O socialista acudiu a Augas de Galicia, acompañado do parlamentario autonómico Sánchez Bugallo, a reunirse cos técnicos para comprobar en que situación se atopa o proxecto

Para os Socialistas de Ames o desgoberno municipal está a ocasionar un abandono claramente demostrable, ao que hai que sumarlle a falla de iniciativa, o descoñecemento e a despreocupación do alcalde por gobernar Ames

O portavoz socialista, José Miñones, acompañado do parlamentario autonómico Xosé Antonio Sánchez Bugallo visitou as oficinas de Augas de Galicia para interesarse polo proxecto de ampliación da depuradora de Sisalde. Durante esta visita os técnicos do citado organismo informáronos da situación na que se atopa o proxecto, o cal está na fase de solicitude dos informes medioambientais oportunos.

Esta visita de José Miñones foi motivada pola escasa ou nula información existente sobre esta infraestrutura básica e tan necesaria para o municipio amiense, obra que xa foi prometida e anunciada fai varios anos polo conselleiro Agustín Hernández e o alcalde Santiago Amor, e sobre a que ata o de agora, “o goberno municipal do PP mantivo un absoluto mutismo”, tal e como manifesta o socialista José Miñones.

Realización dunha auditoría
O portavoz informou que os técnicos recomendaron a necesidade de realizar unha auditoria en profundidade para coñecer o estado no que se atopa a rede de saneamento, xa que se teñen detectado importantes fugas e filtracións nalgúns puntos que son facilmente subsanables e que mellorarían notablemente o funcionamento da actual depuradora, así como xerar un aforro eléctrico importante. “Esto só pon de manifesto e danos a razón nunha das nosas peticións desde que se iniciou o proceso de licitación do servizo municipal de auga, no que solicitamos que se realizase unha auditoría en profundidade para coñecer as obras e actuacións na rede que eran necesarias, e que á que se negou reiteradamente o Goberno de Amor” aclara José Miñones.

O que está claro, segundo os Socialistas de Ames, é que o desgoberno municipal está a ocasionar un abandono claramente demostrable, ao que hai que sumarlle a falla de iniciativa, o descoñecemento e a despreocupación do alcalde por gobernar Ames. “Negarse fai un ano o PP a realizar esta auditoría só ten como resultado máis gasto enerxético na depuradora e a perda dun tempo importante por culpa da falla de visión e a negatividade do goberno municipal”, sentencia o socialista.

Recalcan ademais a estrañeza que lles produce que ata o de agora o alcalde Santiago Amor non tivese realizado ningún tipo de contacto para informarse sobre este asunto, e pregúntanse se será debido a que descoñecen o proceso de como se desenvolve a ampliación da depuradora, porque se esqueceu de preguntar e falar con Augas de Galicia ou ben pola súa –do alcalde- habitual desgana e apatía por preocuparse e atender os asuntos municipais

Licitación do ciclo integral da auga
Por outra banda, o portavoz socialista avisa da situación de precariedade na que se atopa o municipio amiense con todo o relacionado coa licitación do ciclo integral da auga, que está amplamente vinculado coa ampliación da depuradora, xa que debido a que ningunha empresa quixo facerse cargo da súa xestión orixinouse unha dificultade enorme cunha difícil solución, “sobre todo se temos en conta a actitude de pasotismo coa que está tratando o asunto o goberno de Santiago Amor, o cal mantense de brazos cruzados e con moi pouca iniciativa para sacar adiante o problema”, recalca José Miñones. De aí que teñamos que ser os socialistas co resto dos membros da oposición os que teñamos que actuar con responsabilidade para intentar arranxar os problemas ocasionados pola incompetencia e a obstinación deste goberno.

Remata o portavoz municipal socialista dirixíndose ao alcalde para dicirlle que “ser alcalde consiste en algo máis que levar o bastón, presidir os plenos e saír nas fotos, tamén ten como responsabilidades as de preocuparse por xestionar as necesidades e carencias municipais, atender e escoitar aos veciños e veciñas ou buscar solucións aos problemas e non crealos; e ata o de agora só aprobou a materia de saír nas fotos, no resto só sacou suspensos”.