O Socialistas de Ames informan do seguinte:
1. Días atrás o concelleiro do Grupo Municipal Socialista de Ames Francisco Doval Galán puxo en coñecemento do Secretario Xeral, Francisco Villaverde, e do Portavoz Municipal, José Miñones, a súa intención de presentar a dimisión.
2. Esta dimisión, tal e como comunicou, débese a motivos estritamente laborais e profesionais ao ver incrementada a súa xornada laboral e polo tanto non poder dispoñer do tempo necesario para dedicarlle á súa labor como concelleiro.
3. Francisco Doval presenta a súa dimisión como concelleiro pero, tal e como manifestou seguirá formando parte da Executiva Local como Secretario de Política Municipal.
4. A seguinte persoa da candidatura socialista, que ocupaba o posto de terceira suplente, non pode asumir a súa responsabilidade por atoparse fóra do concello polo que presenta a súa renuncia.
5. A Executiva Local e o Grupo Municipal Socialista tras analizar a situación acordaron, en función do que fixa a LOREG no seu artigo 182.2, nomear a unha persoa que non formase parte da candidatura do PSdeG-PSOE nas eleccións municipais do 2011.
6. Todos estes pasos e acordos foron postos en coñecemento da Asemblea de militantes o pasado xoves día 20 de febreiro, a cal avalou por unanimidade o acordado pola Executiva e o Grupo Municipal.
7. A persoa que foi proposta polo PSdeG-PSOE de Ames para formar parte do Grupo Municipal Socialista é Blas García Piñeiro, actual responsable de prensa e comunicación dos Socialistas de Ames.
8. Os Socialistas de Ames queren agradecer o traballo desenvolvido por Francisco Doval durante esta lexislatura, onde xogou un papel importante en temas como o regulamento da auga, propostas sobre infraestruturas ou temas educativos.
9. Os Socialistas de Ames, tal e como xa temos manifestado queremos que as persoas que se incorporen ao Grupo Municipal poidan ter unha dedicación importante, xa que a situación política que atravesamos no noso concello require un traballo amplo e unha entrega extensa á condición de concelleiro ou concelleira.