O PSdeG-PSOE tende a man e pide para o novo ano “diálogo, responsabilidade e unidade na defensa dos intereses dos amienses”
Rematou o ano 2013 e os Socialistas de Ames queremos facer balance do acontecido no municipio durante estes doce meses de goberno en minoría de Santiago Amor e o Partido Popular. Para a dirección do PSdeG este foi un ano nefasto e ruinoso para os intereses dos veciños e veciñas amienses, posto que comezaron o 2013 tendo que pasar polo bochorno do enfrontamento e a ruptura do goberno municipal, no que claramente se puido comprobar que dentro do concello existía unha bicefalia –Amor e Argibay- que rematou co divorcio de ambos e a posterior marcha dos seguidores do ex tenente de alcalde ao grupo de non adscritos e, polo tanto, e como consecuencia, un goberno en franca minoría, xa que o Partido Popular pasou a converterse no terceiro grupo da corporación. Explica José Miñones, o portavoz do Grupo Municipal Socialista que “a guerra entre Amor e Argibay era algo que se viña apreciando desde facía tempo” e que culminou co desplante plenario de Argibay e os seus seguidores e “a posterior guerra mediática que fixo que todos os amienses sentísemos vergoña do comportamento de ambos e a pasividade dos dirixentes do Partido Popular”. Estaba claro que a ambos sectores o que menos lles preocupaba eran os veciños e as veciñas de Ames, o único que lles importaba era a defensa dos seus intereses persoais e políticos. Lonxe de rematar a confrontación coa división do PP de Ames, hoxe en día segue a existir unha guerra entre ambos que se volveu a poñer de manifesto no último pleno de Ames coa confrontación directa entre ambos.
Ningunha cousa positiva no 2013
A posteriori do divorcio político da parella Amor-Argibay o goberno municipal incrementou aínda en maior medida as súas cotas de desgoberno e de caos, e puxo de manifesto como di José Miñones “a incapacidade de Santiago Amor, como alcalde, para sacar o concello adiante”, e, polo tanto este ano que se vai será lembrado polos amienses por moitas razóns, pero entre as cales non se atopa ningunha positiva: o ano 2013 confirmou a perda de Ames como concello referente e no que a Xunta de Galicia nos deixou de lado ante os orzamentos autonómicos, o ano no que o Goberno municipal seguiu afogándonos con taxas e mais taxas, o ano no que mais subiu o IBI, o ano en que menos se investiu no municipio, o ano no que o Goberno do PP fulminou as espléndidas escolas deportivas coas que contabamos, o ano non que se foi incapaz de adxudicar o servizo de auga, … en definitiva un ano pésimo, cun Goberno paralizado e sen iniciativa, que fixo todo o posible para que Ames embarrancase. “Un desgoberno cun alcalde cego, xordo e mudo; cego porque non ve os problemas do noso Concello, xordo porque non escoita nin á cidadanía nin á oposición e mudo porque non dialoga con ninguén”
O esperpento da adxudicación da auga
Un dos episodios máis tristes e preocupantes vividos durante este ano foi o do proceso de licitación do ciclo integral da auga ao que non se presentou ningunha empresa quedando, polo tanto, deserto. Esto debeuse á toma de decisións equivocadas por parte do goberno de Santiago Amor, así como á deficiente xestión e especialmente á prepotencia amosada durante todo o proceso, co que os amienses atopámonos coa posibilidade de perder catro millóns de euros.
Lembran os Socialistas que todo este proceso de licitación da auga xa empezou con atraso, como é habitual, convocando unha comisión de maneira urxente e con irregularidades a posteriori como a elaboración dun estudo de situación pouco serio e rigoroso e con múltiples erros. E rematou, como xa todo o mundo sabe, de maneira triste para Ames. Co goberno do PP a auga tamén se estancou en Ames.
Abandono dos servizos sociais
Moitos foron os ataques que sufriron durante este ano os servizos sociais municipais, o que só demostra o pouco interese que lle prestan aos mesmos este goberno, que desgraciadamente non ten a atención e axuda ás persoas máis necesitadas entre as súas prioridades. Como exemplo temos o intento de obstaculizar coa modificación de horarios e recolleitas do roupeiro municipal, que se mantivo como estaba grazas ás denuncias dos concelleiros e concelleiras socialistas; o menosprezo ás mulleres vítimas da violencia de xénero ao non solicitar as subvencións destinadas á integración laboral das mesmas; a non solución do transporte adaptado, pendente de resolución desde fai moitos meses coa conseguinte perda dun aforro de 1.000€ mensuais; a indiferenza ante a comisión de desafiuzamentos e as súas actuacións, etc.
As mentiras nas contas do concello
Ames, apuntan os socialistas neste balance, presenta unha mala situación económica tal e como se amosa na Conta Xeral presentada neste ano e na que se demostrou que a mesma presenta uns datos maquillados e irreais para poder vender o alcalde que existía un superávit. Pero tal e como xa temos demostrado no seu momento, na conta xeral non se inclúen facturas impagadas por débedas a provedores ou se contabiliza o cobro retroactivo do lixo e dereitos pendentes de cobro, a pesares de que aínda non fose abonado e estando nos xulgados por denuncias de moitos veciños.
