Piden que se faga canto antes efectiva a dimisión da concelleira-delegada Eugenia Martín, porque semellante fracaso non pode seguir premiándose cunha dedicación exclusiva e coa capacidade de poder seguir no goberno.

Solicitan a convocatoria urxente dunha Xunta de Portavoces e que dea as explicacións oportunas no vindeiro pleno ordinario.

Miñones: “o alcalde debe de ceder e recoñecer a situación de minoría na que se atopa e no que queda de lexislatura sexa capaz de dialogar e consensuar coas demais forzas políticas para buscar o mellor para Ames e os amienses”

Os socialistas de Ames queren trasladar o seu malestar e preocupación polo lamentable espectáculo que está a dar o concello amiense co asunto da licitación do servizo municipal de auga; xa que, non entenden como transcorrido ano e medio desde que se iniciou o expediente para a licitación do ciclo integral da auga, nos atopemos a quince días de que remate a concesión sen que haxa ningunha empresa que se encargue da súa xestión.

“Alguén terá que asumir a responsabilidade deste fracaso e desta nefasta xestión”, di o portavoz socialista José Miñones, porque “é intolerable que a estas alturas, a piques de rematar a concesión, esteamos coa incerteza do que vai a pasar coa concesión da auga”, recalca o socialista. Á preocupación por esta situación os socialistas suman a súa indignación debido a que foi o alcalde e a concelleira delegada, Eugenia Martín, os que nos abocaron a esta situación de inseguridade, xa que a dúbida que xurde agora é saber o que pasará ao día que caduque a concesión; ademais de que este goberno do Partido Popular, debido á súa prepotencia e nula iniciativa de consenso e diálogo, foron incapaces de achegarse aos grupos da oposición para poder sacar adiante un prego acorde ás necesidades dos amienses, e preferiron actuar en solitario e de maneira pouco transparente e incluso ameazante, nalgunha ocasión, para sacar adiante unha licitación que nunca chegou a materializarse. Os socialistas de Ames manifestan que en todo momento estiveron a favor do diálogo e de chegar a un acordo para que en beneficio dos veciños e veciñas de Ames e do desenvolvemento do propio concello se puidese licitar o servizo de auga. “O Partido Socialista sempre tivo a man tendida e sempre apostou polo diálogo e presentou propostas para acadar acordos, pero por parte do goberno sempre se rexeitaron esas propostas e ese ofrecemento ao diálogo amosando claramente unha prepotencia e un despotismo que acabou resultando nocivo para os amienses”, aclara José Miñones.

Asumir responsabilidades
Din os representantes do Partido dos Socialistas de Ames que chegou o momento de que alguén asuma responsabilidades de maneira clara e directa, e asuma a incompetencia continuada deste goberno, polo que “esperamos –din os socialistas- que se faga canto antes efectiva a dimisión da concelleira-delegada Eugenia Martín, porque semellante fracaso non pode seguir premiándose cunha dedicación exclusiva e coa capacidade de poder seguir no goberno”. Pero o alcalde, Santiago Amor, como máximo responsable municipal debe de asumir tamén o seu grave erro e pedir desculpas aos cidadáns pola súa arrogancia política e por abdicar das súas funcións ao fronte do concello, e ante a gravidade da situación actual debe de convocar canto antes unha xuntanza de portavoces e dar as explicacións oportunas diante do vindeiro pleno ordinario que se celebre, “o grupo do PSdeG xa ven de solicitar por escrito unha xuntanza urxente de portavoces, así como a inclusión na orde do día do vindeiro pleno ordinario dun punto no que o alcalde facilite as explicacións oportunas”, informa Miñones Conde.

Diálogo e consenso
Quedan nove meses de lexislatura e non se poden seguir permitindo máis abusos de poder, prepotencias, abdicacións de funcións, etc. porque o desgoberno no que nos sumiu o Partido Popular de Ames só trouxo ruína e decadencia ao noso concello, ata non fai moito tempo exemplo de progreso. “O acontecido coa auga é só un exemplo, o máis grave, do acontecido durante esta lexislatura en Ames, e que demostra ben ás claras o abandono que sufriron os veciños e veciñas” explica o portavoz socialista, “por iso o alcalde debe de ceder e recoñecer a situación de minoría na que se atopa e no que queda de lexislatura sexa capaz de dialogar e consensuar coas demais forzas políticas para buscar o mellor para Ames e os amienses”, conclúe Miñones.