Aos veciños de Ames ofrézolle traballo, diálogo e dedicación

José Miñones Conde anuncio o pasado mes a súa intención de ser candidato á alcaldía de Ames nas vindeiras eleccións municipais. “Jose” como lle chaman os máis próximos é unha persoa que se dedica en corpo e alma con aquelo co que se compromete.

Fai sete anos que se comprometeu coa política e co PSOE e desde ese día non deixou de traballar polo que cree. O mesmo lle acontece coa súa vida profesional: a investigación e da docencia. Na actualidade traballa como profesor de Físico Química na facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e forma parte como investigador do Grupo de Monocapas.

Fai uns días anunciou a súa decisión de ser candidato dos Socialistas de Ames á alcaldía. Que o levou a tomar esa decisión?

Esta decisión non é algo que fixera á présa e correndo senón que é froito dun tempo longo de maduración e meditación. Cumpro agora 2 anos dende que tomei a decisión de ser o portavoz do Grupo Socialista despois do apoio dos compañeiros do Grupo e do Partido. Agora acontece algo parecido, son moitos -compañeiros e veciños- os que me levan animando a dar este paso, e que me
pedían que encabezase as listas das municipais e grazas ao apoio recibido, en primeiro lugar da miña familia, e despois do Grupo Municipal e da Executiva, pois é cando decidín dar o paso.

Como está a recibir por parte da xente o anuncio feito?

A verdade é que estou moi contento de cada unha das felicitacións. Non son poucos os que me din que xa o esperaban e iso é o que mais me sorprende, pero dende logo éncheme de orgullo saber que conto con esas persoas e que a xente está igual de esperanzada ca min coa idea de volver a gobernar este Concello. Ademais síntome fortemente avalado polos compañeiros das diferentes agrupacións, por Fran Caamaño como Secretario provincial, ou Pilar Cancela como Secretaria de Organización do PSdeG, que sumado aos apoios dos meus compañeiros e compañeiras pois animan, e moito, a seguir loitando no día a día para conseguir esa meta.

Para os que pensan que é novo nisto, que lles diría?

Eso sempre é moi relativo, e depende non só do tempo que se está nos sitios, senón do que se aprende e das experiencias que se viven. Para min ter sido concelleiro nun goberno minoritario durante dous anos, levar dúas concellarías, estar na organización de campañas electorais ou ser concelleiro na oposición durante unha lexislatura moi esixente, onde o goberno está en minoría absoluta o que implica unha maior responsabilidade da oposición, sendo ademais portavoz municipal durante case eses catro anos, pois é unha bagaxe que considero moi completa. Aínda que levo, a día de hoxe, só 7 anos na política, son anos intensos e coa oportunidade de velo dende os dous lados da barreira, o que me permitiu ter unha visión máis completa do Concello.

E que lles ofrece aos veciños de Ames cara o futuro?

Gústame esa palabra de ofrecer, e non prometer. Pois sempre digo o mesmo sobre o de ofrecer: o mesmo que agora estamos facendo dende a oposición: traballo, diálogo e compromiso. Sei que nalgunhas ocasións non teremos o mesmo punto de vista e tocaranos explicalo porque creo que esa debe ser a base do noso traballo, falar coa xente e dicirlle o porque das nosas decisións. Eu estou aberto a explicarlle a calquera veciño o nosa labor dende a oposición e creo moi importante que eles a coñezan porque a partir do noso traballo xa me poderán valorar. No referente ao futuro creo que todo o mundo está de acordo en que hai que cambiar a este Goberno e as súas formas, solucionar os problemas da xente en vez de crealos, facerse valer fronte a Xunta para conseguir cousas para Ames, dialogar coa xente e coa oposición para facerse máis forte e tratar de que impere a lóxica na política municipal.

Como resumiría a situación actual do Concello e que propostas faría?

