Na última xuntanza da comisión das Escolas Deportivas os tres grupos da oposición (Grupo do PSdeG-PSOE, Pacto por Ames e Ames Novo) presentaron unhas conclusións e uns acordos á comisión creada para analizar o funcionamento das Escolas Deportivas Municipais ante as numerosas queixas existentes polo seu mal funcionamento desde que este servizo lle fose adxudicado á empresa Eulen, SA.

Estas foron as únicas conclusións presentadas, xa que o goberno municipal non veu a necesidade de presentar ningunha conclusión posto que xa manifestaran todo o que tiñan que dicir nun pleno no que se debateu este asunto, tal e como manifestou a concelleira-delegada de Deportes, Eugenia Martín. Polo tanto, e tras someterse a votación o documento presentado este saíu aprobado polo votos dos tres representantes da oposición, e co voto en contra da concelleira Martín.

O documento de conclusións e os acordos que serán levados a un pleno ordinario é o seguinte:

Hoxe 24 de Xullo de 2014, e logo de mais de 5 meses dende a última convocatoria, celébrase esta última reunión da comisión das escolas deportivas para establecer as conclusións sobre o cumprimento do contrato das escolas deportivas municipais.

Dende o pasado 23 de Decembro no que se constituíu esta comisión e ata o día de hoxe os concelleiros/as da corporación estivemos solicitando e consultando diversa documentación, ademais de facer un seguimento das actuacións da empresa concesionaria, Eulen SA, sobre o servizo prestado ao longo do curso 2013/14.

Os pregos que rexeron o proceso de contratación deste servizo no seu punto 18 sinalan que “O adxudicatario (Eulen,SA) desenvolverá os seus traballos con estrito cumprimento do previsto no presente prego administrativo e técnico”. Baixo esta premisa os concelleiros abaixo asinantes establecen as seguintes CONCLUSIÓNS:

1ª) No punto 19 dos pregos indícase que “o adxudicatario disporá do persoal necesario segundo a relación incluída na documentación administrativa”. A empresa adxudicataria, Eulen SA, cando entregou a documentación administrativa para dito concurso non contaba con dito persoal, feito demostrado polos diferentes anuncios publicitados a unha semana de inicio da actividade na que se buscaban monitores para as distintas actividades.

2ª) Neste mesmo punto 19 dos pregos indícase que “notificarase ó Concello (con periocidade trimestral) os nomes, categorías e demais circunstancias persoais dos traballadores que cubran a plantilla para o desempeño do servizo”. A empresa Eulen SA incumpriu este punto dos pregos, xa que o 9 de Xaneiro de 2014 o Concello tivo que solicitarlle mediante escrito número 118 unha carta ao Grupo Eulen na que se pedían os Curriculum de todos os profesores xunto coa relación de monitores de cada escola, o cal evidencia que o Concello non dispoñía de dita información logo de tres meses de servizo da empresa.

3ª) No punto 19 dos pregos tamén se indica que “con independencia do material que o Concello poña a disposición da adxudicataria, o Concello entenderá que o material, maquinaria, produtos, etc, ofertados como melloras nas propostas foi considerado polo licitador como suficiente para a realización do servizo, e de non ser así, o adxudicatario deberá adquirir ó seu risco e ventura, o preciso para a súa correcta prestación…”. A empresa Eulen SA adxudicataria do servizo non contaba co material necesario para levar a cabo o servizo xa que non contaba coas bicicletas necesarias para a realización das clases de spinning, material que foi adquirido polo Concello por importe de 12.305,7€ con rexistro de factura do 7 de outubro de 2013, data na que xa se iniciara a actividade. Polo tanto non se cumpriu novamente o prego xa que a adxudicataria non tiña o material necesario suficiente ao inicio da actividade e non adquiriu dito material para a correcta prestación tal e como sinalaba o prego.

4ª) No punto 23 dos pregos establécese que “o contratista está obrigado a sufraga-los gastos de transporte do persoal”, o cal non nos consta que así se fixera nin queda reflectido nas nóminas dos traballadores.

5ª) Nas prescripcións técnicas no seu 2º punto e no apartado das obrigas do adxudicatario dícese que “O persoal contratado deberá contar, antes do inicio da prestación, ca cualificación exisida (monitor de cada actividade específica, ou bem titulación superior), e mantelo durante o tempo de vixencia do contrato”. Visto o informe da empresa e os curriculum dos traballadores, novamente incúmprese este punto do prego xa que existen certos monitores que non contan coa cualificación necesaria para o desenvolvemento da actividade específica.

