O Concello de Ames aprobou este xoves unha moción presentada polo PSdeG-PSOE para demandar ao Goberno central a convocatoria dun referendo que permita á cidadanía “elixir libremente” o modelo de Estado.
A proposta contou co respaldo dos seis edís socialistas e dos catro de Ames Novo. Pola súa banda, Pacto por Ames optou pola abstención, mentres que os cinco representantes municipais “populares” rexeitaron esta petición.
No texto da moción os socialistas amienses poñen de manifesto que “máis do 69 por cento” da poboación española viva non votou a Constitución e, polo tanto, non puido decidir” sobre o modelo de Estado que esta consagra.
“Agora é necesario que a cidadanía sobre o modelo político do que quere dotarse e que se poña en marcha un referendo no que se poida decidir entre manter o réxime monárquico ou optar polo réxime republicano”, remarcan, e apuntan tamén que neste último caso a Xefatura do Estado se elixiría “mediante sufraxio universal, libre, secreto e directo pola totalidade da cidadanía”.
Ademais, argumentan a súa petición en que a española é “unha democracia madura” e que “necesita opinar e participar sobre o modelo de España que quere”. Na mesma liña, esgrimen que o referendo “dotaría o sistema resultante dunha auténtica lexitimidade”.