Santiago Amor maquillou a Conta Xeral para amosar uns resultados positivos que non son reais.
A falla de inversión: non se inverteu nin un só euro en beneficio dos cidadáns, tan só se continuou cos proxectos iniciados polos socialistas na anterior etapa de goberno.
“Santiago Amor pasará á historia de Ames coma o alcalde que gobernou de costas aos veciños e veciñas e que tivo na mentira e no engano os piares do seu goberno”
A presentación da Conta Xeral do Concello de Ames está a piques de cumprir o seu prazo, xa que segundo determina o artigo 212 da Lei de Facendas Locais o mes de outubro será o último mes para render esta conta. Os Socialistas de Ames esperamos que no pleno deste mes se poida render definitivamente a conta do 2012 e non haxa máis sorpresas ou atrasos como os vividos anteriormente e que obrigaron a ter que pedir prórrogas para a liquidación dos presupostos por estar fora de prazo.
Do estudio dos informes técnicos e da mesma conta podemos afirmar que a Conta Xeral non minte, é o documento que amosa a xestión desenvolvida polo goberno durante o ano 2012 no que, puntualizan os socialistas, estiveron gobernando con maioría absoluta.
O pasado 26 de Agosto se presentou e ditaminou na Comisión Especial de Contas a Conta Xeral do ano 2012. Da análise da mesma evidénciase a nula xestión do alcalde de Ames, Santiago Amor e a maquillaxe realizada no indicador do remanente de tesourería a fin de que resultase positivo, o que consideramos como unha improvisación mais deste Goberno á deriva e un engano ao que xa nos ten acostumados.
Pero ante a presentación definitiva da Conta Xeral, os Socialistas de Ames queren deixar claro os seguintes termos:
1. A cifra do remanente de tesourería amosa a situación de liquidez do concello. Nos últimos anos veu sendo negativa, e, sorprendentemente, para o ano 2012 móstrase positiva, pola contía de 190.000€. Como é posible este cambio? Foi grazas a excelente xestión económica que o Alcalde vende na prensa? A realidade é ben distinta. As principais razóns deste resultado son:
– Inclúese o cobro retroactivo do lixo, dereitos pendentes de cobro que se suman para elevar o indicador, na contía de 628.812,07€. O goberno sostén que a notificación efectuada aos veciños e veciñas xa é razón suficiente para contabilizalo, pero o certo é que moitas notificacións se practicaron no ano 2013 e que a finais de ano a maior parte das mesmas foron recorridas.
– A non contabilización da conta 413 (facturas non aprobadas) que fai que o remanente non disminua. “Este feito é novidoso e sorprendente para os socialistas, xa que durante todos os anos que estivemos no Goberno, nós si que incluíamos estas facturas no cómputo da conta xeral”, afirma Jose Miñones. A non inclusión destas facturas pendentes de pago no cómputo da Conta maquilla o resultado final da mesma, tal e como foi admitido na comisión polo propio interventor así como no informe posterior solicitado polos Grupo Socialista. O informe do interventor do 4 de setembro di na páxina 4 de que no calculo do remanente non está contabilizado a conta 413 e que si se tivese contabilizada o resultado do remanente “cambiaría o seu signo”, é dicir, sería outro, negativo. Esta é a primeira vez na historia de Ames que non se computa na análise do remanente de tesourería esta conta, tal e como informou o interventor municipal na comisión na que se ditaminou a conta xeral. “Polo tanto, trátase dunha pura decisión política”.
– Ademais, o informe de liquidación conclúe que a situación de mellora no resultado ven tamén motivado polo RDL 4/12 de 22 de febreiro, de pago a provedores, permitindo sanear o remanente. Polo tanto, non atribuíble á xestión do señor Amor.
