O concello de Ames leva accedendo a este Programa desde o ano 2004 de maneira ininterrompida

Os socialistas pídenlle ao goberno que aclare “con pelos e sinais” porque razón decidiron non optar a esta axuda autonómica

O pasado mes de maio a consellería de Traballo e Benestar fixo público as condicións para que as institucións accedesen ás axudas e subvencións para a contratación de mulleres a través do Programa de Inserción Laboral de Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero. Este Programa ten como finalidade a incorporación laboral daquelas mulleres que desafortunada e desgraciadamente se atopan en situación de acreditar que son vítimas da violencia machista, e están inscritas como demandantes de emprego no INEM.

O prazo para poder presentar a documentación requirida para acceder a estas subvencións rematou o pasado 15 de novembro, e sin explicación lóxica algunha o concello de Ames non acudiu ás mesmas. Non é a primeira vez que o goberno municipal non participa en axudas ou subvencións, lembramos que fai uns meses esgotou os prazos e decidiu quedarse fóra das axudas para a contratación de persoal para o programa de drogodependencias. As razóns polas que o goberno “pasa” deste tipo de axudas non é outro que a indiferenza coa que dirixen o concello e o grave pasotismo que amosan a diario, posto que non ten ningún tipo de explicación lóxica ou coherente que se rexeite a posibilidade de contra con máis traballadores e traballadoras para poder desenvolver a súa tarefa en beneficio dos veciños e veciñas amienses, e que aínda por riba sexa asumido a maioría dos seu custe pola Xunta de Galicia. E máis se temos en conta que na actualidade os concellos non poden contratar a persoal e polo tanto este tipo de programas son a única maneira de cubrir os servizos que precisen de máis xente.

Accedendo ao Programa de Inserción Laboral desde o ano 2004
O concello de Ames leva accedendo a estas subvencións desde o ano 2004 de maneira ininterrompida, e conseguiuse a inserción laboral de aproximadamente 28 mulleres vítimas da violencia de xénero nestes anos, cuxo salario e custe da seguridade social era asumido pola Consellería de Traballo e Benestar. Está claro que a conciencia do actuais responsables municipais cambiou de maneira substantiva, xa que non teñen ningún tipo de interese en axudar a este colectivo en risco de exclusión social que xa ten sufrido bastante e que necesita a nosa axuda, preocupación e interese. Pero “parece que para o goberno que preside Amor este tipo de subvencións carecen de importancia e debe de consideralas menudencias posto que declinan acceder a elas”, manifesta o portavoz municipal socialista.

O vindeiro luns día 25 celébrase o día internacional para a eliminación da violencia de xénero, e con tal motivo o concello puxo en marcha un concurso de fotografía e tuits para concienciar á mocidade da importancia de loitar contra a este tipo de violencia machista. Os Socialistas de Ames, que apoiamos e participamos nesta campaña, consideramos que todo o que se faga para concienciar á sociedade contra esta lacra é positivo e moi necesario; pero, tamén pensamos que é aínda máis importante axudar ás vítimas que sofren os ataques e a brutalidade das súas parellas e que teñen que fuxir das súas vivendas en moitos casos. Aínda asi, botamos de menos a celebración dun acto institucional que tradicionalmente se veu celebrando en Ames nos últimos anos, e que non sobraría para que as vítimas sentisen o noso apoio e os culpables da violencia notasen a nosa presión e repulsa. “O goberno presidido por Santiago Amor sácase fotos coa chistera mentres lle da as costas ás vítimas e non as axuda a desenvolverse laboralmente, que é o que verdadeiramente lles favorece e o que necesitan”, apunta Miñones.

Cremos que son necesarias as explicacións por parte dos responsables municipais e aclaren “con pelos e sinais” porque razón decidiron non optar a esta axuda autonómica, e os Socialistas de Ames esperamos que non dilaten no tempo os motivos e o acontecido, porque con que cara o vindeiro luns darán lectura ao manifesto ou farán balance da campaña realizada mentres teñen presente que debido á súa incompetencia deixaron de prestarlle axuda e colaborar coas vítimas.