A campaña inclúe un concurso de tuits e fotos dirixido a concienciar á poboación máis nova.
O Concello de Ames acaba de poñer en marcha o primeiro concurso de fotografías e tuits contra a violencia de xénero. O obxectivo é concienciar aos mozos/as sobre a erradicación da violencia de xénero. Este concurso enmárcase dentro da campaña que leva por lema “Coa miña chistera fago desaparecer a violencia”. Todos os asistentes, entre os que se atopaban representantes de todos os grupos políticos con representación na Corporación Municipal, posaron cunha chistera morada e cun cartel no que se ve reflectido o lema da campaña. Tanto as chisteras como os carteis estarán a disposición dos que queiran participar en diferentes instalacións municipais: nas oficinas do Concello, nas Casas da Cultura de Bertamiráns e o Milladoiro, e nas instalacións dos IES de Ames e do Milladoiro.
Á presentación asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor; a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín; o concelleiro de Educación, Bernardo Moar; a concelleira de Maiores, María Carmen Verde; os concelleiros socialistas Francisco Villaverde e Isabel González, e os concelleiros non adscritos Anxo Doval, Pilar Candocia, Manuel Ferreiro, María González e Alfonso Rey. Tamén asistiu a directora do IES de Ames, Marisol Louro e traballadores/as municipais de Servizos Sociais e doutros departamentos.
Con motivo da celebración o vindeiro 25 de novembro de 2013 do Día internacional de loita contra a violencia de xénero, o Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Social, puxo en marcha a primeira edición do concurso de fotografías e tuits contra a violencia de xénero. O obxectivo deste concurso, enmarcado na campaña que leva por lema “Coa miña chistera fago desaparecer a violencia”, é incrementar a concienciación e sensibilidade da xuventude de Ames ante esta lacra social. Este concurso está dirixido aos mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos. A participación realizarase a través da rede social Twitter. Os tuits e as fotos deberán enviarse entre o 21 de outubro e o 21 de novembro, ambos incluídos. Cómpre destacar tamén que os tuits que participen no concurso deberán incluír o hastag #amessenviolencia e facer mención ao perfil @IgualdadeAmes. As bases do concurso poden descargarse da web www.concellodeames.org.
Nesta campaña pode participar todo o mundo, pero o obxectivo principal é concienciar aos máis novos sobre esta lacra, para poder loitar todos xuntos contra ela. Establécense dúas categorías para concursar: unha de tuits e outra de fotografía. Os tuits poderán incorporar unha fotografía do autor/a vestindo a chistera morada que é símbolo desta campaña e cun cartel no que vai incorporado o lema “Coa miña chistera fago desaparecer a violencia”. Para facilitar a participación, o Concello de Ames repartirá chisteras polos centros educativos do municipio e polas dependencias municipais co obxectivo de que todas aquelas persoas que o desexen poidan facerse a foto e participar no concurso.
A Concellería de Benestar Social nomeará un xurado integrado por cinco persoas, que será o encargado de avaliar os tuits e as fotografías presentadas a concurso. Este xurado estará integrado polo alcalde de Ames, a concelleira de Benestar Social, dous técnicos municipais da área de Igualdade e un membro do departamento de comunicación. Os criterios de valoración para elixir ás persoas gañadoras serán o contido e o tratamento do tema, a orixinalidade e a capacidade de impacto da mensaxe.
O xurado emitirá o seu fallo antes do día 23 de novembro, que se fará público na web municipal (www.concellodeames.org) e no perfil de Twitter @IgualdadeAmes. Neste fallo designarase o mellor tuit e a mellor fotografía presentada a concurso. A identificación persoal dos/as autores/as realizarase unha vez emitida a resolución do xurado. As persoas seleccionadas deberán responder nun prazo de 48 horas; se transcorrido ese tempo non houbera resposta, entenderase que renuncian ao premio. Os premios para as persoas gañadoras en cada unha das dúas categorías será unha tablet.