Participará nunha charla-coloquio que leva por título “O futuro do PSOE. Primarias abertas e participación” e que terá lugar no pazo da Peregrina de Bertamiráns

O Secretario Xeral dos Socialistas de Ames, Francisco Villaverde, fai unha invitación a participar porque considera “positivo e beneficioso para todos poder escoitar e debater, especialmente en momentos como este, no que a cidadanía se amosa tan afastada da política e dos políticos”

Este venres o Partido Socialista de Ames contará coa presenza do Secretario de Organización do PSOE, Óscar López, que asistirá a unha charla-coloquio no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O motivo desta visita vén dada polas xornadas que os Socialistas amienses están organizando e nas que pretenden falar e debater sobre o presente e o futuro do Partido Socialista.

Explica Francisco Villaverde, o Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Ames, que un dos obxectivos da Agrupación Local amiense é o de “darlle participación á xente e organizar actividades que consideramos de interese, non só para militantes e simpatizantes socialistas, senón para a cidadanía en xeral”, por iso xa o ano pasado realizaron as xornadas nas que se explicou e debateu sobre o pasado do PSdeG, e na que participaron persoeiros tan activos na historia dos socialistas galegos como Emilio Pérez Touriño, José Blanco, Antón Louro ou salvador Fernández Moreda, entre outros moitos. E “nesta ocasión consideramos oportuno analizar o presente e sobre todo o futuro do PSOE e do PSdeG, de aí que planificásemos estas xornadas”, recalca Villaverde.

Varias charlas nos próximos meses
A charla-coloquio do Secretario de Organización Federal será a primeira das actividades que se realizarán dentro das xornadas, e nesta ocasión Óscar López falará sobre as primarias abertas e a participación. Un tema que está de candente actualidade posto que no Comité Federal do PSOE do pasado fin de semana se aprobou o regulamento de Primarias de cara ás eleccións Municipais, Autonómicas e Xerais. “Pensamos que é un bo comezo para estas xornadas, tanto polo asunto a tratar como polo conferenciante”, di o Secretario Xeral amiense.

Explica Villaverde, que estas xornadas “pretende realizarse durante os próximos meses e alongalas ata que se inicie a campaña para as eleccións europeas”, e anuncia que están traballando para que o vindeiro mes de febreiro “participe nunha charla o Secretario Xeral dos Socialistas Galegos, José Ramón Gómez Besteiro, para que explique polo miúdo o seu proxecto para o PSdeG e analice os seus primeiros meses ao fronte do Partido”, así mesmo, aínda que sin desvelar outros nomes Francisco Villaverde di que “as xornadas van a ser interesante porque estamos contactando con destacados dirixentes do noso Partido que van a ter moito que dicir no futuro máis próximo e especialmente na nova etapa que se abre para o socialismo en España”.

Actividade aberta e participativa
Os socialistas amienses consideran que este tipo de actividades benefician ao conxunto do Partido e é necesario que de cando en vez os militantes, simpatizantes e a cidadanía en xeral nos sentemos todos xuntos e falemos e debatamos sobre os partidos políticos e o seu funcionamento, xa que “un bo funcionamento dunha organización coma o PSOE pasa por saber escoitar e por actuar en función das propostas e suxestións da cidadanía”, afirma o Secretario Xeral, por iso “nós en Ames levamos os últimos meses traballando para estar cerca dos veciños e veciñas e dos seus problemas, porque tamén son os nosos –problemas-”. Conclúe o dirixente socialista facendo unha invitación a asistir e aparticipar neste acto, posto que “é un acto aberto a todos os veciños e veciñas que queiran asistir”, -puntualiza- e ademais considera que “é positivo e beneficioso para todos poder escoitar e debater, especialmente en momentos como este, no que a cidadanía se amosa tan afastada da política e dos políticos”.