A oposición amiense amosa outra vez a súa responsabilidade á hora de sacar adiante os asuntos importantes para o concello

O último pleno resultou bochornoso e amosou a absoluta soidade na que se atopa o goberno municipal

O pleno da corporación de Ames viviu o pasado día 23 de decembro o último pleno do ano, no que como colofón, se procedeu á convocatoria dunha Comisión de Economía unha hora antes do comezo da sesión, para debater sobre as alegacións ás ordenanzas realizadas polo Grupo Socialista de cara ao cumprimento da Lei en todas elas, e, que non modifica a conxelación do IPC en todas as taxas e ordenanzas grazas ao voto particular feito polos concelleiros e concelleiras do PSdeG no pleno do mes de outubro.

O pleno do pasado día serviu para comprobar a soidade na que se atopa o Goberno do PP, ademais de para corroborar o que os Socialistas de Ames denunciamos durante tantos meses sobre a existencia dunha bicefalia no Goberno municipal de Ames, e que rematou coa ruptura deste e o paso dos incondicionais de Ramon G. Argibay ao grupo de Non Adscritos.

Unha factura de case 18000 euros

O Goberno levaba no primeiro punto a aprobación dunha factura por un importe próximo aos 18.000 euros e que existía desde o pasado ano -2012-. O vivido neste punto foi realmente bochornoso, cun cruce de acusacións entre os membros do Goberno que dirixe Santiago Amor e o ex concelleiro popular, García Argibay, motivado porque a factura en cuestión era froito da xestión do ex primeiro tenente de alcalde durante a súa etapa no goberno. Sobre esta factura existía, ademais, un informe negativo e demoledor do Interventor Municipal, que unido a todo o lixo que saíu á luz durante o punto no que se tratou o pago da “esperpéntica” factura foron as causas polas que os concelleiros e concelleiras socialistas votáramos en contra da mesma, xa que a factura non dispón nin de contrato, nin de memoria, nin ten coñecemento da mesma o departamento de intervención, nin o Alcalde, supera a cantidade dos 18000€ pola que se ten que sacar a concurso, etc. “Esto pon de manifesto cal foi o xeito de xestionar o noso durante moitos meses, onde non había comunicación entre o alcalde e o primeiro tenente de alcalde, e cada un operaba polo seu lado e en función dos seus propios intereses; sen cumprir o que establece a lei. E o peor de todo, sen importarlle as necesidades dos veciños e veciñas que ao final foron e son os máis prexudicados pola nefasta xestión desenvolvida”, afirma o voceiro Socialista, Jose Miñones.

Aprobación dun convenio para a construción dunha escola infantil

Lonxe de rematar o espectáculo circense con este punto, o vivido no seguinte foi aínda peor, a raíz do convenio co Consorcio para a xestión da futura escola infantil de Bertamirans. Os Socialistas presentamos un voto particular no que pedíamos no acordo a asinar que constase que o centro sería de xestión pública. Ante a falta de información por parte do Goberno o portavoz do Grupo Socialista, Jose Miñones, solicitou un receso no punto para poder establecer e acordar un texto común que fora apoiado por toda a corporación e no que se esixira a xestión pública no convenio. Así mesmo, a portavoz de Ames Novo, Pilar Candocia, tamén solicitou que se incluíra o número de unidades e prazas no convenio xa que estas non aparecían. Finalmente, e motivado pola falta de tempo, xa que o asunto debía ser aprobado neste pleno de Decembro porque o prazo remataba o 31 deste mes, acordouse unha fórmula na que deixa en mans do Alcalde a inclusión destes puntos no convenio e a esixencia dos mesmos coa Xunta.

