Xuntanza con Teo

José Miñones e Uxía Lemus, portavoces municipais de Ames e Teo respectivamente, amosáronse favorables á fusión de servizos “sempre e cando redunden no beneficio dos cidadáns e as cidadás e na economía dos municipios”

Esta semana mantiveron unha xuntanza os Socialistas de Ames e de Teo para tratar sobre diversos asuntos que afectan aos dous concellos. A esta xuntanza asistiron o Secretario Xeral e concelleiro, Francisco Villaverde, e o Portavoz do Grupo Municipal Socialista, José Miñones, ademais de outros membros da executiva municipal amiense. Por parte do PSdeG de Teo asistiu a súa portavoz municipal e Secretaria Xeral, Uxía Lemus; o responsable de Política Municipal e Economía da executiva, Roberto Muniño; e, a responsable de Formación, Educación e Cultura Mayte Argibay.

Nesta xuntanza que tivo lugar na sede dos Socialistas de Ames en Bertamiráns falaron sobre diversos temas como poden ser as emerxencias, e puxeron en común a necesidade da existencia dun servizo comarcal de bombeiros para o que xa existe uns terreos cedidos polo concello de Ames e que a Xunta non da arranxado este asunto, o que ao final acaba prexudicando e poñendo en perigo á cidadanía.

Colexio de Calo
Comentouse tamén a situación pola que están a atravesar os nenos e nenas de Ames que acoden ao colexio de Cale, en Teo, xa que carecen de autobús escolar e teñen que pagar o comedor escolar. Ambos grupos coincidiron na necesidade de mellorar algúns centros educativos, xa que existen varios centros, sobre todo os de infantil, que están saturados.

Transporte Metropolitano.
Comentaron tamén na xuntanza a necesidade de ampliar e mellorar e modernizar o transporte metropolitano. Os concellos de Ames e Teo comparten a Liña que vai ata Calo e indicaron que é unha das máis rendibles, xa que é a que atravesa o Milladoiro. Apuntouse a necesidade de dotar aos autobuses dun sistema de GPS que vaia conectados coas paradas para que indique o tempo que falta para a chegada dos autobuses, xa que se carece de información, especialmente nos fins de semana e festivos nos que se suprimen liñas.

Outra das reclamacións que fixeron constar os socialistas na xuntanza foi a necesidade de dotar a esta liña de autobuses adaptados a persoas con discapacidade.

Servizo de lacería de mascotas
Outro dos varios asuntos a tratar foi o do servizo de lacería para animais domésticos abandonados. Ames ata fai algo menos dun ano viña empregando os servizos de Bando, que son os que emprega o concello de Teo. Pero desde o pasado ano en Ames presta estes servizos unha empresa privada, polo que ambos grupos comentaron a posibilidade de compartir este tipo de servizos, xa que a cantos máis habitantes se lle dea cobertura máis barato sae o cal redunda nun beneficio para os veciños e veciñas.

Nesta primeira xuntanza foron outros moitos os temas tratados e sobre os que ambos grupos amosaron o seu interese e o seu funcionamento en ambos municipios, sobre todo para poñer en común formas de actuación ante problemas e asuntos diversos que poidan ir xurdindo.

Tanto José Miñones como Uxía Lemus coincidiron na necesidade de fusionar e compartir servizos sempre e cando redunden no beneficio dos cidadáns e as cidadás e na economía dos municipios.

Así mesmo quedaron en facer que este tipo de xuntanzas se establezan de maneira periódica, “porque sempre é bo manter o contacto e a coordinación entre os distintos grupos municipais do entorno e especialmente entre o membros do PSdeG de concellos que son limítrofes”.

O Secretario Xeral dos Socialistas de Ames, Francisco Villaverde, explicou que desde a executiva que ele dirixe estanse mantendo contactos con outros concellos como Negreira ou Val do Dubra para reunirse e poñer en común problemáticas que afecten aos concellos que representan; do mesmo xeito que xa teñen realizadas xuntanzas cos compañeiros e compañeiras do PSdeG-PSOE de Santiago.