Consideran ridícula a cantidade de 500 mil euros asignada nos Presupostos Xerais do Estado para o vindeiro ano
Piden que adopten de inmediato unha decisión ao respecto ao parque de bombeiros comarcal
Concelleiros dos grupos municipais socialistas de Santiago e Ames mantiveron unha reunión para poñer en común asuntos que afectan e preocupan a ámbolos dous concellos, así como para establecer unhas liñas de actuación e coordinación ante estes temas; e que forman parte dunha liña de actuación conxunta que xa quedara marcada en dúas xuntanzas realizadas con anterioridade.
Nesta xuntanza, que nesta ocasión tivo lugar na sede dos Socialistas de Ames en Bertamiráns, e na que estiveron presentes os dous voceiros municipais, Francisco Reyes, de Santiago, e José Miñones, de Ames; ademais da maioría dos concelleiros e concelleiras de ambos grupos, tratáronse específicamente dous asuntos que preocupan a ambos grupos, tales como son o futuro da nova EDAR que está previsto construír en Santiago e o parque comarcal de bombeiros.
A construción da depuradora
O incerto futuro da nova EDAR é un dos temas máis importantes para os concelleiros e concelleiras socialistas, xa que tras coñecerse que o Estado asignou para a construción desta infraestrutura só 500.000 euros para 2014, unha cantidade ridícula e a todas luces insuficiente segundo indicaron os voceiros de Santiago e Ames, Paco Reyes e José Miñones, respectivamente. Ao igual que en Santiago, os veciños e veciñas de Bertamiráns vense afectados pola contaminación do río Sar e os malos cheiros, polo que a construción da EDAR é imprescindible para ambos municipios posto que recuperará ambientalmente a saturación que está a sufrir o río Sar e que se ve reflectido nos constantes problemas que sofren diariamente os veciños e veciñas de ambos concellos.
Parque de bombeiros comarcal
Outro dos temas tratados no encontro foi o do parque comarcal de bombeiros. Ambos grupos piden á Xunta e aos gobernos do PP destes concellos que adopten de inmediato unha decisión ao respecto: ou ben se executa o parque comarcal en Santiago ou ben na parcela do Milladoiro que o Concello de Ames puxo a disposición, pero que esta decisión non pode demorarse máis.
Por outra banda, aos Socialistas de Ames úrxelles saber se esta parcela se emprega ou non, pois precisaríaa para outros usos (por exemplo, para a construción dun centro de saúde).
Ademais tratáronse outros temas, tales como o estado dos centros de saúde e a necesidade de increméntalos e mellorar os xa existentes, posto que o número de usuarios e usuarias dos mesmos estanse incrementando e o servizo é deficiente. Os concelleiros e as concelleiras socialistas pediron que se axilice a construción dos centros de saúde de Galeras e Conxo en Santiago, e tamén o de Milladoiro en Ames.
Os socialistas acordaron coordinarse nos seus respectivos concellos para presentar propostas en conxunto para facer máis presión e acadar máis visibilidade. Así mesmo tamén acordaron poñer en funcionamento os grupos de traballo acordados xa nunha xuntanza celebrada meses atrás para realizar propostas e facer seguimentos dos temas tratados.