Pódese falar polo tanto dun remanente “maquillado” co fin último de, novamente, enganar aos veciños e veciñas cunha suposta mellora da situación (a mesma táctica que usa o presidente da Xunta de Galicia), cando ben certo é que os amienses estamos a sufrir cada día máis o abandono do noso alcalde. “Cremos que antes de intentar cadrar contas para que o remanente sexa positivo e así aparentar publicamente a imaxe de que vamos mellor, o primeiro é atender as demandas básicas, sociais e educativas dos amienses que nestes momentos, desgraciadamente son moitas e difíciles”, apunta o portavoz socialista. Este mesmo formato de facer política económica, maquillando o remanente e deixando facturas sen pagar aos proveedores por importe de 3.104.911€ a data de 30 de Xuño, é análogo o que se está a vivir en Santiago e que tamén foi denunciado polos socialistas do concello veciño.
2. Por outra banda, a Conta Xeral amosa que tan só se executou o 79,71% do gasto presupostado. Este dato é malo para o noso concello, se temos en conta que o goberno para 2012 presupostou moito menos do que en anos anteriores, isto ben a significar tal e e como o define Miñones: “a xestión do recorte sobre un presuposto xa recortado, ou o que é o mesmo, recortar o xa recortado”. Neste sentido, o informe da intervención resalta que quedaron “bolsas apreciables de crédito dispoñible”, é dicir, partidas sen gastar co obxecto de que o resultado dera positivo. Os socialistas preguntámonos para onde foi ese diñeiro?. Cremos que existen moitas outras formas de xestión que leven a un resultado positivo; o camiño do PP é o camiño fácil e insensible.
3. O gasto de inversión en obras e bens executouse tan só no 32%. Di o informe da intervención que “non se executaron gran parte das actuacións” e sinala que “a execución realizada provén de proxectos iniciados en anos anteriores” por importe de 1.354.777 euros, é dicir, herdados dos socialistas. En conclusión, a xestión do Partido Popular foi cero.
4. Sen embargo, o concello ingresouse case o 90% dos ingresos previstos, algo que dista moito do que fixeron cos gastos, debido principalmente á suba de impostos e taxas, incluso recadando máis do previsto inicialmente como é o caso dos impostos directos que se recadaron nun 112%. O portavoz socialista, José Miñones manifesta que “no eido dos ingresos vemos como a Santiago Amor non lle doen prendas en recadar máis, e, sen embargo, o que recada non o gastan en beneficio dos veciños e veciñas de Ames”. Un concello non está para ter aforros senón para investir en beneficio dos veciños o que ingresa, e máis cando o ingreso por habitante foi de 803,80 euros, cifra que os socialistas consideran moi alta.
5. As débedas pendentes de pago, que, segundo o informe de intervención “mostran un saldo moi elevado”, ascenden a 6.890.000 euros. Como pode ser que se o remanente resultou ser positivo haxa débedas pendentes por un importe tan alto?
6. En canto á débeda viva, representa o 24%. Un total de 5.063.180,29 €, moi lonxe do límite legal. Ponse de manifesto, así, a mentira continuada do Partido Popular na súa etapa na oposición afirmando unha débeda próxima aos 14 millóns de euros.
7. Outro dos datos demoledores da conta é o que se refire ás transferencias correntes de capital, é dicir subvencións a colectivos e axudas, dos cales executouse o 67% dos primeiros, e tan só o 2,4% das axudas, o que está a afogar aos colectivos do noso municipio.
Esta é a Conta Xeral do goberno de Amor, “reflexo dun goberno que non gobernou”, con un total de 41 reparos formulados pola intervención municipal; e maquillada, coa intención clara de aparentar unha boa situación económica e ocultar así, a crise política na que o alcalde se atopa sumerxido logo da perda da súa maioría e da falta de xestión cun investimento nulo nos veciños e veciñas de Ames e un incremento notable de taxas e impostos reducindo incluso a calidade de moitos dos servizos que presta o Concello.
Afirma José Miñones que “existe un dito que cita que polos seus feitos os coñeceremos, e non cabe dúbida que Santiago Amor pasará á historia de Ames coma o alcalde que gobernou de costas aos veciños e veciñas e que tivo na mentira e no engano os piares do seu goberno”.