O que si pon de manifesto esta Conta Xeral (que pertence ao ano 2012) é que Ames converteuse nun concello que recada os seus impostos (case o 90% dos ingresos previstos, e no caso dos impostos directos que se recadaron nun 112%) pero que non inviste no concello, xa que o gasto de inversión en obras e bens executouse tan só no 32% (sendo a maioría en proxectos iniciados en anos anteriores)
Conxelación dos impostos grazas aos Socialistas
Unha das medidas que pretendía tomar o goberno de Amor neste 2013 era a suba tas taxas e ordenanzas municipais para o vindeiro ano. O alcalde defendía esta suba escudándose en que só se incrementarían no que marcaba o IPC. Pero o PSdeG-PSOE de Ames amosouse contrario a unha nova suba e forzou co seu voto particular no pleno no que se debatía este incremento que as taxas e impostos municipais quedasen conxelados, posto que non entendiamos como na situación de crise económica na que vivimos e na que moitos veciños e veciñas nosas están a pasar infinidade de dificultades económicas puidésemos darlle as costas e castigalos aínda máis subíndolle os impostos municipais.
A Xunta de Galicia abandonou a Ames
Durante este ano a Xunta de Galicia tamén se esqueceu de Ames e abandonou aos seus veciños e veciñas. O goberno amigo de Núñez Feijóo só vai investir algo máis dun millón de euros en Ames para as obras da potabilizadora, e elimina dos orzamentos autonómicos a construción do centro de Saúde do Milladoiro así como outras obras xa comprometidas con este concello ben polo alcalde ou ben polos conselleiros que visitaron o noso municipio. “Ames converteuse nun lastre para o PP e por iso deixou de apostar polo noso municipio, pero a culpa é dun alcalde que abdicou fai tempo das súas funcións e abandonou aos seus veciños e veciñas”, puntualiza José Miñones con rotundidade.
Escolas deportivas municipais
Sen dúbida este tamén foi o ano no que o goberno de Santiago Amor decidiu liquidar algúns dos servizos máis exitosos do municipio, como exemplo máis claro están as Escolas Deportivas, as que a meirande parte dos seus usuarios e usuarias valoraban moi positivamente pola profesionalidade dos seus monitores e pola seriedade da empresa que desenvolvía as actividades nos últimos anos; pero que o goberno do PP cunha adxudicación innecesaria, xa que aínda podía prorrogar un ano máis o servizo coa mesma empresa, e bastante rara preferindo darlle o contrato a unha nova empresa que na licitación obtivo a sétima praza no apartado da calidade do servizo (na que a actual empresa foi a primeira), pero a diferencia existiu no baremo económico onde a empresa á que definitivamente se lle adxudicou gañoulle por 120 euros á que ata ese momento exercía o servizo. A diferencia fundamental estribaba en que a anterior empresa aportaba o material e a nova non, co que era necesario mercar material para a realización das actividade. O tempo, desgraciadamente, puxo de manifesto o erro cometido polo goberno, xa que as queixas dos usuarios son moitas e as baixas debido ao deficiente servizo son aínda máis con continuos cambios de monitores e unha merma na calidade das escolas.
O peor alcalde que tivo Ames
Con seguridade, un dos principais problemas do goberno dirixido por Santiago Amor foi a nula capacidade de diálogo e o exceso de prepotencia, que o levou en varias ocasións a menosprezar aos grupos da oposición o que orixinou moitas dificultades á hora de xestionar e arranxar problemas, debido fundamentalmente á minoría na que se atopa, do que aínda parece que non se deu conta despois de transcorrido case un ano.
Por outra parte tamén amosou unha falla de operatividade e unha inoperancia clara que unida ao seu pasotismo e despreocupación en case todos os asuntos esgotou os prazos e chegou tarde, mal e arrastro á aprobación e solución da maioría dos asuntos; ademais de estar esperando a que fose a oposición a que actuase como aguillón para que reaccionase e atendese a temas de importancia para o concello.
Todo isto lévanos a poder afirmar con rotundidade que Santiago Amor foi o peor alcalde que tivo Ames e o seu goberno é unha lacra para os amienses posto que o único que fixo ata o de agora foi orixinarlle problemas e gobernar en contra deles. O Goberno do PP está en minoría, sen orzamentos dende xullo de 2012, sen novas iniciativas, dilapidando as existentes, sen rumbo e sen líder, plegado ao mandato do PP da Xunta ou da executiva provincial e coa única esperanza de que a oposición actúe con responsabilidade e lle siga a sacar dos seus erros.
Chamamento ao diálogo e á unidade
Rematan os Socialistas facendo un chamamento a todas as forzas a traballar unidas todas as forzas políticas de Ames naqueles asuntos que sexan positivos e necesarios para o desenvolvemento do municipio e que melloren a calidade de vida dos amienses. “Debemos de actuar con responsabilidade e ser capaces de encarar o futuro con decisión, e se o goberno non quere dialogar e prefire actuar de maneira prepotente somos o resto de concelleiros e concelleiras os que debemos de coller o timón para dirixir a Ames a bo porto”. E conclúe tendendo a man e pedindo para o novo ano “diálogo, responsabilidade e unidade na defensa dos intereses dos amienses”.