O Grupo Socialista presentou varias preguntas sobre o Centro de Saúde do Milladoiro ante as declaracións da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera

Miñones acusa a Santigo Amor de “servilismo cara o goberno de Feijóo e do PP”

Os Socialistas de Ames veñen de rexistrar un escrito no concello no que solicitan información relativa ao centro de saúde do Milladoiro motivado polas declaracións realizadas pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera.

Lembran que a conselleira realizou unhas declaracións nas que manifestou que a construción do novo centro de saúde non se acometerá este ano, e que o arranxo das deficiencias do actual ambulatorio terán que ser sufragadas polo concello de Ames. É por isto, e dado que o alcalde aínda non abriu a boca respectos ás manifestación realizadas por Rocío Mosquera, polo que queren saber quen finalmente vai a asumir o custe da reparación do actual centro de saúde e que o propio concello valorou en 47.000 euros.

Os socialistas amósanse preocupados ante esta situación que están a vivir os veciños e veciñas do Milladoiro, xa que ás carencias do propio dispensario hai que sumarlle os danos causados polo temporal que ocasionaron que tivese que pecharse a zona de urxencias; canto tempo máis poden estar así os usuarios do centro de saúde? O núcleo de O Milladoiro ten case 13.000 habitantes e non merecen contar cunhas dependencias sanitarias nese estado.

Por outra banda, os socialistas piden no escrito presentado copia oficial da documentación presentada á conselleira na que se ofertou a parcela que estaba destinada ao parque de bombeiros, e que o alcalde dixo que durante a xuntanza mantida na consellería coa responsable da sanidade autonómica lle había proposto como alternativa, xa que a anterior estaba inmersa nun contencioso. Di José Miñones, que “dados os antecedentes amosados polo alcalde non podemos confiar que sexa certo tal ofrecemento ata que o teñamos por escrito, xa que quen nos asegura que non é unha ocorrencia máis para saír do paso”.

Goberno ao ralentí e en punto morto
O que está claro, por desgracia, é que o Milladoiro vai a ter que seguir esperando polo ansiado e necesario novo centro de saúde, xa que debido á incompetencia amosada de maneira reiterada por este alcalde e polo equipo de goberno que dirixe fixo que a Xunta retirara o orzamento destinado á construción do ambulatorio, ao que hai que sumarlle a ocultación de información á oposición a non dar a coñecer que existía un contencioso sobre a parcela cedida para o centro de saúde. “Amor e o PP de Ames fai tempo que deixaron de preocuparse por gobernar o municipio e por defender e loitar polos veciños e veciñas”, afirma Miñones, que acaba por cualificar como “un goberno que está ao ralentí e en punto morto que se non se apagou aínda foi pola presión e a responsabilidade da oposición e pola cidadanía amiense”. Exemplo desa falla de interese e desafecto polos problemas da cidadanía é que no último pleno ordinario votaron en contra da moción conxunta presentada pola oposición e na que solicitaban unha solución para o centro de saúde

Servilismo de Santiago Amor

Din os Socialistas que eles xa advertiron que isto ía a acontecer, e que a retirada dos máis de dous millóns de euros dos orzamentos autonómicos significaba que durante o 2014 non se iniciarían as obras do centro de saúde. Lembran que fixeron emendas aos orzamentos a través do Grupo Socialista e que o Grupo Popular votou en contra, e lémbranlle ao alcalde que se ofreceron para formar unha fronte conxunta para reclamar diante da Xunta de Galicia que se respectase a partida para o dispensario do Milladoiro, pero que o alcalde preferiu calar e quedarse quieto. O portavoz do Grupo Socialista recalca que “desgraciadamente todo o anunciado polo PSdeG se rematou cumprindo” e Miñones achaca isto ao “servilismo amosado por Santiago Amor cara o goberno de Feijóo e do PP, contra os que nunca foi capaz de enfrontarse e sempre os antepuxo aos amienses”, e isto trae como resultado que agora o ignoren e o desairen publicamente.

Rematan os socialistas dirixíndose ao alcalde para pedirlle de maneira pública que explique os pasos a seguir a partir de agora e accións que ten pensado levar a cabo coa consellería de sanidade, porque esperamos que non quedará cos brazos cruzados.