Francisco Villaverde, Secretario Xeral dos Socialistas de Ames, informou que na última xuntanza da Excecutiva e o Grupo Municipal o anuncio da candidatura de Miñones recibiu o apoio unánime dos presentes

José Miñones considera que queda moito traballo por diante e que “temos que recuperar a confianza da xente para lograr a alcaldía de Ames”

Os Socialistas de Ames veñen de dar unha rolda de prensa na que acaban de informar da disposición de José Miñones Conde, actual portavoz do Grupo Municipal Socialista, para ser candidato polo PSdeG-PSOE amiense nas próximas eleccións municipais que se celebrarán en maio do 2015.

O Secretario Xeral, Francisco Villaverde, tras explicar o funcionamento do Partido Socialista en Ames desde que el accedera á Secretaría Xeral no mes de setembro do 2012, e da necesidade que existía de ir perfilando unha persoa que encabezase a candidatura, “xa que é algo que a sociedade nos demanda” – manifestou; pasou a comunicar a disposición de José Miñones para optar a ser candidato, xa que, tal e como é o proceso de selección de candidatos dentro do PSOE, “agora é pre candidato, xa que existe a posibilidade de que outros compañeiros e compañeiras decidan tamén presentarse”, aclarou o Secretario Xeral.

Así mesmo, Francisco Villaverde, tamén explicou que o pasado martes, durante a xuntanza da Executiva Local e o Grupo Municipal, deuse a coñecer a disposición de Miñones Conde e realizouse unha valoración entre todos os asistentes, dando como resultado “o apoio unánime de todos os presentes na xuntanza”.

Decisión meditada
Pola súa banda, o recente proposto candidato, remarcou que foi unha decisión que meditou durante tempo, xa que nela hai que ter en conta tamén condicionantes externos ao ámbito político, como son os familiares; e que decidiu dar o paso porque “así llo viñan demandando varios compañeiros e compañeiras desde facía tempo”, afirma Miñones; e tamén por “responsabilidade cara o Partido Socialista e á sociedade”, xa que durante esta lexislatura aceptou ser portavoz do Grupo Socialista no concello de Ames, e existe un traballo importante detrás.

Apoio dos compañeiros e compañeiras
Para o socialista unha das cousas importantes tamén para dar este paso foi o apoio dos compañeiros e compañeiras da Executiva e do Grupo Municipal, e que “agora mesmo contamos cun excelente equipo de compañeiros e compañeiras para o traballo diario o cal me motiva e me anima a dar este paso”.

Apoio da executiva provincial e da executiva galega
Explicou ademais que tamén desde os órganos superiores do Partido, tanto a nivel provincial como autonómico lle tiñan amosado o seu apoio para dar este importante paso. “Xa fai tempo que o secretario provincial, Fran Caamaño, me animou a dar un paso ao fronte e ser o candidato, e máis recentemente a Secretaria de Organización Nacional, Pilar Cancela, me trasladou o seu apoio e o da Executiva galega”.

“Hai que recuperar a confianza da xente”
José Miñones considera que queda moito traballo por diante e que “temos que recuperar a confianza da xente para lograr a alcaldía de Ames”. “Xa levamos moitas xuntanzas con colectivos e asociacións de Ames, así como encontros en varias parroquias; pero temos que incrementar aínda máis ese traballo para estar do lado dos veciños e veciñas e axudalos nos seus problemas e dificultades”, explica o candidato socialista.

O portavoz do Grupo Municipal puxo en valor que leva seis anos na política, e que xa tivo experiencia de goberno e de oposición o que lle serviu para coñecer as dúas caras da actividade municipal, e que ademais considera que é tempo suficiente como para dar o paso. Pero ademais remarcou que lle “gusta a política”, aínda que hoxe en día non é doado dicir isto pero “é grato cando sacas proxectos e iniciativas adiante e o traballo realizado ten un fin”, conclúe José Miñones.

Ante o panorama político local que se presenta, di que non vai a ser doado pero que xa non está sendo doado desde que chegou o PP ao goberno de Ames, posto que existe moita división e ademais “o alcalde está ausente e non existe receptividade por parte do goberno”, puntualizou Miñones. Sobre o escenario que se abre marca a posibilidade de que sexan moitas as forzas políticas que se presenten ás municipais dentro de dezaseis meses.

DATOS DE JOSÉ MANUEL MIÑONES CONDE

  • Profesor contratado Doutor de Físico Química na facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
  • Investigador na USC no Grupo de Monocapas.
  • Concelleiro de Reforma Administrativa, Calidade da Administración, Novas Tecnoloxías e Sanidade no concello de Ames (2009-2011).
  • Concelleiro no concello de Ames (2011-actualidade) e desde o 2012 portavoz do Grupo Municipal Socialista