Os socialistas, que fan balance dos tres anos de Goberno, cualifican este ano como unha etapa escura e triste para Ames, porque ao goberno sen ideas, sen proxecto e adormecido, hai que sumarlle un alcalde que fai moito tempo que está ausente.

No PSdeG-PSOE priorizamos sempre os intereses dos amienses por riba de calquera outro que poida existir.

Os Socialistas de Ames fan balance do que significou o terceiro ano de lexislatura do goberno de Santiago Amor, e cualifícana como “a crónica dun fracaso anunciado” e din que “cada día que pasa se pon máis de manifesto a incapacidade do alcalde Santiago Amor para xestionar o concello de Ames”.

Desde a oposición, tanto o Partido Popular como Santiago Amor, tiñan solucións a todos os problemas municipais, pero desde que chegaron á alcaldía non só non foron quen de arranxar ningún dos problemas que ían xurdindo, senón que foron fabricando cada vez máis. Di o portavoz socialista, José Miñones, que é o encargado de analizar este último ano de goberno do PP, que “o tempo acaba de poñer a cada un no seu sitio, e durante estes tres anos demostrouse que Amor era un ‘bluf’, unha persoa que prometía moito pero ao que se lle apagou a bombilla desde que tomou posesión como alcalde”.

O alcalde abdicou das súas funcións
O PSdeG-PSOE fai unha análise do que significou este último ano para os amienses, e comparado cos dous anos anteriores do goberno do PP, din que é unha etapa escura e triste para Ames, porque ao goberno sen ideas, sen proxecto e adormecido, hai que sumarlle un alcalde que fai moito tempo que está ausente da alcaldía e que se esqueceu de cumprir co seu compromiso fundamental, que non é outro que o de protexer e defender os intereses dos e das amienses. Miñones di que “o alcalde fai tempo que abdicou das súas funcións e que saltou do barco deixando ao concello sen rumbo e sen guía”, e cando unha persoa falta e incumpre os seus compromisos coa cidadanía merece ser castigado con dureza.

Din os socialistas que non queren volver a poñer de manifesto a ruptura do grupo de goberno, aínda que seguramente sexa un dos episodios máis tristes e bochornosos da historia de Ames, xa que tanto Santiago Amor como Ramón García Argibay dilapidaron en pouco máis dun ano a confianza maioritaria dos votantes, unicamente polo seu egoísmo e pola súa loita de intereses. “Sen dúbida este rencor entre ambas partes segue a lastrar a política municipal de Ames, posto que en cada pleno e en cada acción pálpase o odio e a animadversión persoal que existe, e iso non é bo para o concello porque impide que ambos grupos actúen con responsabilidade”, manifestan os socialistas con rotundidade.

Licitación do ciclo integral da auga
Seguramente un dos temas máis importantes para o concello de Ames, como é o da licitación do ciclo integral da auga, é o claro exemplo do xeito de actuar do goberno do Partido Popular e do seu alcalde. A pesares dos reiterados avisos xurdidos da oposición para que se iniciase o proceso de licitación que caducaba o pasado ano, o grupo de goberno fixo oídos xordos e deixouno para o último día; co cal foi necesario realizar os pregos, as xuntanzas e as conversas sen o tempo necesario que require un asunto de semellante importancia, o que desembocou, por desgracia para os amienses, en que ningunha empresa se presentase para xestionar a auga. Lembramos que por responsabilidade e por compromiso cos veciños e veciñas de Ames os socialistas botaron a favor do documento para a licitación da auga.

Despois de non presentarse ningunha empresa para encargarse da xestión da auga, unha Comisión composta, entre outros, por todos os grupos políticos da corporación, encargouse de facer propostas e buscar a mellor solución para os amienses. Pero como é habitual o alcalde e o seu goberno preferiron cabalgar sós e decidiron adxudicarlle a dedo –vía decreto de alcaldía- a unha empresa a elaboración dos pregos para unha nova licitación, dándolle polo tanto as costas á oposición e ocultándolle esta importante información. Iso, foi o que provocou que toda a oposición votase en contra da nova licitación para que se realizase con consenso e sen facer trampas por parte do goberno. Di José Miñones que “o espectáculo que representou o alcalde e a concelleira-delegada –Eugenia Martín- no tema da auga é digno dos mellores esperpentos, xa que foi totalmente grotesca e desatinada”.

O finiquito das Escolas Deportivas
Pero este último ano de goberno de Santiago Amor serviu, por desgracia, para atacar aquelas cousas que funcionaban relativamente ben e que nalgúns casos eran modelo a seguir polo seu bo funcionamento; como aconteceu coas Escolas Deportivas, as cales sempre destacaron polo elevado número de usuarios e pola súa satisfacción, e foi durante este último ano de mandato do PP cando decidiron adxudicarlle o servizo a outra empresa priorizando a parte económica e sacrificando o servizo, o que orixinou un aluvión de baixas dos usuarios e trouxo como resultado que o Grupo Socialista tivese que pedir unha comparecencia plenaria da concelleira-delegada, Eugenia Martín, e fose reprobada a súa labor incluso polo propio goberno e por ela mesma.

