Miñones: “É preocupante o estado de abandono que está a presentar o noso concello e iso é motivado pola ausencia dun goberno que estea no día a día municipal”

A falta de persoal que supervise as instalacións e áreas recreativas do concello de Ames sumado ao desleixo e falla de preocupación do goberno do Partido Popular fai que a lentitude na reparación dos estragos ocasionados tanto pola climatoloxía como pola propia deterioración que causa o paso do tempo están a converter ao concello amiense nunha ruína á vista de todos, segundo denuncia o portavoz socialista no concello, José Miñones: “É preocupante o estado de abandono que está a presentar o noso concello e iso é motivado pola ausencia dun goberno que estea no día a día municipal”.

Isto é o que ocorre no paseo situado na Travesía da Peregrina. Son moitos os veciños e veciñas, sen esquecer ás ducias de nenos e nenas, que se dan cita neste lugar para gozar dun paseo ao aire libre a pé ou en bicicleta. “Co que menos contan eles é que unha desas fermosas camiñatas se poida converter nun percorrido ateigado de obstáculos que salvar”, engade Miñones.

Denuncian os socialistas que o paseo está cheo de buratos e grandes fochancas que fan intransitable a zona ou que acaban provocando algunha que outra escordadura. Polo momento, que se saiba, non houbo ningunha caída importante pero xa hai varias semanas que esta zona sofre “esta grave situación e non se albisca solución algunha nin hoxe nin nos vindeiros días. Unha inoperancia máis a sumarlle a este goberno ausente”, sentencia o portavoz socialista.