As familias inscritas neste programa lúdico quéixanse da limitación de prazas e da elaboración dun sorteo para adxudicalas.
Os socialistas opóñense ás novas normas dos Programas Lúdicos porque din que van en contra da filosofía inicial dos mesmo.
Os Socialistas de Ames ante as varias protestas recibidas no día de onte por numerosos pais e nais que anotaron aos seus fillos para participar no Xuño Lúdico deste ano, decidiron presentar un escrito por rexistro solicitando información sobre esta actividade e porque razón se modificaron as bases e se fixou un número máximo de usuarios.
No día de onte, e ante a avalancha de preguntas e queixas que nos chegaron revisamos a documentación relativa a este asunto na que atopamos que, como xa é habitual esta é unha decisión unilateral que toma un goberno en minoría o cal decide impoñer os seus criterios en contra das necesidades que poidan ter os veciños e veciñas de Ames, e da realidade do propio concello. Ademais de non consultar nunca a opinión dos grupos da oposición en ningún momento para evitar que despois acontezan problemas e protestas.
Aprobación das prazas por decreto da alcaldía
Foi na Xunta de Goberno Local do mes de marzo (6/03) onde se aprobaron as bases dos programas lúdicos e se acordou que fose un sorteo o que decidise quen entraba e quen quedaba fóra no caso que os inscritos superasen o número de prazas. E foi a través dun decreto do alcalde, Santiago Amor, polo que se fixa número máximo de prazas en 195; explicase neste decreto asinado o pasado 21 de maio, que este número de prazas márcase porque así o esixe o plan de axuste 12/22, aprobado polo pleno en data 29 de febreiro do ano 2012. Lembramos que este plan de axuste foi aprobado polo goberno do PP cando tiñan a maioría absoluta no concello e que lles serviu para poder solicitar un crédito que xera uns intereses superiores aos 600.000 euros, e que ademais marca un serie de normas como a imposibilidade de contratar persoal municipal ou a obrigatoriedade de fixar de antemán o número de usuarios aos servizos municipais. O portavoz municipal socialista, José Miñones cualifica este plan como “un plan de afogamento que unicamente serviu para endebedar ao concello e poñerlle traba e obstáculos a calquera actividade que queiras desenvolver”.
As normas van en contra da filosofía dos Programas Lúdicos
Os socialistas amosan o seu rexeitamento a pechar o número de usuarios do Xuño Lúdico, porque vai en contra da filosofía inicial pola que se crearon estes programas que non é outra que a de axudar a conciliar a vida familiar e laboral ás familias de Ames. Lembran que estes programas lúdicos naceron baixo o goberno socialista para axudar ás familias que traballan e mentres tanto aos seus fillos e fillas ofrécenselle actividades lúdicas e educativas. Critican ademais que o criterio fixado nas normas para acceder á actividade sexa o do propio sorteo, en vez de fixar criterios estritamente de conciliación, marcando uns baremos de necesidade do servizo. Aínda que reiteran que non están de acordo con restrinxir as prazas de usuarios, “é un “sinsentido” poñerlle coto a un servizo que só busca axudar e beneficiar ás familias, e a limitación de prazas é un indicativo de que este goberno camiña de costas á cidadanía”, manifesta José Miñones.
Critican tamén os socialistas a tardanza coa que se desenvolven os prazos do Xuño Lúdico, xa que se fixa o sorteo para o día 20 de xuño –un venres- e o servizo comeza o día 23 –luns-, co cal o tempo para informar ás familias é escaso e ademais de ser inhábil ao ser un fin de semana.
Rematan os socialistas pronosticando que “desgraciadamente non vai a ser esta actividade lúdica a única que xere malestar entre os amienses, xa que o sorteo e o número limitado de prazas vai a seguir levándose a cabo no resto de Programas Lúdicos”