xa ten contratada unha empresa privada que realiza esas funcións.

O pasado mes de xullo a consellería de Sanidade da Xunta de Galicia publicou a concesión de subvencións a proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas para os anos 2013 e 2014. Estas subvencións estaban destinadas aos concellos galegos de maneira individual, ou ben de maneira conxunta enter varios.

O Grupo Municipal Socialista unha vez tivo coñecemento da publicación destas axudas dirixiuse por escrito ao goberno municipal para preguntarlle se o concello se había presentado a esta convocatoria obtendo resposta o pasado día 26 de agosto, na que se nos informaba que dado que a citada subvención non permitía financiar gastos xerais e tan só estaba destinada á contratación de persoal, “o Concello de Ames non se presentou á citada convocatoria”. Ante esta decisión carente de toda lóxica e sentido común por parte dos dirixentes que nos tocaron en desgracia, este Grupo non pode máis que amosar a súa incredulidade ante a incapacidade e a incompetencia dun equipo de goberno que desestima optar a subvencións públicas que redundarían no beneficio municipal e polo tanto no dos veciños e veciñas de Ames.

PLAN DE PREVENCIÓN DESDE O ANO 2008
Lembremos que o concello de Ames, conxuntamente cos de Brión e Negreira contaba desde o ano 2008 cun programa de de prevención de drogodependencias que contaba cunha técnico encargada de realizar diversas accións, tales como: intervencións na aula directamente cos alumnos; obradoiros e concursos en prol da vida saudable; actividades dirixidas ás familias e á poboación xeral e intervencións de información; asesoramento e motivacionais tanto individuais como familiares, con poboación considerada en risco; así como coordinación con outros recursos para derivacións de casos. A importancia e o éxito deste Plan Municipal conxunto estaban notablemente contrastados, xa que, por exemplo,durante o último ano de aplicación (2012) chegouse a máis de 1200 alumnos (dos tres concellos) con case 200 sesións en aula.

MOCIÓN DO GRUPO SOCIALISTA
Foi a finais do pasado ano cando a FEGAMP lles comunicou aos concellos que Consellería de Sanidade non ía a asinar os convenios para os anos 2012 e 2013. Nese momento o Grupo Socialista comezou unha serie de accións e propostas encamiñadas para poder conservar este Plan tan beneficioso que concluíu cunha moción aprobada por unanimidade no pleno de febreiro deste ano na que se acordaba, entre outros puntos o seguinte:

⎯ Comprometer a cobertura de gasto necesaria para garantir o mantemento do Plan.

⎯ Debido a que durante o ano 2012, o financiamento correu en exclusividade polo Concello de Ames, requirir ós Concellos de Negreira e Brión a aportar a cantidade acordada no Convenio, así como a mesma parte proporcional do gasto que deixou de financiar a Xunta de Galicia. E manter conversas orientadas a seguir desenvolvendo de maneira coordinada o Plan.

⎯ O Concello de Ames comprométese a manter e mellorar o Plan de Prevención de Drogodependencias, mantendo o Servizo tal cual existía e, na medida do posible, o Persoal que o viña atendendo tanto por razóns de beneficio para os receptores do Plan como de facer rendible a inversión da Xunta e o Concello ao longo destes anos.

Pero, independientemente do acordado no Pleno -como xa vén sendo habitual- o goberno municipal de maneira unilateral decidíu contratar a unha empresa privada para que presumiblemente se encargase de desenvolver actividades de prevención de drogadicción; motivo que alega, tamén, a concelleira de Benestar Social para non concurrir a estas subvencións.

A actuación do goberno de Santiago Amor pon de manifesto a falla de interese e a despreocupación coa que dirixe o concello de Ames, posto que rexeitan solicitar subvencións pola desgana coa que gobernan. O portavoz Municipal, José Miñones, di que “é imposible que exista alguén con tan pouca capacidade de xestión e tanta torpeza para dirixir un concello”, porque “non existe ninguén que rexeite optar a unha axuda económica para o seu concello e moito menos nestes tempo”, apostilla Miñones.

Pero ademais da gravidade de nen sequera moverse por unha subvención para dous anos coa escusa de que xa teñen unha para este ano e de que non cubre gastos xerais, o que pon de manifesto é a dobre cara do alcalde, xa que nun pleno vota unha cousa e despois por detrás fai outra ben distinta, menospreciando os acordos plenarios e traicionando o cargo para o que foi elixido. Esperamos que teña a valentía de dar a cara e as explicacións oportunas ante semellante neglixencia política, conclúe o portavoz socialista.