Un grupo de vinte persoas que realizaba a actividade de bailes de salón tivo que anular as súas clases

Teñen autorización da alcaldía ata o mes de xuño

Os socialistas denuncian a cancelación, de maneira unilateral por parte da concelleira Eugenia Martín, do uso, por un grupo de persoas, da Casa de Cultura de Bertamiráns para celebrar un curso de clases de baile.

Estes veciños e veciñas de Ames solicitaron o pasado mes de novembro poder empregar estas dependencias municipais ata o mes de xuño, e foron autorizados polo alcalde para realizar as clases de baile de salón nun espazo da casa de Cultura de Bertamiráns.

O lamentable deste asunto é que o pasado luns día 27 se lle impediu a entrada e o uso das instalacións, segundo parece ser por orden da concelleira Eugenia Martín, a cal non tivo a ben comunicarse con eles de maneira directa e informalos dos motivos polos que lle denegaba o permiso para utilizar as dependencias municipais. “Esta actitude por parte do goberno e desta concelleira sirve para poñer de manifesto, novamente, a prepotencia coa que actúa decidindo sobre as instalacións municipais, as actividades e os asuntos municipais de maneira ditatorial e anárquica”, manifesta José Miñones, o cal comprobou de maneira directa o acontecido ese luns, posto que se atopaba na propia Casa de Cultura.

“É preocupante o rumbo que está collendo este goberno, xa que con decisións deste estilo están conseguindo enfrontamentos con todos os colectivos de Ames, unicamente porque carecen dun talante dialogante e capaz de falar e consensuar con ninguén”, manifesta o portavoz do Grupo Socialista, quen afirma que “o ocorrido este luns é unha extensión do que está acontecer nas actividades deportivas, e que agora tamén salpica ás actividades culturais municipais por unha depreciación da calidade prestada”.

Anuncian no PSdeG que solicitarán a información necesaria sobre este asunto e elevarán ao pleno da Corporación unha serie de preguntas sobre este incidente que impediu que un vintena de cidadáns e cidadás de Ames puidesen realizar unha actividade para a que tiñan autorización. “E esperamos que este tipo de actitudes soberbias por parte dos concelleiros e concelleiras do PP non se volvan a producir, xa que deben de concienciarse de que as instalacións e dependencias municipais non son da súa propiedade senón de todos os veciños e veciñas de Ames”, conclúe José Miñones