6ª) Neste mesmo 2º punto das obrigas tamén indícase que “O coordinador do servizo deberá ter a titulación de licenciado em Ciencias da actividade física e do deporte”. A empresa Eulen SA volve a incumprir as súas obrigas xa que dende o comezo da prestación do servizo, no mes de Outubro, e ata o mes de Xaneiro, as funcións de coordinador estiveron desempeñadas por Jorge López Poceiro, monitor da empresa que non conta coa titulación esixida, tal e como confirmou o propio Coordinador da empresa na súa comparecencia do mes de Febreiro na comisión. A empresa afirma nesa comparecencia que a partires do mes de Xaneiro existen dúas persoas facendo as funcións de coordinación contando só un deles coa titulación esixida nos pregos. Polo tanto durante o primeiro trimestre do curso o coordinador non posuía a titulación esixida nos pregos. É evidente e demostrable o incumprimento dos pregos neste punto o cal ven corroborado polos pagos realizados en nómina a Jorge López dende o inicio das escolas nos que cobraba un plus de responsabilidade, tal e como confirmou o propio coordinador da empresa.

7ª) Nos pregos tamén se indica a obrigatoriedade de presentación duns informes por parte da empresa onde se recollan os partes de asistencia mensual a cada actividade. Revisada a documentación coa que conta o Concello existen numerosos meses onde non existen tales actas de asistencia en diferentes actividades, incumpríndose novamente as obrigas do adxudicatario.

8ª) Na oferta presentada por Eulen SA fálase de presentación de dúas enquisas de satisfacción do servizo que se realizarán aos usuarios. A data de hoxe tan só existe constancia de realización de unha enquisa ao final do curso, sen que teñamos a día de hoxe os resultados da mesma. É por tanto obvio que a empresa non cumpriu coa súa oferta de realizar dúas enquisas do grao de satisfacción, o cal à vista das ausencias repetidas dos usuarios (ata 400 usuarios non acudiron nos últimos meses a ningunha hora da actividade), a pouca renovación de prazas (próxima ao 50% de usuarios) e as múltiples queixas presentadas polos mesmos, parece correcto afirmar que existe un gran descontento co servizo prestado pola empresa adxudicataria Eulen SA.

9ª) A oferta da empresa Eulen para concursar á licitación incúmprese xa que a empresa di que os monitores teñen titulación para cada actividade o cal incumpriuse en numerosos casos, e por extensión incumprindo o contrato co Concello.

10ª) Incúmprese a participación en competicións, o que ademais obrigaría a asegurar aos deportistas, evitando situacións que se produciron como a lesión de membros das escolas sen cobertura.

11ª) Incidimos na obrigatoriedade de afiliación a un club de Santiago que facían a todos os membros da escola de judo, precisamente ca escusa de ter que asegurarse.

12ª) Todas estas situacións crearon unha mingua na calidade das escolas deportivas debido a
− Os prezos fixados para o pago dos monitores foron rebaixados considerablemente, o que provoca que os máis cualificados e con máis experiencia abandonaran as escolas.

− A inestabilidade provocada polos continuos cambios de monitores por parte da empresa concesionaria condicionou que as actividades que se impartiran non tiveran unha constancia no método de aprendizaxe.

13ª) O incumprimento dos pregos pon de manifesto o descoñecemento do funcionamento das escolas deportivas por parte da empresa tal e como manifestou un dos responsables da mesma nunha das comisións; ao igual que a responsabilidade dos responsables políticos que optaron por premiar o tema económico en detrimento da calidade do servizo

14ª) Á vista dos resultados e da consulta da documentación o Goberno mentiu nas declaracións onde afirmaba que non había un número de baixas importantes segundo os partes de asistencia do mes de Xaneiro e que as clases discorrían con normalidade, cando a realidade é que xa no mes de xaneiro o número de baixas ou usuarios que non acudiron ningún día do mes de xaneiro era de preto de 200. Tamén faltouse a verdade ao afirmar publicamente que o goberno entregara toda a documentación solicitada aos compoñentes da comisión e ao afirmar que o número de queixas era moi reducido. Todas estas mentiras, así como a inacción de goberno ante este asunto e a sabendas das irregularidades denunciadas dan a entender a esta comisión a falta de imparcialidade do Goberno neste asunto.

Por todo o exposto e tal e como se di ao final do punto 19 do prego “O Concello pode inspeccionar o servizo … e en caso de discrepancia proceder de acordo co estabelecido no prego ou sancionar ou resolver o contrato”, esta comisión conclúe que a empresa Eulen SA incumpriu o contrato na súa oferta ao Concello, incumpriu os pregos en asuntos tan importantes como a titulación e formación dos monitores ou na compra de material e incumpriu as súas obrigas tanto na titulación esixida do coordinador como na presentación dos informes emitidos nas actas de asistencia.

Conclúese por tanto que a comisión creada para coñecer o cumprimento do contrato das escolas deportivas municipais na súa maioría ACORDA:

1. Que o Alcalde de Ames, á vista dos reiterados incumprimentos da empresa Eulen SA, rescinda o contrato con dita empresa.

2. Que as conclusións desta comisión sexan comunicadas ao pleno da corporación na primeira sesión ordinaria.