Clausura Escolas Deportivas

Denuncia que a nova empresa que prestará o servizo das actividades deportivas de Ames non ten monitores para as diferentes actividades a unha semana do seu comenzo

A empresa que gañou a adxudicación foi superada por seis empresas no baremo subxectivo e gañou o baremo económico por 120 euros.

O concello de Ames deberá agora de mercar os materiais para desenvolver as actividades cando anteriormente os aportaba a empresa

O Grupo Municipal Socialista vén de presentar sendos escritos nos que solicita unha serie de información relacionada coa adxudicación do Servizo de actividades das Escolas Deportivas así como o acceso ao expediente do mesmo.

Aos Socialistas a adxudicación deste servizo parécelles unha nova improvisación do Goberno que dirixe Santiago Amor, e amósanse preocupados posto que a súa xestión afectará directamente a varios centos de amienses.

Relatan os membros do PSdeG de Ames que pasado mes de xuño se resolveu en Xunta de Goberno Local a contratación do Servizo de Actividades das Escolas Deportivas Municipais mediante un procedemento aberto. E que nesta ocasión o Goberno do Partido Popular decidiu primar a unha empresa nova fronte á que levaba máis de cinco anos dando o servizo no concello e que contaba, ademais, cunha moi boa aceptación e satisfacción na calidade das actividades que desenvolvía por parte da cidadanía, tal e como o demostra o exponencial incremento no número de usuarios e usuarias; así como un caudal que supón a experiencia dos anos e a de dedicarse en exclusiva a realizar este tipo de actividades .

Diferencia de só 1,07 puntos e máis de 100 euros
A diferencia entre as empresas foi de tan só 1,07 puntos, sendo a diferencia principal a oferta económica, xa que nos criterios subxectivos obtivo mellor puntuación a empresa que prestaba ata a actualidade o servizo. Isto evidencia a mellor calidade na prestación do servizo por parte da empresa que foi rechazada, e tal e como xa indicamos con anterioridade, que viña desenvolvendo o servizo nos últimos anos.

O Goberno de Ames, polo tanto, preferiu primar o baremo económico fronte ao da calidade de servizo, o que pon de manifesto que antepuxo unha serie de preceptos antes que ter en conta a satisfacción dos veciños e veciñas de Ames. Chama, tamén, a atención que mesmo no baremo económico a diferencia entre as dúas empresas fora de tan só de máis de 100 euros sobre un tope máximo do contrato de 155.000 euros.

O concello deberá de mercar o material para as actividades
Pero o que máis sorprende desta adxudicación é que a empresa que levará as actividades a partires de agora non poñerá os materiais necesarios para elo, mentres que a empresa anterior si os poñía e asumía, polo tanto, o custe dos mesmos, non tendo que aportar nada o concello. Por iso ao Grupo Socialista nos xurde a pregunta e as dúbidas sobre a adxudicación do servizo, xa que se a empresa gañadora non foi a que mellor calidade e servizo ofrecía (superárona seis empresas), e gañou a parte económica por tan só 120 euros, e non pon os materiais necesarios para as actividades, que veu a Xunta de Goberno Local na empresa adxudicataria? Que baremo real empregaron para que resultase gañadora?

Se tivesen en conta á hora de valorar o baremo económico que as empresas aportasen o material o resultado sería outro ben distinto, pero debido á improvisación do goberno de Amor e á súa neglixencia para actuar como alcalde agora o concello de Ames, e polo tanto todos os veciños e veciñas tivemos que sufragar a adquisición de bicicletas estáticas necesarias para a práctica dalgunhas das actividades.

Por iso, dentro da información que vimos de solicitar pedímoslle a concelleira de Deportes que nos informe e nos confirme cal é a cantidade real que xa leva gastada o concello na compra do material para estas actividades, posto que podemos de estar a falar de máis de 5000 euros.

O venres buscaban monitores
Aos Socialistas de Ames preocúpanos o servizo que vai prestar de agora en diante esta nova empresa, e a verdade é que desexamos que sexa o mellor posible, aínda que de entrada asústanos un pouco a falla de previsión da mesma, posto que o pasado venres aínda buscaba monitores a través de internet, cando o vindeiro luns é o día que deben de empezar as actividades. Por outra banda tamén nos preocupa que a oferta presentada entraba dentro da baixa temeraria e que a propia empresa presentou unha alegación explicando esta baixa.