Presentaron unha moción solicitando que se regularice a situación dos pensionistas e se eximan do pago dos intereses de demora
Indican que se está creando unha discriminación entre os xubilados que cotizaron unicamente en España e os que o fixeron no estranxeiro
Os Socialistas de Ames presentaron para o seu debate no vindeiro pleno ordinario do mes de setembro unha moción de apoio e defensa dos emigrantes retornados aos que a Axencia Tributaria está a notificar para que presenten declaracións complementarias da renda desde o ano 2008, e que posteriormente lles abre un expediente sancionador por non ter cumprida a obriga de realizar a pertinente declaración da renda.
Na maioría dos casos estes emigrantes, que ronda os 20.000 en Galicia, alegan que descoñecían que os que cobraban unha pensión inferior aos 22.000 euros tivesen que realizar a declaración da renda, xa que esta é a cantidade que lle marca a lei aos emigrantes españois. Alegan ademais que existiu información errónea sobre este asunto, xa que houbo entes privados e ata traballadores de entes públicos que lles indicaron que non existía a obrigatoriedade de presentar a declaración.
DISCRIMINACIÓN ENTRE EMIGRANTES
A realidade é que se está creando unha discriminación entre pensionistas españois que desenvolveron toda a súa actividade laboral exclusivamente en España e os que traballaron durante algún tempo en países estranxeiros, posto que os primeiros –e tal e como indicamos antes- teñen a obriga de realizar a declaración se cobran máis de 22000 euros anuais, en cambio os segundo deben de facela se a súa pensión por cotizar fóra de España supera os 11.200 euros anuais. É dicir: un xubilado cunha pensión española de 1.000 euros/mes non presentaría IRPF, pero se ademais ten outra do estranxeiro de 125 euros/mes si estaría obrigado a presentala.
SANCIÓNS ELEVADAS
Indican os socialistas na súa moción que as reclamacións que se están levando a cabo tras a tramitación dos expedientes están dando como resultado sancións cuxas cantidades son excesivamente elevadas, máis se temos en conta que os afectados son pensionistas; e, ademais dánselles uns prazos excesivamente curtos para afrontar o pago das sancións, ás que ademais hai que sumarlles a contía derivada das declaracións complementarias.
Os emigrantes din sentirse tratados como delincuentes fiscais e que están sendo sometidos a unha persecución por parte da Axencia Tributaria, a cal ademais non está a ter en conta a condición de persoas maiores, que na súa inmensa maioría cobran pensións non excesivamente altas e que de golpe teñen que afrontar un pago que ronda entre os 9 e os 12 mil euros de media.
ACOSO AOS MÁIS DESFAVORECIDOS
Critican os Socialistas de Ames que teñan que ser sempre os máis desfavorecidos e as persoas con menos recursos económicos os que están sendo perseguidos e vixiados mentres vemos todos os días como hai persoas que defraudan á facenda pública con contas en Suíza ou noutros paraísos fiscais, cobran sobresoldos que non declaran, agachan ingresos e/ou beneficios económicos deliberadamente, ou poden acollerse a unha amnistía fiscal, etc. e non lles pasa absolutamente nada. Sen embargo acosan e perseguen a milleiros de pensionistas que estiveron emigrados moitos anos da súa vida para poder sacar a súa familia adiante; e, desgraciadamente, moitos destes pensionistas afectados xa foron estafados anteriormente polas preferentes e as subordinadas.
No texto da moción os membros do Grupo Socialista de Ames piden que se regularice a situación dos pensionistas sen consideralos como defraudadores fiscais; se habilite para o caso de que teñan que afrontar pagos polas súas declaracións complementarias períodos de pagamento máis longos que os estipulados habitualmente, en aras de evitar un quebranto económico nas unidades familiares destes pensionistas; e, eximir, de ser legalmente posible, do pago de sancións e intereses de demora a aqueles pensionistas que regularicen a súa situación fiscal.