O temos dito en moitas ocasións, o Concello está paralizado, cun Goberno cego que non quere ver o que está a pasar, xordo porque non escoita nin á oposición nin aos veciños e mudo porque da a calada por resposta ou cando responde é para dicir “estamos en ello” ou “o miraremos”. Esta é a realidade actual, o Alcalde ausente e unha primeira tenente de Alcalde creando problemas en vez de solucionalos. Que propostas faría?, levamos moitas feitas e non imos a parar. Grazas ao noso traballo saíron as obras do POS do ano pasado, nas de este ano 6 das 11 obras que se farán son propostas nosas, as taxas que pagan os amienses se conxelaron para este ano gracias a un voto particular noso, o convenio que recentemente se asinou para a Escola Infantil de Bertamiráns saíu en pleno adiante gracias a un receso que pedimos e no que a oposición en bloque demostrou a súa responsabilidade chegando a un acordo, estamos buscando unha solución para a Radio Municipal pese ao bloqueo do Alcalde, propuxemos diversas comisións para sacar adiante os asuntos máis importantes do Concello e participamos activamente en todas elas aportando novas ideas. Son moitas máis pero creo que o importante é que consigamos que saian adiante cousas que favorezan aos veciños independentemente de quen as faga.

Di que co goberno do PP Ames está “paralizado”. Onde considera que esta parálise é máis notoria?
Hai moitos campos nos que o Goberno non avanza e que estamos a sufrir os veciños e veciñas de Ames. É notorio que a política dos últimos anos non vai pensada para defender os seus intereses e a continua suba das taxas, IBI, escolas, campamentos, etc, son medidas que se suman a outras máis restritivas do Goberno autonómico ou central, como o IVE ou o custe de medicamentos. Os servizos sociais en Ames están a sufrir unha mingua dende o primeiro momento e froito da política do PP amiense.

“Temos na actualidade un Alcalde ausente do Goberno e de Ames”

Actualmente o PP de Ames está dividido e o sector oficial está en minoría no Goberno. Que opinión lle merece a xestión do alcalde en minoría?

Eu son da opinión de que o grupo do Alcalde nin tan sequera xa xestiona, están deixando pasar os días sen rumbo algún e dende logo falto de toda proposta ou iniciativa. Temos na actualidade un Alcalde ausente do Gobernoe de Ames. Coa rotura do goberno demostrouse que as denuncias que fixemos durante varios meses os Socialistas tiñan moito fundamento. Agora son os propios escindidos os que confirman que o Alcalde dende o primeiro día estaba desaparecido do Concello e se centraba na Deputación, agora a cousa non cambia moito e o Goberno solo espera que a oposición sexa quen saque as castañas do fogo. Como referencia un dato que moita xente descoñece, na actualidade hai abertas ata 6 comisións diferentes nas que a oposición traballa por sacar adiante asuntos como o regulamento da auga, a licitación do contrato da auga, o regulamento interno ou a radio municipal entre outras. Iso creo que xa o di case todo.

Considera que para as próximas eleccións municipais do 2015 o PSOE de Ames é a mellor opción de goberno para este Concello? Por que?

Sen dúbida algunha así o creo e por iso estou aquí. A xente necesita un partido que goberne pensando neles e non en contentar ao que preside a Xunta ou ao Goberno Central como está a facer nesta lexislatura o PP de Ames. Se antepón un plan de axuste restritivo e cunha carga de intereses enorme para quedar ben fronte ao estado central sen pararse a pensar nas grandes restricións que vai a supoñer para os amienses e o noso Concello. Creo que se cada un fai un balance dos anos de goberno Socialista e os do PP de Amor pode ver ben claro as grandes diferencias no social e no político. Os comedores escolares, as escolas deportivas, os campamentos, a escola de música, as axudas a asociacións, os servizos sociais e un largo etcétera son todas elas actuacións que naceron cun goberno socialista. Destes últimos anos de goberno popular solo podemos quedarnos cun incremento de taxas, de IBI e de inxustizas sociais como o cobro retroactivo do lixo ou a mingua dos servizos sociais ou das escolas deportivas.
Espero sinceramente que a xente saiba ver a gran diferencia de gobernos