Pilar Cancela: “Quedan retos ilusionantes e moito camiño que percorrer, e non o podemos facer sós, témolo que facer da man das persoas”

Paco Villaverde: “Queremos que a sede socialista se converta na casa do pobo, para que os que necesiten da nosa axuda nos teñan máis cerca e podelos atender mellor”

Ames, 10 de decembro de 2013. Aínda que xa fai varios meses que os socialistas amienses veñen usando de maneira habitual o local que posúen na rúa Agrelo de Bertamiráns, foi este pasado luns cando inauguraron de maneira oficial as dependencias que teñen na rúa Agrelo de Bertamiráns.

Ata o de agora nesta oficina era o lugar no que se celebraban as xuntanzas da Executiva Local e o Grupo Municipal, e tamén foi nesa mesma sede na que se celebraron as votacións no proceso de primarias para a elección de Secretario Xeral dos socialistas Galegos, ou onde tivo José Ramón Gómez Besteiro o encontro cos militantes e afiliados amienses e no que explicou as súas propostas para dirixir o PSdeG.

Aberta todas as semanas para atender aos veciños e veciñas
O motivo da inauguración da sede é para dala a coñecer á cidadanía amiense porque os socialistas queren abrir semanalmente esta sede e poñela a disposición dos veciños e veciñas para poder manter un contacto máis directo con eles e poder atender os seus problemas e necesidades. Se ben o Grupo Municipal Socialista xa conta cunhas dependencias no edificio consistorial na que xa viñan atendendo diariamente a aqueles amienses que acudían a realizar as consultas que tiñan a ben realizar, agora, segundo explica Francisco Villaverde, o Secretario Xeral, “queremos que a sede socialista se converta na casa do pobo, para que os que necesiten da nosa axuda nos teñan máis cerca e podelos atender mellor”. Explica Villaverde que “nestes primeiros meses abriremos dous días á semana, pero que a atención aos veciños será máis ampla en función das necesidades existentes”.

Asistiu a Secretaria Nacional de Organización, Pilar Cancela
A esta apertura oficial asistiu a Secretaria de Organización do PSdeG, a compostelá Pilar Cancela, que aproveitou para manter un contacto coa dirección socialista en Ames a cal lle trasladou o traballo que están a realizar e as actividades e a axenda que teñen planificada para os próximos meses. O Secretario Xeral dos Socialistas de Ames apuntou que “é moi importante para nós a presenza de Pilar Cancela xa que é un modo de ratificar e apoiar o traballo que vimos desenvolvendo en Ames desde que esta executiva dirixe o Partido”.

Pola súa banda Pilar Cancela manifestou o apoio forte e decidido da Executiva Nacional Galega do PSdeG, e animou aos socialistas amienses a continuar co fantástico traballo que veñen desenvolvendo. “Temos que sumar dentro para poder sumar fóra, e traballar moito para recuperar a confianza da xente”, dixo Pilar Cancela, “e somos conscientes de que vós –os socialistas de Ames- estades a traballar coa xente no día a día e ten que seguir sendo así”, afirmou.

A secretaria de Organización rematou dicindo que quedaba moito traballo por diante e moita tarefa que realizar, e “quedan retos ilusionantes e moito camiño que percorrer, e non o podemos facer sós, témolo que facer da man das persoas”, concluíu.