Ocultando información da parcela do Centro de Saúde do Milladoiro
Outro exemplo da nefasta xestión foi o acontecido co Centro de Saúde do Milladoiro, o cal sufriu cuantiosos danos polos temporais invernais, que viñeron a sumarse á precariedade xeral do edificio que se quedou pequeno para o elevado número de doentes que ten que atender diariamente. É coñecido por todos e todas que fai anos que se está a reclamar por parte dos grupos políticos amienses e dos veciños e veciñas do Milladoiro a construción por parte da consellería de Sanidade dun novo centro, e que xa había unha parcela cedida á Xunta de Galicia para a súa ubicación. Pero casualmente, nos orzamentos autonómicos para este exercicio desapareceu a partida económica destinada a tal efecto, e foi a raíz da visita do alcalde á conselleira cando nos decatamos que a parcela cedida á Xunta de Galicia estaba inmersa nun contencioso e non podía iniciarse alí a súa construción. “Como é habitual o alcalde Amor ocultounos esta importante información dando novas probas do menosprezo ao que somete, non só á oposición, senón tamén aos veciños e veciñas de Ames”, di José Miñones.

A falla de información levouno ao Valedor do Pobo
Certamente é que a omisión de información e a ocultación de documentación foi unha constante neste período por parte do equipo de goberno, o cal fai oídos xordos ás reiteradas solicitudes de documentación por parte do Grupo Socialista. Un dos exemplos máis claros é a licitación do Servizo de Transporte Adaptado, o cal debería de terse licitado fai case tres anos –desde a súa chegada ao goberno- e a día de hoxe aínda está sen adxudicar, o que está a causarlle un prexuízo económico importante ás arcas do concello; e “ante esta desproporcionada situación foi polo que os socialistas tivemos que denunciar diante do Valedor do Pobo, xa que se nos impedía achegarnos á documentación do expediente ou se nos negaba a información requirida”, explica o portavoz do PSdeG, “e unha vez que o Valedor se dirixiu ao concello xa recibimos invitación do concello para ver o expediente”.

Un concello mediocre e en decadencia
Ademais dos descritos, son moitos máis os exemplos da horrenda xestión do PP durante este ano, da cal é difícil de extraer algunha cousa que non sexa negativa. Unha situación económica complicada con maior débeda e un plan de axuste que afoga ao Concello e que empeora cada día, asociacións e colectivos esquecidos e abandonados, traballadores municipais en pé de guerra pola falla de diálogo, falta de actuacións e coidado das infraestruturas municipais, falta de apoio por parte da Xunta de Galicia, deterioro dos servizos de benestar, etc. son moitos dos problemas que xurdiron durante este ciclo do PP ao fronte da alcaldía, o que fai que Ames pase de ser un concello pioneiro e na vangarda do municipalismo e dos servizos en Galicia a ser un concello mediocre e en franca decadencia.

Intenta silenciar á oposición
Esta é a maneira de actuar dun goberno que intenta silenciar á oposición a base de ocultarlle e negarlle a información necesaria para poder desenvolver a súa actividade, “pero por sorte o alcalde e o seu equipo é incapaz de lograr o seu obxectivo porque aos socialistas pódenos máis a nosa responsabilidade que a censura que intenta impoñer Santiago Amor”, explica Miñones Conde.

Nós só pretendemos cumprir co obxectivo que nos encomendaron os amienses, que non é outro que o de fiscalizar e defender os intereses municipais cada vez que sintamos que estos son atacados ou non son defendidos polo goberno do PP, din os Socialistas de Ames. Somos conscientes de que gobernar non é doado, pero a base de prepotencia, falla de diálogo e menosprezo á oposición é moito máis difícil; especialmente cando estás nunha clara minoría e pretendes impoñer os teus criterios de maneira autoritaria e unilateral.

Para o PSdeG o peor desta lexislatura é que aínda queda un ano por diante, e iso tal e como se están desenvolvendo os feitos en Ames a ao ritmo de devastación co que actúa este goberno é tremendamente preocupante como poden deixar todo para maio de ano que vén. Din os Socialistas de Ames que eles loitarán e traballarán para protexer os intereses de todos os veciños e veciñas e encargaranse de vixiar que o barco municipal non embarranque contra as rocas e se manteña a flote.

O PSOE leva 3 anos priorizando sempre os intereses dos amienses
Tal e como vimos facendo durante esta lexislatura, na que estivemos priorizando sempre os intereses dos amienses por riba de calquera outro que poida existir. Son múltiples as propostas que levamos feito e que seguiremos facendo durante este último ano. Propostas para obras nos POS dos anos 2012, 2013 e 2014 que saíron adiante; máis de cincuenta propostas no regulamento da auga ou no ciclo integral da auga; en materia educativa, en deportes ou para a revalorización da Radio Municipal; propuxemos unha nova parcela para o Centro de Saúde de Milladoiro sen que se perdera a dotación para o Parque de bombeiros; propuxemos e conseguimos o compromiso do número de prazas e xestión pública da futura Escola Infantil de Bertamiráns; propuxemos e conseguimos que non se subise o IPC nas taxas do ano 2014; destapamos o incumprimento dos pregos da nova empresa que xestiona as Escolas Deportivas; creamos a Comisión Municipal para tratar os desafiuzamentos, a comisión da radio municipal ou das escolas deportivas, … En definitiva, un longo e extenso curriculum de proposta e de traballo que se pode comprobar, porque “realmente que puxo sentido e cordura en Ames nesta lexislatura fomos os socialista”, incide Miñones.

É o momento de seguir aportando ideas frescas, propostas razoables e traballo serio e sensato, e aí é onde seguiremos estando nós, da man dos veciños e veciñas de Ames para que podan comprobar que non todos somos o mesmo. “Hai persoas que vimos á política porque nos gusta e por facerlle un servizo á cidadanía. O máis doado é quedar na casa e mirar os outros desde a barreira, pero os Socialistas de Ames estamos aquí para sacar isto adiante”, conclúe José Miñones.