Manifestamos ante a non presentación de ningunha empresa á licitación do ciclo integral da auga o seguinte:

Nestes momentos de crise, tanto económica como política, Ames necesita dun goberno serio e responsable que dirixa e atenda os problemas e necesidades dos seus veciños e veciñas, e, desgraciadamente os actuais representantes do goberno de Ames carencen destas características. Non hai máis que ver como os problemas pola nefasta e deficiente xestión municipal medran cada día en prexuízo dos veciños e veciñas da nosa localidade.

Agora, por tomar decisións equivocadas, por unha deficiente xestión e pola prepotencia do goberno que dirixe Santiago Amor atopámonos coa posibilidade de perder catro millóns de euros ao non presentarse ningunha empresa ao proceso de licitación do ciclo integral da auga. Pero, ante esta dificultade, o PSdeG-PSOE consideramos que non é o momento de intentar sacar tallada política, senón que agora é cando debemos de antepoñer os intereses de Ames e traballar xuntos para conseguir que non se perda esa cuantiosa e necesaria cantidade económica para a realización de obras que redundaran no beneficio dos e das amienses.

Para nós o máis doado sería pedir responsabilidades políticas en forma de dimisións do ou dos responsables que nos levaron ata esta situación pola falla de diálogo e a inexistencia dun traballo serio e riguroso, pero temos a seguridade que agora non é o momento, que agora debemos de ser sensatos e consecuentes e tenderlle a man ao goberno para saír desta delicada situación, e deixar para máis adiante, cando entre todos e todas atopemos unha solución, a reclamación de responsabilidades.

Hoxe presentamos un escrito por rexistro no que solicitabamos toda a información relativa a este expediente e a convocatoria urxente dunha xuntanza da comisión da auga, e na que esperamos que o goberno nos aclare todas as dificultades existentes e as razóns polas que se puido chegar a esta situación.