O alcalde puxo en risco a escola infantil
Os Socialistas criticamos aberta e contundentemente a forma en como o Alcalde xestionou este asunto, poñendo en serio risco a construción da tan necesaria escola infantil de Bertamiráns. A pasividade e o pasotismo deste alcalde, que tanto levamos denunciado, e que tanto prexudicou a este municipio ponse de manifesto na xestión desta escola infantil, posto que desde o mes de xaneiro do 2013 saíu no DOGA a concesión desta infraestrutura, e polo tanto Santiago Amor sabía da necesidade de asinar este acordo co Consorcio, pero non foi quen de levalo a pleno ata o último momento, obrigando á oposición a non poder facer practicamente aportación algunha e ao seu apoio plenario por responsabilidade. Lonxe disto, “os concelleiros da oposición volvemos a darlle unha lección de diálogo e responsabilidade a un desgoberno que está a fulminar o Concello de Ames”, afima Miñones. “O alcalde está acostumado a camiñar sobre o fío da navalla e xa se habituou a que sexamos os concelleiros e concelleiras da oposición os que lle solucionemos os temas conflitivos, porque el fai tempo que abandonou as súas obrigas como Alcalde”, conclúe Miñones.

Aprobación definitivas das Ordenanzas municipais
Finalmente, no punto das ordenanzas saíu aprobada a alegación presentada polos Socialistas no que se facía referencia única e exclusivamente a un punto concreto do voto particular do concelleiro de Ames Novo, Anxo Doval, e sobre a exención do umbral, e que fora apoiada polos Grupo Socialista na sesión plenaria de outubro sobre as ordenanzas. Ante o completo desconcerto que se viviu naquel pleno, no que os informes técnicos se deron cinco minutos antes de entrar no mesmo, e a falta de claridade nos asuntos expostos, o Grupo Socialista votáramos a favor nun punto no que non existía informe algún no que se valorase o asunto, tal e como se recoñece na acta da sesión pola Secretaría do Concello; e como, a posteriori puidemos coñecer que a lei non permite a exención por umbral nestas ordenanzas o Grupo Socialista presentou esta alegación.

Utilización partidaria da web do concello
Tamén criticamos a utilización partidista da alcaldía da páxina web e do gabinete de comunicación municipal neste asunto ao pretender confundir á cidadanía dando a entender que esta alegación o que fai é recoñecer o erro do voto particular presentado por nós no pasado pleno, o cal é de todo incerto, xa que unicamente se fala do voto do concelleiro de Ames Novo e non afecta para nada ao presentado polo noso grupo e que permitiu que se conxelase o IPC en todas as taxas.

Na intervención de Miñones Conde, tamén se preguntou polas outras dúas ordenanzas que quedaran pendentes de negociar por parte da Alcaldía, poñéndose de manifesto que Santiago Amor foi incapaz de chegar a ningún tipo de acordo coa empresa da piscina e ocultou ao Grupo Socialista durante preto dun mes un escrito da mancomunidade, de data 7 de Novembro, no que se lle dicía que a conxelación do IPC na ordenanza non era potestade da mancomunidade senón do Concello e que polo tanto era este quen tiña que decidir se a conxelaba ou non.

Os Socialistas estamos completamente sorprendidos da desfachatez deste Alcalde que non sabe nin que ordenanzas están suxeitas ou non ao IPC, e que incumpre polo tanto o voto particular do Grupo Socialista no que se pedía explicitamente a conxelación do IPC en todas aquelas taxas que levaban implícita a súa suba. Coa calada por resposta do Alcalde, esta ordenanza quedará tamén conxelada tal e como respostaron os técnicos municipais a pregunta do portavoz socialista.

Comparecencia da concelleira de Deportes

A comparecencia da concelleira de Deportes, Eugenia Martín, que tiña solicitada o Grupo Municipal Socialista tivo que aprazarse para o seguinte pleno, debido a que se chegou ás 12 da noite, e pólo tanto debía de rematar o pleno de maneira obrigatoria. Lembramos que a comparecencia fora solicitada para que informara e explicara da adxudicación das Escolas Deportivas Municipais, posto que os socialistas rexistraran varios escritos solicitando información e estes non foran respondidos.

Aprobadas as mocións socialistas
No apartado das mocións saíron adiante as dúas presentadas polo Grupo Municipal Socialista e que trataban sobre a discriminación creada pola reforma laboral do PP no caso das mulleres, e sobre o VIH Sida e a solicitude de máis apoio aos seropositivos e condenar os recortes levados a cabo polas administracións.

Neste punto das mocións Santiago Amor e o seu equipo volveu a comprobar a absoluta soidade na que se atopan, xa que todas as mocións presentadas foron votadas favorablemente polos grupos da oposición.