Miñones di que “agora é unha empresa a que marca os tempos e os prazos de funcionamento do goberno e da corporación amiense”

Os socialistas din que Eugenia Martín “coa connivencia do alcalde amosan un total desprezo pola Corporación municipal”

Os Socialistas de Ames denuncian a falla de dilixencia do concello así como o escaso interese en informar e arranxar o preoblema e as deficiencias das Escolas Deportivas Municipais. A súa queixa vén dada porque a día de hoxe aínda non recibiron toda a información solicitada tanto polo Grupo Municipal no seu día –fai xa varios meses- como pola Comisión Informativa creada a tal efecto e que se reuniu a principios do mes de xaneiro.

Denuncia o portavoz socialista, José Miñones, que é “intolerable a pasividade coa que actúa este goberno, así como o pasotismo que demostra porque hai xente que está protestando pola deficiencia do servizo e non hai vontade por parte do alcalde por aclarar e mellorar as Escolas Deportivas”. Ademais, agora o concello ante a solicitude do Grupo Socialista para volver a convocar a Comisión Informativa durante este mes e antes do pleno ordinario do día 30 escúsase en que a empresa Eulen non lle remitiu a información solicitada e polo tanto non poden convocar a Comisión.

“Resulta que agora é unha empresa a que marca os tempos e os prazos de funcionamento do goberno e da corporación amiense”, afirma Miñones, “cando debería de ser ao revés, pero cada día está máis claro que o goberno do PP de Ames actúa pensando en axudar á empresa e non en beneficiar aos veciños e veciñas que acoden ás Escolas Deportivas”, sentencia o portavoz do PsdeG.

Comparecencia plenaria da Concelleira, Eugenia Martín
Lembran os socialistas que este mesmo xoves comparecerá, a petición do Grupo Socialista, a Concelleira-Delegada na área de Deportes, e onde deberá informar de como se realizou o proceso de adxudicación das Escolas Deportivas, de como está resultando o servizo prestado pola empresa, das queixas e protestas existentes, etc. e imos a atoparnos que non contamos con toda a información solicitada polos membros da Corporación, a pesares de que xa se aprobou a súa comparecencia nun pleno celebrado no mes de novembro, e ir na convocatoria do pleno do mes de decembro. Para os socialistas a forma de actuar da concelleira, coa connivencia e o permiso do alcalde “amosa un total desprezo á Corporación porque pasa abertamente de todo o solicitado e aprobado na mesma”, di José Miñones.

Os socialistas esperan ter a súa disposición toda a información solicitada antes do pleno e con tempo suficiente para o seu estudio e anuncian que tras a interpelación á Concelleira determinarán cales son as medidas a adoptar polo seu Grupo no referente a este asunto, pero “sempre pensando no beneficio dos usuarios e usuarias do servizo e no que resulte máis positivo para o concello de Ames”, recalca Miñones Conde.