O roupeiro municipal leva en funcionamento desde o ano 2003 e destacou pola excelente labor realizada atendendo as necesidades das persoas con menos recursos do concello.
Os Socialistas afirman que non serán cómplices da insolidariedade do PP e anuncian medidas para que seguir mantendo o servizo
O Grupo Municipal dos Socialistas de Ames vén de amosar publicamente o seu malestar contra o goberno municipal polas modificacións ordenadas no funcionamento do roupeiro municipal amiense, xa que de maneira unilateral e sen razóns aparentes acaba de cambiar os puntos de recolleita de roupa, sen dar explicacións nin informar das causas.
Lembran os Socialistas de Ames que o roupeiro municipal leva en funcionamento desde o ano 2003, dez anos polo tanto nos que destacou pola excelente labor realizada atendendo as necesidades das persoas con menos recursos do concello, e que se desenvolve grazas ao desinteresado traballo de persoas voluntarias do noso municipio que están integradas no Oficina do Voluntariado de Ames (OVA).
Así funciona o roupeiro municipal
Ata o de agora, explican os Socialistas, a roupa recepcionábase entre o luns e o venres, nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro, e desde a brigada municipal traslada todo o material acumulado ata o depósito do roupeiro municipal situado no edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova. A sede estivo na antiga escola parroquial de Biduído ata 2008, cando se decidiu, desde o Concello, darlle un pulo co acondicionamento dunhas instalacións máis apropiadas e modernas.
As voluntarias son as encargadas de recibir as pezas de roupa, facer a escolla das que estean en bo uso, almacenalas no roupeiro e entregalas ás familias máis desfavorecidas do Concello, sempre baixo a supervisión do técnico de voluntariado do departamento de Servizos Sociais. Cando chega unha petición por parte dalgún usuario ou usuaria, as voluntarias seleccionan a roupa que mellor se axeite ao caso correspondente e elaboran un paquete adaptado ás características e demandas do/a solicitante.
Empeoramento do servizo
Pero tras dez anos dun excelente e gabado funcionamento por parte, tanto de usuarios e usuarias como de doantes, agora o goberno que preside Santiago Amor decide modificar o seu funcionamento, en en vez de mellorar o servizo o que fai e empeoralo e poñerlle obstáculos, xa que elimina os puntos de entrega de roupa de Bertamiráns e Milladoiro, e a partires do primeiro de novembro todos os interesados en realizar doazóns ou outros artigo recollidos para entregar no roupeiro (ademais da roupa que desexen, incluíndo calzado e roupa de cama, toallas, carriños de bebé e mesmo colchóns) deberán de entregalos directamente no edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova, e ademais reducindo notablemente o horario e os días de entrega, posto que se pasa de poder facelo de mañá e tarde (de luns a venres) a só poder facelo unha hora (de cinco a seis da tarde) os martes e os xoves.
A decisión adoptada semella que o que busca o goberno de Amor é poñerlle fin ao roupeiro ao limitar de tal maneira os horarios e os lugares de entrega, posto que prexudica de maneira importante o servizo ao non facilitar as doazóns, e polo tanto estas veranse notablemente reducidas.
Unha clara insensibilidade do PP
Isto significa un claro retroceso neste servizo que estaba a axudar a moitas familias que atravesan por unha situación difícil e de necesidade, e débese ter en conta o éxito do roupeiro e a boa labor social que veu desempeñando durante estes dez anos de vida, pero a insensibilidade do goberno do PP que dirixe Santiago Amor lévao a menosprezar este tipo de servizos sociais, que en vez de axudar e promoverr só se dedica a poñerlle reiterados obstáculos.
Esta actuación do goberno de Ames só pon de manifesto o seu descoñecemento da triste realidade que está a vivir a sociedade actual, onde cada vez é máis necesario facilitar a axuda ás persoas que a reclaman; e, desgraciadamente, en Ames existen moitas familias que necesitan o noso apoio e protección e só hai que observar os datos e saír á rúa para poder comprobalo, pero a falla de sensibilidade e a despreocupación que amosan os membros do goberno amiense cos máis desfavorecidos acabará pasándolle factura e os veciños e veciñas daranlle as costas cando os necesiten de igual maneira que o está a facer agora Santiago Amor e os concelleiros e concelleiras do seu goberno.
Non seremos cómplices
Rematan os Socialistas de Ames dando o dato de que en anos anteriores o número de paquetes de roupa entregados no Roupeiro Municipal pasaron dos 850 paquetes no ano 2010 aos preto de 2000 no último ano, debido o crise aumentou moito a demanda e nos momentos que estamos a vivir cada vez aumentará mais, e que case a meirande parte das peticións foron feitas para rapaces e rapazas menores de 16 anos (houbo anos de estar preto do 70%). Amosan así mesmo a necesidade de seguir mantendo o servizo como ata o de agora e anuncian medidas para que non se reduza o importante traballo e labor social que viñan desenvolvendo ata o de agora, e conclúen afirmando que “non seremos cómplices da insolidariedade do PP de Ames, e non pecharemos os ollos ante as trabas que decidiron poñerlle ao roupeiro municipal e por tanto a centos de familias amienses que máis que nunca necesitan agora da nosa axuda.”