Os membros do PSdeG-PSOE esperan unha resposta contundente do alcalde, Santiago Amor, porque non pode permitir que menosprecien a Ames
Os socialistas cren fundamental a unidade de acción e propoñen a creación dunha fronte conxunta de todas as forzas políticas municipais
Tras unha xuntanza de traballo mantida entre os representantes das distintas agrupacións locais da comarca de Compostela e o deputado no Parlamento de Galicia, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, na que este trasladou a información relativa aos presupostos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2014, os socialistas amienses afirman sentirse decepcionados e frustrados polo menosprezo e o esquecemento que sufre o concello de Ames.
Os socialistas afirman non entender a que obedece que a Xunta de Galicia que dirixe o Partido Popular queira deter o crecemento do concello de Ames; o concello de Galicia que máis medra poboacionalmente, xa que incrementou a súa poboación en máis dun 50% nos últimos dez anos. O portavoz socialista, José Miñones, di que “os veciños e veciñas merecen unha explicación de cales son as causas que levan aos dirixentes autonómicos a privar a Ames dos servizos que necesitan” dado que na actualidade hai moitas carencias debido ao incremento poboacional e que “en moitos casos foron prometidos por estes mesmo dirixentes que agora deciden botar o freno do crecemento”, apostilla Miñones.
Anteriores presupostos
Se nos anteriores presupostos da Xunta a inversión era considerada “insuficiente” polos socialistas, porque se esquencía de necesidades urxentes e primordiais para os amienses (ampliación da depuradora de Sisalde, planta potabilizadora, guardería municipal, centro de saúde, etc.), agora califican os orzamentos de “burla e estafa aos veciños e veciñas de Ames”.
Lembran ademais os membros do PSdeG que no presuposto do 2013 aparecía unha partida de 2.776.085,29€ dedicada á construción de centros de saúde, e que ía dedicada ao tan reclamado e necesario centro do Milladoiro, obra que non chegou a realizarse e que polo tanto mantén intacta a partida presupostaria. Pois agora “resulta que os dirixentes da Xunta eliminan esa cantidade dos novos orzamentos deixando aos veciños e veciñas do Milladoiro sen o tan desexado centro de saúde”, prosigue o portavoz municipal facendo unha comparación: “esto é algo parecido a que che dean un caramelo e cando lle empezas a quitar o envoltorio para comelo veñen e cho quitan. Unha broma de mal gusto”.
Escola Infantil de Bertamiráns
Pero o centro de saúde do Milladoiro non é a única infraestrutura urxente que demandan os amienses e que ignoran na Xunta de Galicia. Fai tempo que por parte da sociedade de Bertamiráns se vén demandando a construción dunha segunda escola infantil, para a que ademais existen xa uns terreos cedidos polo pleno da corporacións para este uso; e, lembramos ademais que neste curso máis de 160 rapaces e rapazas quedaron sen praza de gardería. Pois a Xunta que preside Núñez Feijóo esquécese de todos estes pais e nais que non teñen a onde levar aos seus fillos e dalle as costas nos presupostos de 2014, a pesares da necesidade que existe.
Outra das infraestruturas esquecidas polo goberno de Feijóo é a ampliación da planta depuradora de Sisalde, a cal xa está sobrepasada e necesita unha actuación urxente, que, por outra banda xa foi prometida no seu momento polo conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, nunha visita fai uns anos a Ames.
Ames ten 30.000 habitantes
Ames ten unha poboación de case 30 mil habitantes censados, e necesita seguir desenvolvéndose tanto a nivel de infraestruturas como a nivel de servizos destinados aos veciños e veciñas, e a realidade demostra que desde que chegou o PP ao goberno municipal o noso municipio está a sufrir un colapso preocupante, posto que as infrastruturas que existen estanse deteriorando a causa da deixadez e da falla de investimentos, e ademais estanse quedando pequenas ou necesítanse outras novas, xa que é importante ter en conta o crecemento vivido en Ames que nos últimos dez anos se incrementou en máis de 10.000 persoas, mentras a inmensa maioría dos concellos de Galicia perden poboación.
Que vai facer o alcalde?
Pero mentras todo esto está a pasar “o alcalde de Ames permanece impasible e coa boca pechada”, di José Miñones, e os veciños e veciñas de Ames esperamos ansiosos unha resposta contundente de Santiago Amor, porque xa vai sendo hora de que dea un paso ao fronte e anteponía os intereses municipais aos intereses do seu partido, e por iso “non pode permitir que se burlen e menosprecien a Ames a aos amienses”.
Para os socialistas é fundamental a unidade de acción en momentos como estes e din que aínda estamos a temos de cambiar algo a ofensa que supoñen as contas autonómicas, e por iso nos ofrecemos para formar e encabezar unha fronte conxunta de todas as forzas políticas do municipio para reclamar en San Caetano que non nos marxinen e moito menos que se burlen de nós.