A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu o pasado venres unha charla-coloquio dos socialistas de Ames coa participación de José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, José Miñones, portavoz socialista no Concello de Ames e Francisco Villaverde, secretario xeral amiense
Entre o centenar de militantes e simpatizantes que asistiron ao acto estaban Pilar Cancela, secretaria de Organización do PSdeG, e Francisco Caamaño, secretario xeral do PSOE da Coruña
Dentro das xornadas que está organizando o PSdeG-PSOE de Ames para analizar o presente e o futuro do Partido Socialista o pasado venres, nun acto celebrado na Casa de Cultura de Milladoiro contaron coa presenza de do secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro.
Gómez Besteiro fixo fincapé no feito de que a Xunta de Feijóo está a levar a Galicia a “un empobrecemento continuo e sen solucións para a triple crise que azota o país, o desemprego, o declive demográfico e a débeda”. Neste sentido, afirmou que vai sendo o momento de facer unha política de crecemento, como a que o Partido Socialista está pedindo dende a oposición, que se concrete nunha saída real da crise favorecendo a toda a sociedade e non só a uns poucos.
“Os socialistas apostamos pola igualdade e a creación de oportunidades como un valor económico de primeira orde, a través da formación, de asumir verdadeiras políticas de choque contra o desemprego e de apostar polo investimento social e a educación como base de desenvolvemento do noso sistema económico”, sinalou Besteiro.
Por outra banda, o secretario xeral do PSdeG defendeu a democracia interna dos socialistas galegos que foi quen de crear “un sistema de primarias no que deciden os militantes e coa aplicación rigorosa dos códigos éticos, frente a un Partido Popular que vai cambiando de principios e no que hai imputados de primeira e de segunda”, en clara referencia á decisión tomada por Feijóo de manter aos edís do Concello de Santiago no seus postos tras a súa imputación e a apertura de xuízo oral no caso Pokémon.
No tocante ás vindeiras eleccións europeas, o líder dos socialistas galegos deixou claro que Europa é necesaria para defender os intereses de Galicia en aspectos como a política pesqueira ou a gandeira pero tamén “para defender cuestións tan importantes como a protección da muller, o desemprego xuvenil e os dereitos humanos”. Neste punto, Besteiro remarcou: “un gran cambio social está en xogo e o resultado dese cambio pasa por Europa. As prioridades dos socialistas europeos son a creación de emprego, o fin da austeridade e a procura de maior marxe para o investimento e as políticas de crecemento”.
Felicitacións para os Socialistas de Ames
Besteiro tamén tivo palabras de agradecemento para os Socialistas de Ames, aos que felicitou pola iniciativa e o traballo que levan realizando durante os últimos tempos, e incidiu nas xornadas de debate que veñen organizando durante o último ano, “non teño dúbidas de que en Ames o Partido Socialista iniciou un camiño que terá un remate satisfactorio, non só para os socialistas, senón tamén para os e as amienses”, dixo.
Ames está a sufrir un total desgoberno
José Miñones, portavoz socialista no Concello de Ames, dixo de forma clara e contundente que Ames está a sufrir un “total desgoberno” nas mans dos populares: “o alcalde, Santiago Amor, e os seus concelleiros están deixando de investir na cidadanía amiense, abarataron custes na contratación das Escolas Deportivas e xa hai 200 baixas pola mala calidade do servizo, o concurso da auga quedou deserto e aínda non se concretou onde se vai facer o Centro de Saúde do Milladoiro e, nesa liña, preténdese deixar ao Concello sen Parque de Bombeiros.”
Miñones tamén apuntou que son os socialistas os que están a dar solucións e alternativas ante os imposibles que plantexa o Goberno popular e “é máis, como gobernan en minoría, somos nós os que temos que movernos para conseguir que Ames siga crecendo, loitando por melloras tanto en infraestructuras como en servizos”, engadiu.
Ademais de Gómez Besteiro e José Miñones, tamén interviu o secretario xeral local, Francisco Villaverde, que fixo un chamamento á participación e á mobilización, a pesares de que “agora non é o mellor momento para participar en política”, dixo; pero “a única maneira de darlle a volta a esta situación que estamos a vivir é dar un paso adiante e traballar para que a situación cambie”, concluiu Villaverde.