Os Socialistas indican que en Ames existen varios usuarios deste servizo que se verán prexudicados polo recorte

Miñones lembra, tamén, que o Servizo de Transporte Adaptado Municipal leva case tres anos sen resolver a súa adxudicación

Os Socialistas de Ames veñen de presentar unha moción para debater no vindeiro pleno ordinario na que manifestan o seu rexeitamento contra o proxecto de Decreto polo que se regula o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para Persoas con Discapacidade e/ou Dependentes que presentou a a Consellería de Traballo e Benestar Social e que vai a significar a estocada definitiva ao transporte adaptado do 065.

Os socialistas maniféstanse totalmente en contra deste proxecto da Xunta de Galicia porque é un ataque frontal a este servizo de mobilidade para as persoas dependentes e que só serve para demostrar o escaso interese do goberno autonómico do PP por situarse do lado dos máis necesitados e apoiar as políticas de benestar e especialmente de Dependencia. Lembran os representantes do PSdeG que o 065 era utilizado por máis de 7.000 persoas, e contaba cun total de 112 vehículos, e que con este recorte que lle quere dar o goberno de Núñez Feijóo reducirá a súa frota de vehículos a menos da metade: A Consellería de Benestar acaba de sacar a concurso o novo servizo no que lle require á nova adxudicataria un mínimo de 44 autobuses en días laborais, 15 os sábados e 12 os domingos e festivos.

O documento, ademais, recolle unha serie de medidas máis restritivas e limitadoras do servizo: incrementa o grado de minusvalía para acceder do 65% o 75%; deixa a criterio da Xunta o fixar unha intensidade máxima de uso; computa un viaxe de ida e volta como dous servizos distintos; elimina a obrigatoriedade de contar no transporte coa asistencia de monitor-acompañante; o recoñecemento da condición de usuario do 065 non implica o dereito á prestación; non fixa un prazo para solicitar e anular os servizos (na actualidade é de 48 horas).

Afectados en Ames
Indican os socialistas que teñen coñecemento de que esta redución no servizo vai a afectar a varios usuarios e usuarias da localidade amesán, e “resulta inconcibible que se siga atacan ás persoas máis necesitadas, que xa lle poñen suficientes trabas para poder acceder á dependencia e agora aínda lle suprimen un servizo tan necesario para eles”, manifesta o portavoz do PSdeG-PSOE, José Miñones.

Facilitar a mobilidade das persoas con discapacidade ou dependencia
Segundo explican na moción, esta prestación facilitadora da mobilidade permitía aos beneficiarios acudir a consultas ou tratamentos sanitarios; trasladarse a residencias, centros de día e outros equipamentos públicos de aloxamento; a actividades educativas ou formativas; a centros de servizos sociais nos que se desenvolveran programas ou actividades do seu intres; e os necesarios para a realización de actividades básicas da vida diaria: xestións administrativas, actividades terapéuticas ou rehabilitadoras.

A prestación do servizo efectuábase directamente con medios propios ou contratando o servizo a empresas do sector, establecéndose un custo para o beneficiario que oscilaba entre a gratuidade, para os que tiveran rendas menores ó 75% do IPREM, e o 16% do seu custe real, para as rendas superiores ó 250% do IPREM. Dende a chegada do Presidente Feijóo ao goberno da Xunta se ten producido un continuo degradamento na calidade do servizo, denunciado reiteradamente polos beneficiarios: non poder asistir a citas médicas por non comparecencia do transporte previamente confirmado; denegación do servizo por non existir vehículo dispoñible; servizos incompletos (facilitábase a viaxe de ida, pero non a de volta); falla de resposta ás solicitudes efectuadas; grandes atrasos (mais de dúas horas) nas recollidas; etc. A maiores quere establecerse un tope de dez viaxes ao mes e desentenderse do servizo delegando nas asociacións do sector a xestión do mesmo.

Os socialistas solicitan a retirada do proxecto de Decreto e continuar co servizo 065 nas mesmas condicións nas que se vén prestando na actualidade.

Servizo Municipal de Transporte Adaptado
Por outra banda, o portavoz do Grupo Municipal Socialista, lembra que fai tres anos que o Servizo Municipal de Transporte Adaptado segue sen adxudicarse, a pesares de que xa caducou durante a pasada lexislatura e estaba pendente de ser resolta xa que só falta elixir a oferta máis beneficiosa entre as presentadas –presentáronse nove empresas-

A inacción e desleixo do goberno, presidido por Santiago Amor, con adxudicación estalle a custar ás arcas municipais ao redor de 1000 € mensuais, posto que a proposta económica do concurso público constaba dese aforro, o que indica a nula xestión deste goberno, ademais da escasa preocupación por arranxar e solucionar temas pendentes. Resulta ademais chocante a rapidez do PP de Ames por licitar uns servizos sen esgotar as prórrogas (Escolas Deportivas) e por prorrogar outros durante anos. “Os socialistas e a cidadanía aínda estamos esperando as explicacións do goberno por non resolver este servizo”, di Miñones

Ver Moción Reforma Xunta Transporte 065